rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Xeopolíticas da Animación

Xeopolíticas da Animación

Ficha

Datas: 
29 febreiro 2008 - 1 xuño 2008
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / CAAC, Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, Sevilla
Comisariado: 
Juan Antonio Álvarez Reyes

Resumo / Presentación

O MARCO de Vigo presenta nas salas da planta baixa a exposición XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN, en coprodución co Centro Andaluz de Arte Contemporáneo e comisariada por Juan Antonio Álvarez Reyes. É quizais a mostra máis ambiciosa realizada en España sobre a historia da animación na súa vertente artística, que reúne 63 obras de imaxes en movemento. Dende pezas clásicas dos anos vinte ata as creacións máis contemporáneas, de moi diversas procedencias xeográficas, nas que está representada toda a gama de recursos e técnicas propios do cinema de animación. A animación, analizada dende as súas orixes, como linguaxe visual de máxima actualidade e como poderoso vehículo de transmisión de ideas sobre valores e modelos culturais.

Síntese do proxecto

A mostra XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN, comisariada por Juan Antonio Álvarez Reyes, é unha visión da animación na súa vertente artística que formula dúas formas de achegamento a este xénero: una histórica, na que a modo de exemplo se inclúen traballos de autores clásicos significativos en relación co título da exposición e a temática que esta aborda, e outra xeográfica máis extensa, na que se ofrecen producións contemporáneas. Son traballos realizados por creadores de todo o mundo, que empregaron unha abundante gama de técnicas propias do cinema de animación, é dicir, da cinematografía “imaxe a imaxe”, utilizando procedementos como o debuxo animado, a plastilina ou a animación dixital por ordenador.

Por inocentes que poidan parecer, especialmente no cinema de animación infantil, as representacións levan implícitas ideas respecto aos valores e á moral das culturas onde xorden, e das relacións entre estas e outras alleas. Unha das intencións que ten esta exposición, organizada como un sistema de xustaposicións de obras concretas, é precisamente ofrecer ao espectador datos para comprender e incorporar ao propio, outros mundos manifestamente distintos.

A animación, ligada á industria do entretemento, estivo dende os seus inicios vinculada á difusión de modelos ideolóxicos e sistemas de comprensión do mundo. Esta exposición presenta historias animadas suficientemente evocadoras que constatan migracións de formas culturais que foron canónicas noutros tempos, e que hoxe se converteron en moeda de cambio expresivo; perversións, pois, de formas do pasado para deseñar representacións contemporáneas. Estas obras dan conta de como, a pesar das imposicións culturais extensivas na actualidade, certos fluxos de sensibilidade desacordes con ideoloxías e mitoloxías dominantes, conseguen fluír e xerminar en lugares do coñecemento, fóra de controis centralizadores, utilizando —e quizais recuperando— unha técnica tan antiga e libre como a da animación.

Como marco de referencia temporal, XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN ofrece unha selección de autores clásicos, entre os que figuran Segundo de Chomón, Lotte Reiniger, Kenzo Masaoka ou Norman McLaren. As súas obras son o testemuño do coñecemento histórico do cinema de animación, unha manifestación artística que valeu tanto para a reflexión crítica individual, coma para a difusión de propagandas ideolóxicas de todo tipo. Quizais a súa vinculación dende a orixe ás que se consideran dúas das principais riquezas da infancia —os seus segredos e os seus silencios— explique algo do seu éxito crecente.

Ademais destes e outros clásicos, a mostra inclúe obras de creadores contemporáneos tan dispares como Narda Alvarado, Kolkoz ou Gili Dolev, cun traballo que permite realizar nun mesmo espazo unha concentrada viaxe entremundos, xunto a propostas como a de Zhou Xiaohu, que nos achegan unha visión cínica das iconas mediáticas “made in USA”, ou outras, como as siluetas de Kara Walker, que recordan os tráxicos conflitos raciais do “vello sur” norteamericano. Animacións indispensables para entender a historia dun territorio como as de William Kentridge; sutilmente críticas co desmesurado crecemento urbano como as de Nils Norman ou Tintin Wulia; simplemente poéticas como as de Takashi Ishida ou Naoyuki Tsuji; políticamente comprometidas como as de Extramücadele ou Nathalie Djurberg, sen esquecer aquelas que reinterpretan a narrativa tradicional das súas comunidades de orixe. Así, a obra de Tomoko Konoike achéganos ao anime xaponés, ou creacións como a de Robin Rhode tráennos á memoria os contacontos africanos.

As temáticas abordadas son múltiples: sociedades postcoloniais, fluxos migratorios, críticas a políticas abusivas, a crise ecolóxica, as consecuencias da guerra, a febre do consumismo, pero tamén o desapego familiar, a inquietude existencial nas megalópoles contemporáneas, o sentir do absurdo e o baleiro persoal, a perda de intimidade e de memoria histórica, a aparición de novas figuras transnacionais heroicas, anxelicais ou demoníacas no terceiro milenio.

O cinema rexistra imaxes reais en movemento continuo; non obstante na animación non existe movemento real que rexistrar, senón que as imaxes se producen unha por unha, de forma que ao proxectarse consecutivamente se produza a ilusión de movemento. Esta peculiaridade permite ao creador elaborar narracións insólitas, crear mundos de ficción nos que todo é posible, onde as leis da física ou da metafísica poden ser transgredidas. A aparición progresiva de novos inventos técnicos, a fotografía, o cinematógrafo, o vídeo ou a sofisticación da imaxe dixital fai cada vez máis complexas as representacións animadas. Todo iso, unido á evolución das técnicas, á transformación da economía e á desarticulación de ordes culturais absolutas, fai que esta exposición sirva como mostra do grande teatro do mundo dos nosos días.

Artistas

Abel Abdessemed
Gabriel Acevedo
Narda Alvarado
Carlos Amorales
Berthold Bartosch
Segundo de Chomón
Sebastián Díaz Morales
Nathalie Djurberg
Gili Dolev
Hala Elkoussy
Emotive Project
Extramücadele
Kota Ezawa
Curro González
Shilpa Gupta
Federico Guzmán
Hans Hemmert
Tami Ichino
Takashi Ishida
Ivan Ivanov - Vano
William Kentridge
Avish Khebrehzadeh
Kolkoz
Tomoko Konoike
Joki Koyama
Valeriano López
Cristina Lucas
Basim Magdy
Tang Maohong
Kenzo Maohong
Norman Mclaren
Brett Murria
Takao Nakano
Mohamadou Ndoye Douts
Rivane Neuenschwander
Nils Norman
Eko Nugroho
Gökhan Okur
Txuspo Poyo
Talal Refit
Lotte Reininger
Robin Rhode
Andreas Schulenburg & Jonas Fromm
Sheila M. Sofian
Jan Svankmajer
Tabaimo
Naoyuki Tsuji
Kara Walker
Warner Brothers / Bob Clampett
Amelie von Wulffen
Tintin Wulia
Zhou Xiaohu
Young - Hae Chang - Heavy Industries

Texto curatorial

“É na crise do occidentalismo e na emerxencia do pensamento fronteirizo onde a exposición Xeopolíticas da animación ten as súas bases conceptuais. Walter D. Mignolo defende ‘son de onde penso’, o que establece unha xeopolítica do coñecemento que pode ser trasladada á construción dunha visualidade crítica do sistema-mundo herdeiro da modernidade e, unido a ela, da experiencia colonial. Como no seu momento sinalou Edward W. Said, ‘a relación entre a política imperialista e a cultura é asombrosamente directa’. Así, a animación, como unha linguaxe visual moderna implicada na construción do imaxinario occidental a través dunha das súas industrias do entretemento máis potentes, pero axiña tamén difundida e expandida —como o cinema— cara a outras xeoculturas, pode servir como un dos terreos dende o cal cartografar esa colonialidade global do presente. Isto último é o que intenta facer esta exposición por medio dun determinado discurso visual expositivo no que as obras están aí en unión ou diálogo entre elas, nun intento cartográfico e narrativo que mediante un corte espazo-temporal visualice algúns dos capítulos da ‘constitución política do presente’, por utilizar a expresión que Michael Hardt e Antonio Negri empregaran no seu ensaio Imperio. Desta forma, e a través dun determinado medio, analizar a orde mundial e a produción biopolítica no que a animación ao longo do século XX e no presente tivo e ten un papel concreto ligado á difusión de modelos ideolóxicos e dun determinado sistema de comprensión global. Para isto último, cómpre atender a como determinadas estéticas, formas e modelos de animación viaxaron no espazo e/ou no tempo á vez que o fixeron as ideoloxías, resignificándose tanto a forma como o contido e dando lugar a outras narracións visuais.

Por outra banda, a segunda das bases teóricas da exposición está en Fredric Jameson e a súa ‘estética xeopolítica’, en relación aos estudos que emprendeu sobre ‘cinema e espazo no sistema mundial’. Así, o concepto de ‘xeografía cognitiva’ deviría en eixe argumental da mostra en tanto en canto que paradigma do inconsciente político. Así, mediante esta cartografía intentaríase construír unha visualidade das interconexións do psíquico e o social, do espacial e o político. E para isto, a animación posúe algunhas calidades específicas que a converten nun medio moi axeitado sobre todo pola produción de afectos cos que traballa tanto na base da súa construción medial, coma no seu sistema de distribución emocional, permitindo visualizar esas interconexións entre cultura, xeografía e política, xunto a unha dobre vía que circula co peso psíquico que o individual exerce no colectivo, á vez que coas construcións ideolóxicas que modulan as narrativas persoais.
 
Dedicada á animación e dalgún xeito tamén á súa historia, partindo dende o seu rico presente —resaltándoo— esta exposición busca presentar un amplo panorama ao modo de resumido mapamundi dun xénero dende unha perspectiva experimental e crítica. Como aconteceu coa historia do cinema, co desenvolvemento doutras cinematografías diferentes ás occidentais, tamén historicamente a animación tivo distintos puntos fortes xeográficos, non sempre coincidentes cos cinematográficos. As ‘xeopolíticas da animación’ que aquí se propoñen intentan combinar e resaltar estes aspectos, partindo principalmente da animación realizada dende o ámbito da arte contemporánea”.

Juan Antonio Álvarez Reyes
Comisario da exposición

Comisariado

Juan Antonio Álvarez Reyes

Juan Antonio Álvarez Reyes é crítico de arte e comisario de exposicións. Foi comisario da Sala Montcada da Fundación “La Caixa” (1997-98), e entre 2002 e 2004 dirixiu o Centro de Arte Contemporáneo Párraga (Murcia). Comisariou, entre outras, as seguintes mostras: La casa, su idea (Comunidad de Madrid, 1996), El yo diverso (Fundación La Caixa, Barcelona, 1997), Ciudades sin nombre (Comunidad de Madrid, 1998), Escenarios (Injuve, Madrid, 2000), Más vivas muertas que nunca (MEIAC, Badajoz, 2002), Monocanal (Museo Reina Sofía, CGAC, Centre d’Art Santa Mónica, Koldo Mitxelena, Museo Patio Herreriano, CajAstur, Casa Díaz Cassou e Centro José Guerrero, 2003), Esfuerzo (Koldo Mitxelena Kulturunea, 2004), Sesiones Animadas (CAAM, Las Palmas, e Museo Reina Sofía, Madrid, 2005), Actions Tour (Nit Niu, Mallorca, 2005), Historias animadas (Caixaforum, Barcelona, Sala Rekalde, Bilbao e Le Fresnoy, Lille, Francia, 2006), En un mundo mágico (Nit Niu, Mallorca, 2006), Fantasmagoría (Fundación ICO, Madrid, 2007), Madrid Abierto 07 (intervencións no espazo público, Madrid, 2007) e Los Límites del Crecimiento (Sala Alcalá 31, Comunidad de Madrid, 2007). Actualmente prepara Try again, para La Casa Encendida, Madrid e Koldo Mitxelena, San Sebastián.

Como crítico de arte, na actualidade é colaborador habitual de ABCD —suplemento cultural do diario ABC— e da revista Artecontexto. Anteriormente traballou en Diario 16 (1995-1997) e dirixiu El Periódico del Arte (1997-2002), sendo corresponsal durante ese período de The Art Newspaper, Le Journal des Arts e Il Giornalle dell’Arte, ademais de colaborar con numerosas publicacións especializadas nacionais e internacionais.