rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Xisela Franco. Interior, exterior, durante. Fotograma de vídeo. MARCO Vigo, Anexo, 2016. Cortesía da artista
Xisela Franco. Interior, exterior, durante. Fotograma de vídeo. MARCO Vigo, Anexo, 2016. Cortesía da artista
Xisela Franco. Interior, exterior, durante. Fotograma de vídeo. MARCO Vigo, Anexo, 2016. Cortesía da artista
Xisela Franco. Interior, exterior, durante. Fotograma de vídeo. MARCO Vigo, Anexo, 2016. Cortesía da artista
Xisela Franco. Interior, exterior, durante. Fotograma de vídeo. MARCO Vigo, Anexo, 2016. Cortesía da artista
Xisela Franco. Interior, exterior, durante. Fotograma de vídeo. MARCO Vigo, Anexo, 2016. Cortesía da artista

XISELA FRANCO. Interior, exterior, durante. Ciclo PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ficha

Datas: 
23 setembro 2016 - 8 xaneiro 2017
Lugar: 
Anexo [vestíbulo principal]
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración con Unidade de Igualdade, Universidade de Vigo


Coincidindo coa xornada inaugural, o venres 23 de setembro ás 19.30 terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público entre a cineasta Xisela Franco e a comisaria do proxecto, Chus Martínez Domínguez.

PROBLEMÁTICAS
Artistas no relato incompleto


Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez

O 29 de abril estreouse un novo ciclo expositivo no Anexo do MARCO, un lugar que dende 2015 foi convertido en sala de proxectos. Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións con periodicidade anual. Nesta ocasión, e ao longo de 2016, a crítica de arte e comisaria Chus Martínez Domínguez presenta o ciclo ‘PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto’.

Tomando como punto de partida as circunstancias e realidades problemáticas que se producen na interacción entre as artistas e o sistema da arte, este ciclo achega, a través de catro proxectos específicos, diferentes cuestións da teoría e a práctica artística, concretando as investigacións, conceptos e poéticas sobre as que xiran os traballos de cada unha das participantes.

Un programa articulado nas propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Xaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) e Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que tecerán relatos e accións particulares arredor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria. Apenas algunhas cuestións dun longo discurso sobre o traballo das artistas que sempre parece disposto, ou imposto, nun estadio inacabado, en construción e reivindicado.

O Anexo do MARCO convértese na metáfora idónea dos espazos nos que demasiadas veces operan as creadoras; nas marxes, na resistencia, nos cantos do sistema. Este proxecto, non obstante, quere volver preguntar e insistir neses lugares, transformalos en relatos guionizados polas propias artistas, enfrontándose a eles como un escenario no que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que as limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade na que a cuestión de xénero segue a ser problemática.

Programación e calendario


Mónica Cabo
29 abril – 26 xuño 2016

Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios
8 xullo – 11 setembro 2016

Xisela Franco
23 setembro 2016 – 8 xaneiro 2017

Carolina Bonfim
20 xaneiro – 26 marzo 2017

Información e visitas

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto

Presentación
Proxecto gañador convocatoria axudas de produción ARTISTAS 2015

O proxecto de Xisela Franco foi seleccionado como a proposta gañadora da convocatoria de axudas de produción ARTISTAS 2015, unha iniciativa conxunta da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o MARCO. A convocatoria tiña como obxecto a realización dunha exposición individual como parte da programación do Anexo do MARCO en 2016, concretamente o ciclo Problemáticas comisariado por Chus Martínez Domínguez.

Esta convocatoria de apoio á produción enmárcase no proxecto de visibilización ARTISTAS, que a Unidade de Igualdade ven desenvolvendo dende o ano 2011. Unha iniciativa destinada a apoiar ás mulleres que desexan comezar a súa andaina no campo da arte, facilitando a súa incorporación ao espazo artístico profesional, buscando novas redes de difusión, promovendo e dando visibilidade aos seus traballos, dadas as maiores dificultades que teñen respecto aos seus compañeiros. Esta é a primeira ocasión na que o proxecto se concreta en axudas á produción.

Obras en exposición

Interior, exterior, durante é unha película-instalación de 8 horas de duración que mostra un día de contemplación dunha paisaxe costeira galega dende o balcón dunha casa. No visual, unha fiestra ao exterior feita de imaxes meditativas do ámbito dun destino vacacional xunto ao mar, Baiona e a súa ría, presentado en forma de tríptico. No son, o off suxire un espazo fóra de campo que humaniza as estampas marítimas con gravacións cotiás do interior do fogar onde un bebé, a filla da autora, evoluciona na súa aprendizaxe cognitiva dende os 0 aos 3 anos. Se no visual se sucede un día completo, no sonoro desprégase un arquivo cronolóxico de momentos da crianza. O íntimo e o interior do fogar rodean a paisaxe exterior. O invisible dá sentido ao visible, e o audio confróntase coa imaxe para abrazala e outorgarlle concreción e sentido.

A película foi realizada expresamente para o MARCO e instálase nun espazo-cuarto onde se dispoñen dúas fontes sonoras: unha próxima ao fondo da sala onde se sitúa a ventá, o balcón, que reproduce o son ambiente da paisaxe exterior; e outra máis próxima ao centro do cuarto, que alude ao interior do fogar que acolle e educa a un novo ser.

Se o espectador visita a obra a primeira hora da mañá, atoparase probablemente cun amañecer dourado sobre o que a nena balbuce, chora ou emite sons previos á linguaxe verbal. Se se visita a exposición ao mediodía, o sol estará a chegar ao seu cénit e a claridade do ceo azul quedará envolvida co son da nena articulando as súas primeiras palabras. O fóra de campo evoca momentos cotiáns da intimidade familiar relacionados coa aprendizaxe da linguaxe, escenas entre unha nai e unha filla nas que tamén a miúdo aparece o pai. Se o público-espectador entra na película ao final do día, probablemente se tope coa posta de sol, avermellado "solpor", ou fragmentos do anoitecer, mentres a pequena fala xa con soltura.

Unha viaxe ao interior dos sentimentos de Xisela Franco que utiliza a imaxe e o son como medios de expresión onde articular as súas propias experiencias. A cámara utilizada como escritura para ensaiar o pulso da vida.

Artistas

Xisela Franco (Vigo, 1978) é cineasta e investigadora, con ampla traxectoria no documental e o cinema experimental. Actualmente continúa explorando o documental de creación e a videoarte, ao tempo que remata o seu doutoramento en Belas Artes na Universidade de Vigo, sobre “Cinema de museo”, nunha tese dirixida por Silvia García e Margarita Ledo.

Licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Filosofía pola UEM, residiu en Madrid durante nove anos e nesta cidade fundou a súa produtora Epojé Films, que realiza documentais para TVE ou Canal Historia, e filmes con vocación artística. Sempre indagando novos camiños da expresión audiovisual que cuestionen a identidade do cinema para redefinilo, a súa obra recibiu premios e percorreu galerías e festivais internacionais. Aadat (2004), codirixida con Noé Rodríguez, recibiu o galardón Ciudad de Madrid ao Mellor Documental Español no Festival DocumentaMadrid, o Premio á Mellor Obra de Videoarte de Vitoria Gasteiz, e foi finalista en varios festivais europeos, como Leipzig International Film Festival e European Film Biennale, Ludwigsburg. De 2006 a 2010 trasládase a Canadá, cunha Bolsa da Fundación Caixa Galicia para Estudos de Posgrao, e cursa un MFA (Master of Fine Arts in Film) en York University, supervisando a súa memoria de licenciatura o cineasta Phil Hoffman. En York tamén imparte clases de Film Art como asistente do profesor John McCullough, entra en contacto coa vibrante comunidade de cineastas e artistas de Toronto, e achégase ao documental de vangarda canadense. Entre 2012 e 2013 dirixe trece documentais para a serie da TVG “As Raíces” sobre historia industrial de Galicia, así como os documentais Camerún, al Norte con la ONG Pozos de Agua Mayo Rey, e SOS Comuneiros de Cabral, un documental activista contra a construción dun macro centro comercial. O seu filme Hyohakusha, codirixido con Anxela Caramés, foi premiado no Festival Cinemística de Granada.

Recentemente obtivo a subvención de Talento Audiovisual Galego que outorga Agadic, e o Premio ao Mellor Guión Galego no Festival Curtocircuito edición 2015, por Cruz Piñón (premio outorgado pola Asociación AGAC). En 2016 creou e dirixiu o proxecto “Cinema e Muller”, un conxunto de accións que pretenden visibilizar o cinema feito por mulleres en Galicia.

www.xiselafranco.com

Texto curatorial

Xisela Franco
Interior, exterior, durante
“Non mira nada; retén cara adentro o seu amor e o seu medo: a Mirada é isto”
Roland Barthes, A cámara lúcida
 
A cineasta Xisela Franco (Vigo, 1978) pertence á nova xeración de creadoras que experimentan libre, diversa e sen prexuízos as metamorfoses do cinema, indagando na intersección cinema-arte contemporánea, investigando e desenvolvendo as problemáticas derivadas dos limes espaciais e conceptuais do cine expositivo. Creadoras conscientes da vinculación fundamental entre o feminismo e a arte do vídeo, que atopan no tecnolóxico e dixital o marco conceptual desde onde investigar e actuar, e cuxos intereses temáticos contemplan o renacemento do corpo, a identidade e a memoria, entre outras, cunha subxectividade desenvolvida baixo perspectivas plurais. Así, a mirada de Xisela Franco evoluciona desde experiencias persoais, no caso da visceral Anima Urbis (2010) ou Vía Láctea (2013) e na obra Interior, exterior, durante, que agora presentamos —tecidas entorno á idea de maternidade— tamén coa necesidade de colarse no mundo privado doutras mulleres: con achegas a relatos máis íntimos e desde o cuestionamiento social, como Aadat (2004) e Cruz Piñón (2015). Unha traxectoria de traballos articulados desde o cine experimental, que van dando forma a distintas producións e proxectos científicos e expositivos como o recente proxecto visibilizador Cinema e muller (Deputación de Pontevedra).
Nesta a súa primeira exposición individual, Xisela Franco convida ao público do museo a ser espectador de cine, a contemplar o tempo desde a temporalidade propia. O proxecto Interior, exterior, durante traballa coa manipulación do tempo para chegar a unha xeografía sonora expectante, que atrapa no que sucede, na converxencia de imaxe gravada e duración experimentada. Franco roda expresamente para a sala expositiva, adecuándose ao seu horario de apertura, conceptualiza o propio dispositivo museístico. Así, a exposición está articulada por unha proxección en tríptico de oito horas de duración, con planos de cámara estática sobre unha paisaxe costeira; o poder sublime e limítrofe, simbólico e infindo, do mar, elemento presente en moitas das súas obras directa ou indirectamente. Combina as imaxes con son, coas voces dunha familia que traslada á sala o ambiente e códigos domésticos: contextualizando as horas do día, avaliando un clima emocional e mostrando a evolución da aprendizaxe verbal da pequena Maia —a súa filla— rexistrada durante un período de tres anos. Voces que son extensión de relatos individuais; de ensinanza e aprendizaxe; renuncia e xenerosidade. Deste xeito, imaxe e son están construídos do mesmo xeito pero presentados cunha aparente oposición que paseniñamente se irá transformando, para finalmente anudarse na experiencia do espectador.

Na obra destaca a extraordinaria facilidade coa que a autora transforma o común, desde e fronte o cotián. Franco interroga o que lle rodea e introduce a lembranza para activar a confrontación co momento presente, coa intención plenamente intelectual de interpretalo sen ocultar o que tal exercicio leva de emocional. Un guión íntimo, confeccionado a partir dun arquivo de obxectos, sons e imaxes, que, como acontece coas películas-guía de Chantal Akerman, transforman a pantalla na súa propia pel. Neste caso, tatuada cunha natureza perfecta, inabarcable, luminosa, tan só alterada nos tres fragmentos que compoñen a composición. Entón, o tríptico de Xisela Franco vaise tornando parapeto, velo, foso, aperta. Escenario e espello. Cada unha das imaxes transmite unha sorte de goce do baleiro, tamén de profundidade, de banalidade, e monótono na lentitude do seu ritmo, pausado, de planos longos nos que o durante incide e constrúe, define, o proceso. O fluxo do tempo fragméntase en tres instantáneas ou lenzos, nunha relación inmediata coas artes visuais que, sen embargo, distánciase de seguido nos espazos das marxes, reservado para recursos, ensaios ou erros, evidenciando a distinción entre a reprodución tecnolóxica e a experiencia do real. A autora constrúe imaxes que evocan un monitor en estado de suspensión, intuíndo fronte a esa pausa unha estratexia de introspección para somerxernos nese relato privado e complexo acerca da crianza. Poderiamos dicir que a artista presenta unha imaxe perfecta para experimentar unha marabillosa imperfección, nunha sorte de frontón emocional.
Este é un proxecto fundamental na busca emprendida por Xisela Franco para situarse nas marxes dos procesos creativos e expositivos que acompañan ao cinema e á arte, a través dunha cuestión tan complexa como é o tratamento e representación do tempo. Enmarcada nas reflexións do nacemento da súa filla, na evolución da súa aprendizaxe, este intervalo é o adecuado para sorprendernos na fascinación que esperta o que temos máis próximo. Unha viaxe emocional e poética a través de interferencias persoais e creativas, que documentan simultaneamente a contorna interior e exterior da artista: modos de estar no mundo, de observalo, documentalo e interpretalo. Tempo, lugar e acción na problemática da vida.

Chus Martínez Domínguez

Comisariado

Chus Martínez Domínguez


Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Chus Martínez Domínguez (Tui, 1976) é especialista en artes visuais contemporáneas. Na súa actividade profesional salienta o seu labor como crítica de arte, sendo colaboradora habitual do suplemento cultural Babelia do xornal El País e da revista Tempos Novos, ademais de ter colaborado noutras publicacións especializadas galegas e estatais, como ArtNotes, Arte y Parte e Artecontexto. É autora de textos e ensaios de investigación no ámbito da creación contemporánea e da muller no sistema da arte, participando en diferentes proxectos de investigación, catálogos e ensaios de institucións públicas e privadas como o Centro Galego de Arte Contemporánea, Consello da Cultura Galega, Museo Barjola de Xixón, Deputación de Ourense, Deputación de Lugo, Universidade de Vigo, Universidade de Santiago ou Universidade da Coruña. Exerce como comisaria independente de exposicións, experiencia que tivo como resultado as mostras no CGAC, Auditorio de Galicia, Sala Alterarte e Casa da Parra, entre outras. Destaca o seu labor como coordinadora do espazo www.espazodocumental.net (CGAC, 2008), un sitio web pioneiro dedicado a artistas galegos e editora da publicación homónima que deu como resultado espazodocumental.net. Pertence desde 2012 á Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.