rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Jean Picart Le Doux. Collage téxtil. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Carlos Sobrino Buhigas Pontevedra. Santa María desde A Caeira, 1929. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
G. Amat Cartel Exposicion Internacional. Barcelona. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Walter Gilbert. Pantera cazando lebre. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Marcel Bouraine. Arlequín sedente con pelota. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Jaime Pacheco. Feira do Mar. Vista xeral do recinto, no Berbés. Arquivo Fotográfico Pacheco. Concello de Vigo
Xosé Luís Otero. Atlas de soidade 1, 2019. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Luís Otero. A colmea deshabitada 1, 2019. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Luís Otero. Estética da destrución 1, 2019. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Luís Otero. O silencio de Deus 1, 2019. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Luís Otero. O Home Devorador 1, 2019. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Luís Otero A colmea deshabitada 2, 2019. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño

XOSÉ LUÍS OTERO. Atlas de soidade [Ciclo METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega]

Ficha

Datas: 
14 xuño 2019 - 15 setembro 2019
Lugar: 
Salas de exposición do primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Rubén Martínez Alonso

METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega

Coa mostra de Xosé Luís Otero, a serie de exposicións METRÓPOLE, comisariada por Rubén Martínez Alonso, chega á súa cuarta etapa. Este ciclo naceu cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. A proposta comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado.

O proxecto está concibido en dúas áreas claramente diferenciadas, tanto na montaxe coma en contidos, distribuídas nos espazos do primeiro andar. A correspondente ao pasado está representada por unhas salas nas que, a partir da referencia ou homenaxe ao filme Metropolis, se procura recrear o ambiente da cidade de Vigo nesas décadas iniciais do século XX, mediante planos e imaxes de arquitectura vangardista, fotografías e documentos de época, xunto a mobiliario, obxectos, vestiario e pezas decorativas de estilo art déco.

XOSÉ LUÍS OTERO. Atlas de soidade

A proposta de Xosé Luís Otero para a cuarta achega do ciclo METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega participa das dúas disciplinas clave na formación e posterior traxectoria do artista: a pictórica e a escultórica. Así, nas súas instalacións, a paisaxe, o xénero tradicional do que bota man na pintura protoabstracta dos seus comezos, vai cobrar unha nova dimensión, convertida xa en leitmotiv dun universo con dous polos: rural e urbano.

Cumprindo unha vez máis cos propósitos do ciclo METRÓPOLE, a exposición de Xosé Luís Otero inclúe unha selección de obras de nova produción baixo o título Atlas de soidade, pezas todas elas realizadas nos últimos meses especificamente para esta mostra e para este lugar, procurando así unha contextualización do conxunto en función das salas, dimensións, iluminación e posibilidades de deambulación no espazo, ao tempo que o material audiovisual achega ao público o proceso creativo.

A partir da seriación —método de traballo que a Otero lle permite explorar todas as posibilidades dunha mesma idea, sublimar esa proposta que contribúa a enriquecer, que engrandeza unha obra entendida como escolmado conxunto— o artista logra confeccionar o paisaxístico pano de fondo da súa propia traxectoria vital.

INFORMACIÓN E VISITAS GUIADAS

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00 / Sábados e domingos ás 12.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Artistas

Xosé Luís Otero


Xosé Luís Otero
(Nocelo da Pena, Ourense, 1966) desenvolve a súa actividade artística dende principios dos anos noventa, expoñendo en numerosas mostras individuais e colectivas, ao tempo que participa tamén en importantes feiras de arte nacionais e internacionais. Un desenvolvemento creativo o seu, dentro do ámbito da pintura contemporánea, que é o resultado dun proceso de investigación no que experimenta con novos materiais e texturas, arredor sempre dun concepto ou idea principal, fonte de inspiración e motora. A súa obra foi seleccionada en destacados certames e bienais, recibindo bolsas e premios, ademais de figurar entre os fondos de relevantes coleccións públicas e privadas.

Texto curatorial


Xosé Luís Otero. Atlas de soidade


Renovador dunha paisaxe construída agora a partir de recordos, fragmentos e refugallos de enorme carga emocional e forza expresiva; a natureza devastada, a cidade deshabitada como reflexo da soidade do individuo.

Unha paisaxe redebuxada, reestruturada, modificada e desnaturalizada, un proceso este que logra convertela en concepto básico da mesma, en construción mental. Unha paisaxe sen vida, imperturbable ao paso do tempo, erixindo Otero, paradoxalmente, unha sólida estética da destrución, un auténtico Atlas de soidade.

O Home Devorador

Para Otero, a conduta antisocial e destrutora é masculina. É o Home Devorador, o ancestral depredador da Nai Terra, o salvaxe violador do útero materno, a explosión do líquido amniótico, a incólume e vitoriosa herdanza atávica.

Un acto de incontrolable forza machista que comparte coa humanidade a súa orixe, avanzando canda ela. Unha devastadora colonización do planeta que fai deste vítima do crime máis estendido, tolerado e impune de todos cantos se cometeron.

Daquela, cadea perpetua ou pena capital? Tanto ten. Pois, que é o reo, o ser humano, senón un eterno condenado a morte? Desequilibrio humano que, inexorablemente, logrará culminar a súa teimuda conquista, que non é outra ca do seu propio exterminio.

A paisaxe herdada e a nova paisaxe

Un. Somos herdeiros do veleno que tingue uns ríos que morren antes de chegar ao mar. As cinzas ameazan hoxe con desbordar os vastos cadaleitos que antes eran abondosas fragas. Figuras rotas na paisaxe fumegante. Descomposición, desorde, caos. Entropía de estruturas abandonadas.

Dous. Limiar para o tránsito, porta de entrada e vía de comunicación.

Tres. Conquista dunha tridimensionalidade que forza o seu percorrido, que convida á exploración e á viaxe, imposibilitando a mera observación.

E catro. Son as novas paisaxes, construídas a partir da súa propia destrución. Curvas de nivel circunscritas nun lugar infinito, no espazo absoluto. Paisaxes interiores como sublimación da dolorosa contemplación, da experiencia estética.

Sanctasanctórum

Será o seu estudio, para o artista, o espazo máis sagrado, o reservado, o couto de caza, o lugar onde xermole todo o recollido extramuros, a gruta onde opere e asista ao seu propio milagre.

Fiestras altas e estreitas gardando celosamente a clausura do ermitán, mergullado este nunha cela onde o illamento borra calquera noción espazotemporal. E unha melodía que só el pode oír. Atento entón aos seus latexos, o corazón bate con forza clamando saír, abandonar de novo aquela ridícula caixa torácica. Alí fóra, pero máis dentro ca nunca, está Aquilo, o Todo, o Nada absoluto, a delicada sublimación e o instinto salvaxe, o maternal aloumiño e o impacto mundano.

Poesía, música e íntima reflexión, as tres únicas compañeiras dunha viaxe concibida como desenvolvemento creativo, dentro dun supremo proceso de investigación. Taller, almacén do material, de obxectos e texturas; mais tamén, e sobre todo, do inmaterial, das ideas e conceptos, que diariamente asaltan o artista. Fonte de inspiración. Instrumentos, en definitiva, dese proceso, capaces de dar forma a un proxecto inicial, de convertelo na obra final.

O Aleph ou a ilusión do tempo e o espazo

Primeira letra do alfabeto hebreo, a lingua sagrada, será o aleph —ou álef— o único pronunciado por Deus no Sinaí. Simbólico e evocador título entón o dun conto, o dezasete, que dará nome ó libro publicado en 1949. Pois non será senón dentro do universo borgeano onde a nosa referencia cobre sentido. Alí mesmo, no ángulo do soto dunha vella casa bonaerense da rúa Garay, o personaxe Borges descobre “un dos puntos do espazo que conteñen todos os puntos”, “o lugar onde están, sen confundirse, todos os lugares do orbe, vistos dende todos os ángulos”.

Porque niso consiste a depuración levada a cabo por Otero nas súas paisaxes iniciais, aqueles lugares e momentos acoutados que, sen dúbida, existiron, pero que, xa entón, aspiraban ao absoluto, á idea, ao concepto, ao todo. Así o refería o propio Borges no seu Aleph: “Nese instante xigantesco, vin millóns de actos deleitables ou atroces; ningún me asombrou como o feito de que todos ocupasen o mesmo punto, sen superposición e sen transparencia. O que viron os meus ollos foi simultáneo…”.

Do campo á cidade

O éxodo rural, a traumática experiencia sufrida polo artista durante a infancia, impregnará as súas paisaxes dun dramatismo de consubstancial natureza. Dous universos, dúas realidades tan próximas como afastadas, equidistantes dun individuo condenado ao illamento, á inherente soidade da alma.

Unha atmosfera familiar, pois, a que logra recrear no seu estudio, o lugar que é a un tempo terreo neutral e campo de batalla, o espazo no que conviven neonatos e desafiuzados.

Desterro físico en metástase, desgarrado lamento polo irrecuperablemente perdido. Desesperanza. Exiliadas emocións que volven sentir o vello arrepío. Espellismo con visos de pesadelo, agora tamén no interior dun perímetro urbano. O enferruxado esquelete. A silente e descarnada colmea deshabitada.

 

Rubén Martínez Alonso
Comisario da exposición

Comisariado

Rubén Martínez Alonso


Rubén Martínez Alonso
(Vigo, 1980) é licenciado en Historia da Arte pola USC Universidade de Santiago de Compostela, cursando posteriormente o programa de doutoramento en Linguaxe, Ciencia e Antropoloxía na UDC Universidade da Coruña. Co inicio da tese de doutoramento As sociedades recreativas na Galicia urbana (1850-1936), simultaneará a investigación coa docencia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Na actualidade, é profesor de Xeografía e Historia no IES Fin do Camiño de Fisterra. A súa primeira incursión literaria tivo lugar no eido da poesía, da man da revista DORNA. Expresión Poética Galega, na que publicaría ao longo da primeira década deste século. Porén, non será ata 2017, con Camiño de ningures, cando presente o primeiro poemario. A novela iniciática 1980 (ano cero) viu a luz en 2011, á que seguirá A saudade do caracol en 2012. Con As escaleiras do Gran Hotel gaña en 2013 a XIV Edición do Premio Risco de Creación Literaria. A última novela, Vila Suárez, vén de ser publicada neste 2019. No ámbito da investigación, serán varios os estudos publicados: Imaginería lígnea de la iglesia parroquial de Ntra. Sra. del Carmen de Ferrol e El Casino de Vigo. Crónica ilustrada de la histórica sociedad de recreo (1847-1936), en 2006 e 2013 respectivamente. No mundo da arte, ten colaborado en diversas exposicións de pintura, como Paisaxes (Casa de Galicia, Madrid, 2009); Paisagens da Galiza (Casa da Cultura - Casa Barbot, Vila Nova de Gaia, Porto, 2010); El bosque de favilas (Afundación, Vigo, 2011); Post industrial (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2012); Naturezas (Capitanía Marítima de Baiona, Pontevedra, 2012); Mostrarte (Alcaldía, Concello de Vigo, 2012); Xosé Luis Otero (Parlamento Europeo, Bruxelas, 2013); Efímero. The intensity of the ephemeral (AXA, Porto, 2014); Atmosferas (Fundación Vicente Risco, Allariz, Ourense, 2015), entre outras.