rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Jaime Pacheco. A rúa do Príncipe nevando, c. 1930. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xogo infantil de café art déco, c. 1925. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Martí. Reloxo de cheminea con gornición art déco Francia, c. 1925. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Rapto de Deyanira. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Abano art déco con motivos exipcios, c. 1925. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Pendentes art déco, c. 1925. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Manuel Castro. Recorte de pel, 2008. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Manuel Castro. Encaixe, 2017. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Manuel Castro. Xeado de toffee, 2008. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Manuel Castro. Unión aparatosa, 2018. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Manuel Castro. Unión aparatosa, 2018. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Xosé Manuel Castro. Pedra cosida,1988. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño

XOSÉ MANUEL CASTRO. Pedra filosofal [Ciclo METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega]

Ficha

Datas: 
6 xullo 2018 - 14 outubro 2018
Lugar: 
Salas de exposición do primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Rubén Martínez Alonso

 

METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega



O ciclo METRÓPOLE, comisariado por Rubén Martínez Alonso, nace cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. A proposta comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado.

O proxecto está concibido en dúas áreas claramente diferenciadas, tanto na montaxe como en contidos, distribuídas nos espazos do primeiro andar: por unha banda, a correspondente ao pasado, representada por unha sala na que, a partir da referencia ou homenaxe ao filme Metropolis, se procura recrear o ambiente do Vigo dos anos vinte mediante planos e imaxes de arquitectura vangardista, fotografías e documentos de época, xunto a mobiliario, obxectos, vestiario e pezas decorativas de estilo art déco. Por outra, a primeira mostra do ciclo, a individual de Xosé Manuel Castro que se exhibe nas salas frontais.

Respecto á parte histórica, as pezas reunidas teñen a súa orixe en fondos municipais —fotografías de Jaime Pacheco procedentes do Arquivo Fotográfico Pacheco; planos e alzados de edificios dos anos 30 e 40, e documentación do Plan Urbanístico de Antonio Palacios conservados no Arquivo Municipal do Concello de Vigo— e, en boa medida, en coleccións particulares, nomeadamente a galería Isadora Art Déco, entidade prestadora de gran parte das pezas que ilustran esta corrente estilística.

XOSÉ MANUEL CASTRO. Pedra filosofal


XOSÉ MANUEL CASTRO é o protagonista da primeira exposición individual. Baixo o título Pedra filosofal, a mostra reúne máis de setenta esculturas de distintos formatos e materiais, na súa maioría procedentes da colección do artista, ademais dunha obra producida especificamente para este proxecto —na que Castro, formado na pontevedresa Escola de Canteiros, encara o reto da talla en madeira— que se exhibe en salas acompañada de fotografías a modo de documentación do seu proceso creativo.

INFORMACIÓN E VISITAS GUIADAS


O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

PROXECCIÓN FILME 


Como parte da exposición METRÓPOLE, cada día ás 11.30 ofrecerase un pase completo do filme Berlin, die Sinfonie der GroBstadt [Berlín, sinfonía dunha grande cidade], de Walter Ruttmann.

Berlin, die Sinfonie der GroBstadt
Walter Ruttmann
Alemaña, 1927, 65’
Cortesía de Goethe Institut
Proxección todos os días ás 11.30

Artistas

Xosé Manuel Castro (Ponteceso, A Coruña, 1959) formouse na Escola de Canteiros de Pontevedra entre 1980 e 1985. Entre as exposicións nas que participou figuran as seguintes: VII Bienal de Arte. Novos Valores (Pontevedra, 1983); Imaxes dos oitenta (Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 1984); VIII Bienal de Arte (Pontevedra, 1985); V Bienal Nacional de Arte Ciudad de Oviedo (1986); Antropoloxía e memoria. Visión actual da arte galega (Fundación Calouste Gulbenkian, Lisboa, 1987); Dimensións atlánticas. Esculturas na rúa (UIMP, A Coruña, 1988); I Mostra Unión Fenosa (A Coruña, 1989); Arte galega: revisión dunha década. 1978-1988 (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1990); II Mostra Unión Fenosa (A Coruña, 1991); Pintores e Escultores Galegos na Expo 92 (Sevilla, 1992); Mar de Fondo. Trinta artistas por Galicia (San Martiño Pinario, Santiago de Compostela, 1995); Galicia. Terra Única (Santiago de Compostela/Lugo, 1997); Xeixos vivos (Galería Arabesque, A Coruña, 2007); Materia esencial (El Correo Gallego, Santiago de Compostela, 2008); Tres en raia (Galería Metro, Santiago de Compostela, 2009); En el alma pétrea (Galería Monty4, A Coruña, 2011); Gallaecia Pétrea (Museo de Galicia, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 2012); Piedra, papel, tijera (Galería La Catedral, Lugo, 2013); Lignolitos (Galería Monty4, A Coruña, 2014); II Certame de escultura Francisco Asorey (Cambados, Pontevedra, 2015); Pedras vivas (Galería La Catedral, Lugo, 2017).

https://josemanuelcastroescultor.wordpress.com/

Texto curatorial


Vigo, a cidade que, nos albores do século XX, tamén soñou con ser unha metrópole


“Cando se cumpren noventa anos da estrea do filme Metropolis de Fritz Lang no desaparecido cine Odeón da veciña rúa de Urzáiz, Vigo volve a vista atrás na procura dun momento clave da súa historia, aquel no que pasado, presente e futuro se deron a man e camiñaron xuntos, fundidos nunha perfecta e elegante harmonía coñecida como art déco, o estilo que soubo combinar, coma ningún outro, o clásico co ultramoderno.

Metropolis, un filme alemá de ciencia ficción cuxo expresionismo semellou ser o espello no que a nosa cidade quixo mirarse. Pois quizais fose nos anos trinta cando Vigo estivo máis preto de converterse nunha auténtica metrópole cinematográfica. En outubro de 1930, o famoso arquitecto Antonio Palacios recibe do concello un encargo moi especial: a redacción dun plan urbanístico. O ‘Plan de extensión e reforma interior da cidade de Vigo’ será entregado dous anos despois, contando coa aprobación municipal definitiva en xaneiro de 1934.

Pola súa banda, o estilo art déco comeza a abrollar cando murchaba o art nouveau, coincidindo así no tempo o outono dun coa primavera do outro, alá polo 1910. Pero será nos “felices anos vinte” cando o movemento alcance o seu cénit.

Corría o ano 1925 cando París inauguraba a súa histórica Exposition Internationale des Arts Décoratifs et Industriels Modernes. Nela exhibíronse os mellores traballos de deseñadores do talle de Ruhlmann, Lalique ou Rateau, sinónimos de luxo e sofisticación. Pero había xa case dúas décadas que Le Figaro publicara, na súa edición do sábado 20 de febreiro de 1909 e en primeira plana, un dos escritos máis iconoclastas da historia da arte: o Manifesto do Futurismo. Da man do seu ideólogo, o poeta e editor italiano Filippo Tommaso Marinetti, sentábanse as bases dunha das vangardas históricas máis polémicas. Unha rebeldía que falaba de ‘demoler’ museos, bibliotecas, de ‘combater’ o moralismo e ‘todas as cobardías oportunistas e utilitarias’, para rematar cun canto á cidade trepidante e moderna.

Mais, en realidade, o progreso non é incompatible co respecto ao patrimonio, algo que a cidade da oliveira, por desgraza, aprendería demasiado tarde. E é precisamente nun inmoble coma este, a sede do MARCO de Vigo, onde isto adquire un verdadeiro sentido. Pois o vello Palacio de Xustiza da rúa do Príncipe non sucumbiu, como outros, á devastadora especulación inmobiliaria das derradeiras décadas da pasada centuria. Reconvertido no Museo de Arte Contemporánea da urbe, os seus muros acollen agora a recente produción que, nas diversas disciplinas artísticas, nos ofrece a creación galega contemporánea.”

XOSÉ MANUEL CASTRO. Pedra filosofal


“A pedra xa non é o medio a través do cal se materializa a figura. Agora, a pedra é a figura. Non recoñeceremos formas humanas, animais ou vexetais nas súas obras máis icónicas, porque son as propias pedras as que se impoñen, con toda a súa morfoloxía mineral. Porén, a práctica da creación artística en Castro semella dar un paso máis, achegándose a unha especie de ‘neoalquimia’, que xa non procura converter o chumbo en ouro, senón que aspira a unha nova dimensión do inerte. Unha ausencia de vida que máis ben parece un estado de profundo sono, froito dalgún encantamento ou, simplemente, dun, ata agora descoñecido, proceso de hibernación.

A natureza ofrece o seu produto interior bruto, un non nato ao que o escultor terá que insuflarlle vida. Pero non unha vida antropomorfa. Nin sequera zoomórfica. As pedras han seguir sendo pedras, amosando, ao mesmo tempo, emocións, unha bágoa que escorrega pola súa superficie epidérmica, que se abre nun corte limpo de bisturí. E, como se da intervención dun prestixioso cirurxián plástico se tratase, logo da operación estética, todo ha de quedar moi natural, como se a propia natureza fose, en realidade, a verdadeira artífice da obra de arte.

Practicada xa na antiga Mesopotamia, o Exipto faraónico ou o Imperio persa antes de que gregos e romanos desenvolvesen as súas respectivas civilizacións, momento no que botará tamén raíces dentro da nosa tradición clásica, a alquimia ocupou sempre ese espazo reservado á protociencia, construída sobre uns alicerces filosóficos e onde se combinan, nun totum revolutum, unha metalurxia case mítica con disciplinas tan variadas como a astroloxía, a medicina, a física e a química, a arte ou a mística, entre outras. E, dentro dese hermético universo alquímico, a pedra filosofal foi, durante séculos, o seu obxectivo máis cobizado.

Lendaria substancia, dela dicían que era capaz de transmutar en ouro o chumbo. Pero, ademais desa incrible e máxica proeza, a pedra filosofal era o auténtico elixir da eterna xuventude, a fonte da inmortalidade. Por iso, todo aquel laborioso e alambicado procedemento era coñecido como Opus magnum ou Grande Obra.

Mais, acaso a arte non comparte coa alquimia esa eterna aspiración? Non soña a arte con transmutar as materias primas das que parte, con aportarlle nobreza, finura, delicadeza e vida ao vulgar froito xermolado nas entrañas da terra? E o artista, como un alquimista plástico, non devece tamén por alcanzar esa inmortalidade que só a súa Opus magnum lle pode reportar?”

 

Rubén Martínez Alonso
Comisario da exposición

Comisariado

Rubén Martínez Alonso


Rubén Martínez Alonso
(Vigo, 1980) é licenciado en Historia da Arte pola USC Universidade de Santiago de Compostela, cursando posteriormente o programa de doutoramento en Linguaxe, Ciencia e Antropoloxía na UDC Universidade da Coruña. Co inicio da tese de doutoramento As sociedades recreativas na Galicia urbana (1850-1936), simultaneará a investigación coa docencia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Na actualidade, é profesor de Xeografía e Historia no IES Fin do Camiño de Fisterra. A súa primeira incursión literaria tivo lugar no eido da poesía, da man da revista DORNA. Expresión Poética Galega, na que publicaría ao longo da primeira década deste século. Porén, non será ata 2017, con Camiño de ningures, cando presente o primeiro poemario. A novela iniciática 1980 (ano cero) viu a luz en 2011, á que seguirá A saudade do caracol en 2012. Con As escaleiras do Gran Hotel gaña en 2013 a XIV Edición do Premio Risco de Creación Literaria. A última novela, Vila Suárez, vén de ser publicada neste 2019. No ámbito da investigación, serán varios os estudos publicados: Imaginería lígnea de la iglesia parroquial de Ntra. Sra. del Carmen de Ferrol e El Casino de Vigo. Crónica ilustrada de la histórica sociedad de recreo (1847-1936), en 2006 e 2013 respectivamente. No mundo da arte, ten colaborado en diversas exposicións de pintura, como Paisaxes (Casa de Galicia, Madrid, 2009); Paisagens da Galiza (Casa da Cultura - Casa Barbot, Vila Nova de Gaia, Porto, 2010); El bosque de favilas (Afundación, Vigo, 2011); Post industrial (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2012); Naturezas (Capitanía Marítima de Baiona, Pontevedra, 2012); Mostrarte (Alcaldía, Concello de Vigo, 2012); Xosé Luis Otero (Parlamento Europeo, Bruxelas, 2013); Efímero. The intensity of the ephemeral (AXA, Porto, 2014); Atmosferas (Fundación Vicente Risco, Allariz, Ourense, 2015), entre outras.