rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Conversa poesía e ciencia O ghallegho lingua do común

Conversa poesía e ciencia O ghallegho lingua do común

Dates: 
13 October 2017
Hours: 
19.00
Place: 
#salóndoMARCO


As linguas en tanto creación social son unha manifestación máis dos comúns, unha comunidade de persoas garante e mantén ese recurso á vez que é quen de adaptalo ás novas necesidades, tece unha gobernanza invisible; non ten un único propietario, máis alá de quen a fala. Na lingua galega, ao igual que noutras moitas, as elites afanáronse na construcción dunha lingua estándar. Esta, considerada como o bo galego, apréndese na escola, escoitase na radio. A aceptación da variedade estándar como única lexitima é asumida por moitas persoas que non a coñecen pero si a recoñecen, pero supón un proceso de expropiación e apropiación, á vez que ten xerado procesos de subalternización daquelas persoas que se alonxan desa norma. 

Na medida en que un grupo de expertos lexitimados co saber autorizado se apropian da definición do galego (o mesmo ocorre co castelán ou o francés) correcto, os falantes tradicionais son expropiados do coñecemento do seu idioma. As súas variedades rexionais ou de clase quedan representadas como vulgarismos, que marcan a identidade social de quen as usa: estudado/sen estudos, de aldea/de cidade, neofalante/falante de toda a vida, de clase media/de clase baixa, con acento/sen acento… Esta cuestión tense abordado dende a lingüística, mais a poesía ten a capacidade de transgresión da norma e como resistencia ás ideoloxías hexemónicas (tanto sociais como lingüísticas)

Destas e outras cuestións falarase nesta Conversa que terá lugar o venres 13 de outubro ás 19:00h. no #salóndoMARCO, un lugar de encontro guiado pola poeta Luz Pichel e a investigadora Montserrat Recalde, coas que a través da interacción da poesía e da lingüística iremos transitando polas nocións de subalternización, estandarización e da propia fala.

Luz Pichel é poeta e filóloga e entre as súas obras destacan Casa pechada coa que gañou no 2006 o Premio Esquío de poesía, Cativa en su lughar, Tra(n)shumancias ou CO CO CO U, o seu último poemario que é versionado ao castelán por Ángela Segovia, contando cun epílogo de María Salgado. Ademáis forma parte do colectivo de poesía experimental Euraca

Monsterrat Recalde é profesora na Universidade de Santiago de Compostela, o seu campo de traballo centrase no análise do discurso, a sociolingüística e nas ideoloxías lingüísticas, entre os seus traballos destacan En busca de la pureza perdida': Las ideologías lingüísticas en las primeras propuestas de estandarización del gallego, A ignorancia como libertade. O discurso de resistencia contra a LNL ou Aproximación ás actitudes e prexuízos cara á gheada.

Descarga: