rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MARATÓN FOTOGRÁFICO Concello de Vigo. XXIV edición 2019

MARATÓN FOTOGRÁFICO Concello de Vigo. XXIV edición 2019

File

Dates: 
15 November 2019 - 12 January 2020
Place: 
Espazo Anexo
Hours: 
de martes a venres de 17.00 a 21.00; sábados de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00; domingos de 11.00 a 14.30 [Pechado 24, 25 e 31 decembro; 1 xaneiro]
Production: 
AFG Agrupación Fotográfica Galega

Presentación e entrega premios XXIV Edición Maratón Fotográfico


Dende o pasado venres 15 de novembro, o Espazo Anexo do MARCO exhibe os traballos presentados na máis recente convocatoria do Maratón Fotográfico "Concello de Vigo". Organizado pola AFG Agrupación Fotográfica Galega, o Maratón alcanzou neste ano 2019 a súa XXIV edición, que tivo lugar a finais do pasado mes de setembro (sábado 28 e domingo 29), ao longo de 24 horas e en torno a catro temas propostos pola organización.

A presentación tivo lugar o propio venres 15, no transcurso dun acto no que os membros do xurado deron a coñecer os traballos gañadores desta edición, e entregaron os premios, acompañados por representantes do Concello de Vigo e empresas colaboradoras.

O xurado, integrado por Isaura Docampo, Verónica Vicente, Paula Pérez, Roberto Alonso, e Iñaki Matilla, fixo pública a súa decisión sobre os traballos premiados nesta edición:

1º premio: (1.000€ + vale de 150€ material fotográfico Profoto)
Jose Luis Pereira Pérez

2º premio: (Cámara Olympus (valorada en 500€) + Reflector Profoto)
Belén Chorén Sánchez

3º premio: (Vale de Sigma de 300€ + Reflector Profoto)
María Isabel Santos Martínez

A exposición

Simbiose, Sinerxía, Harmonía, Espertar

Tomando como punto de partida esta edición 2019, o Espazo Anexo do MARCO —situado na praza peonil posterior— acolle unha mostra dos traballos presentados nesta XXIV edición do Maratón en torno aos catro temas propostos: Simbiose, Sinerxía, Harmonía, Espertar. De todas as obras presentadas, un xurado de selección elixiu 17 series que se expoñen en formato panel, xunto ás obras presentadas por todos os participantes, que se exhiben tamén nun formato menor. A mostra, que permanecerá aberta ata mediados de xaneiro, é un referente para grande cantidade de persoas afeccionadas á fotografía, participantes ou non no maratón. Unha oportunidade para gozar dun conxunto de imaxes diversas nas súas características formais e técnicas, e para comprobar o xeito en que cada participante elixiu representar os catro temas con orixinalidade e coherencia.

O Maratón Fotográfico e a AFG

A Agrupación Fotográfica Galega, fundada en 1946 e aberta a todos os amantes da fotografía e do cinema, foi pioneira en Galicia e veu desenvolvendo dende entón un importante labor, con actividades de formación e divulgación como cursos de fotografía ou encontros sobre foto e cinema. Foi en 1995 cando a AFG organizou o seu primeiro Maratón Fotográfico 'Concello de Vigo', que daquela se incluía dentro das festas da Semana Grande. A partir de aí, o Maratón nunca deixou de celebrarse, se ben cambiou varias veces de espazo de exposición, evolucionou no seu formato e duración, e se adaptou aos cambios derivados dos avances técnicos e da fotografía dixital. Hoxe en día, aberto á participación de calquera persoa interesada e afeccionada á fotografía, o certame articúlase en torno a catro eixes: 24 horas de duración, 4 temas propostos pola organización, 20/25 series seleccionadas, e 3 series gañadoras.