rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Yolanda Herranz. Somos el destello de una mirada (I), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos el destello de una mirada (I), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos una duda permanente (III), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos una duda permanente (III), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos la llama que abrasa (VII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos la llama que abrasa (VII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz Somos una prolongada espera (VIII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz Somos una prolongada espera (VIII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Querer tenerte Saber quererme, 2005. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Querer tenerte Saber quererme, 2005. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz.Tener lo que quieres Querer lo que tienes, 2005. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz.Tener lo que quieres Querer lo que tienes, 2005. Foto: cortesía da artista

Yolanda Herranz Pascual...NO, AÚN NO...

File

Dates: 
6 March 2020 - 20 September 2020
Place: 
MARCO, sala de proxectos, 1º andar
Hours: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Production: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Coa colaboración de: 
Deputación de Pontevedra

Con ...NO, AÚN NO..., de Yolanda Herranz, o MARCO dá visibilidade a unha artista máis ocupada en animar e facer posibles proxectos colectivos e presentacións de grupo ca en resaltar o seu traballo individual, dunha sorprendente coherencia.

A proposta céntrase nas obras nas que xoga co sentido e forza dos conceptos, co poder da mensaxe, da intención. A palabra convértese en dimensión e enerxía escultórica. Arrinca coa serie “El mí y el tú”, do seu proxecto Distancias y abismos (2004-7), no que a rotundidade da mensaxe únese a unha refinada claridade visual: todo está pensado, medido. Nada sobra e a sucesión de mensaxes crea un ritmo de secuencias, ecos e sentidos. O xeito de resolver a obra ten algo de baixorrelevo, de relato obxectivo: non se trata dun poético “vivir nos pronomes” senón de afirmar ou denunciar situacións. Parten da reflexión privada mais convértense en voz pública, colectiva, lenda. Xunto a elas, a versión XVI de Destierros (proxecto aberto en 2003) evoca ausencias e reclama presenzas. Materiais e cores, aplicadas dun xeito uniforme, adquiren un carácter simbólico, insistindo no ton máxico do conxunto. A idea dos pasos perdidos, do camiñar errante, da busca de destino, da soidade no grupo... da identidade.

A exposición prosegue con obras producidas para esta ocasión: SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí parte dunha acción do mesmo título (realizada en 2015) na cal se recitan dúas series de 690 palabras que empezan por A e finalizan en feminino e plural, por orde alfabética, recollidas do dicionario de RAE, referidas unhas ao ser e outras ao estar das mulleres. En vez de documentar a acción con fotografías, Yolanda Herranz prolóngaa levando a palabra á parede, en vinilo vermello sangue: como conxunto e na súa disposición ten algo de manifesto, e é natural recibila como o paso do individual ao ton coral. Un labirinto de texto en vinilo ouro, ...NO, AÚN NO..., atrapa a mirada do espectador na súa lectura infinita, modular, reiterada, a xeito de voz que se confunde e multiplica nos seus ecos.

Esta obra dá paso ao traballo máis novidoso. Cando moitos seguen hoxe a vía social e vindicativa aberta no seu momento por artistas como Yolanda Herranz, ela céntrase na identidade persoal, cunha obra poética, íntima, drástica. Une textos e unha serie de once autorretratos indagatorios. Fronte ao retrato como a mirada recoñecida e compracente do outro, o autorretrato como pregunta inqueda, mirada tensa, interior: se un intenta perdurar no tempo o outro pregunta pola perda do presente e cuestiona ou afirma a identidade. El arte sana / El arte cura (Autorretratos) é a resposta da artista a unha situación persoal de extremo desacougo, cando percibe que o que quere desaparece: a arte sérvelle para formular preguntas que lle permiten entender ou polo menos convivir con esa realidade esquiva.

Comisariado e publicación

A exposición, producida polo MARCO, foi comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto. Co gallo da mesma editarase unha publicación sobre a obra El arte sana / El arte cura (Autorretratos).

Agradecementos

Un agradecemento especial a Arancha Aguete de Pazos, Rosalía González Pousa, Wedyla Rodrigues de Alcántara e Ruth Rodríguez Gonzalo, estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), pola súa colaboración no proceso de montaxe da exposición. Noelia Riveiro González pola colaboración na montaxe do vídeo da sala Autorretratos, como material de difusión.

Exposición bibliográfica / Documentación


A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presenta unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións relacionadas coa artista. O dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria, está accesible para consulta no propio espacio ou dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Noticias e Exposicións/Actuais.

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 17 de marzo de 2020
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/113904

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Performance
SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí [SOMOS mulleres e ESTAMOS aquí]

A exposición “…NO, AÚN NO…” inclúe a instalación mural titulada SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí, de Yolanda Herranz Pascual, que parte dunha acción —a primeira performance da artista— realizada en 2012. 

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí parte dunha acción do mesmo título (realizada en 2015) na cal se recitan dúas series de 690 palabras que empezan por A e finalizan en feminino e plural, por orde alfabética, recollidas do dicionario de RAE, referidas unhas ao ser e outras ao estar das mulleres.

Durante esta acción, un grupo de dez mulleres recita dúas series de 690 palabras que empezan por A e finalizan en feminino e plural.

Ao longo do período de exposición, a performance foi levada a cabo en dúas ocasións:

Versión sonora

Yolanda Herranz Pascual
"SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí"

Performance sonora realizada el Día Internacional de los Museos, día 18 de mayo de 2020 (durante la pandemia)
Duración: 31 minutos, 39 segundos

http://www.marcovigo.com/content/somos-mujeres-y-estamos-aqu-versi-n-en-v-deo-da-performance-de-yolanda-herranz-pascual-dim-d 

Versión en vivo

18 de setembro de 2020, nas salas de exposición.

http://www.marcovigo.com/content/somos-mujeres-y-estamos-aqu-performance-da-artista-yolanda-herranz-pascual

Yolanda Herranz Pascual
Proyecto “El Arte Sana / El Arte Cura”


Sala 2. Exposición “…NO, AÚN NO…” MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Percorrido pola serie “Autorretratos” coa artista Yolanda Herranz Pascual
Montaxe vídeo: Noelia Riveiro
Voz: Yolanda Herranz Pascual
Duración: 7 minutos 13 segundos

Fotografía miniatura: Somos una prolongada espera (VIII), 2016-20. Texto e fotografía enmarcada, 90x90 cm

Summary

A miña esfera de interese vital e profesional é a Escultura e os meus núcleos de creación e investigación artística céntranse en: Texto, Corpo, Xénero, Identidade e Existencia.

Traballo con toda a potencialidade poética da linguaxe. As miñas propostas inclúen o espectador e xuntan referencias pictóricas, obxectuais e escultóricas dende unha obra envorcada sobre a palabra.

A creación supón, para min, como artista, unha busca constante da propia identidade a través da obra, que se enmarca en diferentes problemáticas do humano.

A nosa formulación de creación vai percorrendo diferentes lugares onde habita a identidade, asumindo, esta problemática, a busca do ser dende ángulos de entrada e posicionamentos distintos. Estes tránsitos, sempre diversos, potencian a comprensión dun mundo de relacións complexas.

As miñas obras propóñense para que dende o concepto, a emoción e a utopía enuncien espazos de pensamento:

  • Son enigmas que permiten transcender o materialismo e a natureza do obxecto e a definición do escrito, son referencias veladas ao humano, que aluden ao espiritual.
  • Tratan de acoutar un lugar dual de ambigüidade e definen un espazo implicado xerando un campo de máxima abertura para a reflexión.
  • Son unha visión persoal do mundo, do outro, visto a través de min; é unha visión que pretende ser rigorosa, lúcida e severa, e que opera nun campo de xogo atravesado por unha dirección con dous sentidos: ironía e paradoxo.
  • A súa mensaxe é o resultante da oscilación entre tres territorios: o poético, o conceptual e o crítico.

A escultura é a linguaxe no que sitúo o meu traballo artístico, e é quizais —entre todos os territorios de creación tradicionais— a que máis fonda transformación sofre durante a época contemporánea, aínda que o punto álxido desta radical transformación se produciu a partir de mediados dos 60 a través de movementos vanguardistas como o minimal, o povera, o Land Art e sobre todo o máis radical: a arte conceptual, que postulaba a desmaterialización da obra e a preponderancia da idea fronte á materialización.

A escultura hoxe conta pouco como procedemento e moito como acontecemento.

A arte é unha arma moi poderosa. Como artista formúlome a responsabilidade que implica ter nas mans ese poder. A arte é un medio de transformación do “eu” e do “outro.

Dende formulacións que abordan como núcleo central as cuestións de identidade e xénero, considero a escultura como unha ponte entre o eu e o mundo con incidencia directa no social.

A miña obra xorde dun espazo de cuestionamiento no que se asume a oscilación entre dúas posicións:

  • O meu compromiso coa vida (como ser humano e como muller) 
  • A busca da coherencia comigo mesma (como muller e como artista).

Concibo a “creación” como un nexo dobre e indivisible que xunta “pensamento” e “acción”.

As miñas obras son unha ponte entre o “eu” e o “mundo” visto a través do social. Nelas dáse unha implicación total de min mesma e reflicten o posicionamento vital e conceptual que asumo coa realidade na que estou inmersa.

O título da exposición:

…NO, AÚN NO…

Define un vínculo que posúe a máxima abertura: é un nexo onde o antes e o despois se descoñecen.

É o lector-espectador quen ao proxectarse nas ausencias, completa coas súas experiencias eses baleiros.

…NO, AÚN NO… contén unha dobre negación que opera como afirmación dunha acción contida.

A partícula Aún retén o tempo e os puntos suspensivos (...) do inicio e do final  (...) dilatan e deteñen a oración.

…NO, AÚN NO…

Implica: prego, súplica, pregaria…

Rogo persistente... Pregaria infinita

O meu traballo artístico centra a súa reflexión no espazo definido polas contradicións orixinadas na busca da “identidade”.

Na primeira sala preséntanse varias obras enmarcadas no proxecto “Distancias e Abismos” que foi presentado no ano 2007 nunha grande exposición: Pese al Paso del Tiempo, en Salamanca (en cinco salas) xusto cando cumprín 50 anos. As obras do proxecto “Distancias e Abismos” abordan a relación, sempre conflitiva, entre o Mí e o Tú, na busca e a construción da propia autonomía.

E Na parede frontal estará unha obra de extenso formato realizado en vinilo vermello sangue, titulada

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí.

Nesta obra o material central é a palabra, e está conformada por 1.380 termos:

  • ESTAMOS: (690 palabras en feminino e en plural, articuladas por orde alfabética).

10 bloques con 69 palabras cada un.

  • SOMOS: (690 palabras en feminino e en plural, articuladas por orde alfabética).

10 bloques con 69 palabras cada un.

Algunhas cuestións referidas ao texto que configura a performance:

Os 690 termos relacionados coa palabra ESTAMOS e os 690 termos relacionados coa palabra SOMOS, foron seleccionados de entre as 12.012 palabras que contén o dicionario da RAE, comezando pola letra “A”.

A letra “A” é a que inclúe e define, na lingua española, o xénero feminino (nos finais das palabras).

Neste texto cada palabra comeza coa letra A en maiúscula, e todos (os 1.380 termos) finalizan en feminino plural.

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí foi tamén a miña primeira performance e configurábase como unha oración, unha recitación sonora na que:

  • A declamación instituíase en pregaria e en afirmación,
  • A desmaterialización confirmábase en vontade,
  • A procesión convertíase en manifestación.

Nela, o sucesivo encadeamento da pronunciación dos vocábulos conformaba a nosa ladaíña... Como nun mantra, a sonoridade da verbalización esvaecía a súa materialidade, disolvía os significados e revelábase en enerxía, nesta acción.

Cando a obra se fai instalación, na súa materialización, encárnase en vinilo vermello sangue e formalízase en dúas partes, que teñen que verse á vez (a unha fronte á outra).

O Proxecto SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí, é unha obra que é texto que é unha obra:

É palabra, no texto escrito.

É texto, no seu rexistro no libro.

É debuxo, na súa incursión sobre o papel.

É pintura, na súa irrupción sobre a parede.

É escultura, na súa intervención sobre a arquitectura.

É instalación, na súa integración sobre o muro.

É acción, na súa declamación e representación durante a performance.

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí é definición... oración, recitación, ladaíña... palabra, silencio...

Perseguimos a aprehensión do significado do que non se pode definir; aínda que na obra o intentamos a través das numerosas voces que se pronuncian…

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí é discurso... enunciación, pronunciación, manifestación... texto, desmaterialización...

Este proxecto logrou concretar unha das miñas proposicións esenciais para as obras, que é alcanzar o máximo de significación co mínimo de encarnación e de presenza.

No centro da primeira sala presentamos unha instalación escultórica de chan realizada especificamente para esta exposición. A obra leva por título: Desterros XVI, mide 17 metros e está conformada por máis de 200 elementos que interveñen dialogando coa arquitectura e o lugar. O proxecto “Desterros” centra a súa reflexión en conceptos vinculados co ser errante, o tránsito sen destino, o abandono, o afastamento, a soidade, a ausencia, a perda…

No inicio da segunda sala aparece a obra titulada: …No, Aún No…, realizada en vinilo ouro, e que dá título a esta mostra. Foi concibida como un labirinto concéntrico e circular, que obrigaba o espectador a realizar un percorrido visual continuo. A recitación do escrito acolle cada lector na rede das nosas interdependencias emocionais. Así, a repetición incansable e a circularidade inesgotable do texto suscitan que a súplica persevere... en oración perpetua…

“…No …Aún…  No me dejes… No …Aún… No…”

Desamores e Abandonos

A segunda sala articúlase a través de 11 dípticos enmarcados no proxecto: “El Arte Sana / El Arte Cura” Serie: “Autorretratos”. Estas obras foron realizadas especificamente para esta exposición no MARCO.

Son once autorretratos enlazados con textos que prometen unha introspección nas zonas sombrías.

Nas siluetas discernimos rostros perplexos e imprecisos... innombrables, nos que a propia autora se recoñece.

O autorretrato ten moito de radiografía do espírito que nos axuda desvelar e a pensar sobre o si mesmo... sobre nós mesmos.

Nestas radiografías, resoan ecos e negacións que acollen un verde (esperanza) escuro: nos abocan a vernos como somos:

Negruras tatuadas na alma