A miña esfera de interese vital e profesional é a Escultura e os meus núcleos de creación e investigación artística céntranse en: Texto, Corpo, Xénero, Identidade e Existencia.
Traballo con toda a potencialidade poética da linguaxe. As miñas propostas inclúen o espectador e xuntan referencias pictóricas, obxectuais e escultóricas dende unha obra envorcada sobre a palabra.
A creación supón, para min, como artista, unha busca constante da propia identidade a través da obra, que se enmarca en diferentes problemáticas do humano.
A nosa formulación de creación vai percorrendo diferentes lugares onde habita a identidade, asumindo, esta problemática, a busca do ser dende ángulos de entrada e posicionamentos distintos. Estes tránsitos, sempre diversos, potencian a comprensión dun mundo de relacións complexas.
As miñas obras propóñense para que dende o concepto, a emoción e a utopía enuncien espazos de pensamento:
- Son enigmas que permiten transcender o materialismo e a natureza do obxecto e a definición do escrito, son referencias veladas ao humano, que aluden ao espiritual.
- Tratan de acoutar un lugar dual de ambigüidade e definen un espazo implicado xerando un campo de máxima abertura para a reflexión.
- Son unha visión persoal do mundo, do outro, visto a través de min; é unha visión que pretende ser rigorosa, lúcida e severa, e que opera nun campo de xogo atravesado por unha dirección con dous sentidos: ironía e paradoxo.
- A súa mensaxe é o resultante da oscilación entre tres territorios: o poético, o conceptual e o crítico.
A escultura é a linguaxe no que sitúo o meu traballo artístico, e é quizais —entre todos os territorios de creación tradicionais— a que máis fonda transformación sofre durante a época contemporánea, aínda que o punto álxido desta radical transformación se produciu a partir de mediados dos 60 a través de movementos vanguardistas como o minimal, o povera, o Land Art e sobre todo o máis radical: a arte conceptual, que postulaba a desmaterialización da obra e a preponderancia da idea fronte á materialización.
A escultura hoxe conta pouco como procedemento e moito como acontecemento.
A arte é unha arma moi poderosa. Como artista formúlome a responsabilidade que implica ter nas mans ese poder. A arte é un medio de transformación do “eu” e do “outro”.
Dende formulacións que abordan como núcleo central as cuestións de identidade e xénero, considero a escultura como unha ponte entre o eu e o mundo con incidencia directa no social.
A miña obra xorde dun espazo de cuestionamiento no que se asume a oscilación entre dúas posicións:
- O meu compromiso coa vida (como ser humano e como muller)
- A busca da coherencia comigo mesma (como muller e como artista).
Concibo a “creación” como un nexo dobre e indivisible que xunta “pensamento” e “acción”.
As miñas obras son unha ponte entre o “eu” e o “mundo” visto a través do social. Nelas dáse unha implicación total de min mesma e reflicten o posicionamento vital e conceptual que asumo coa realidade na que estou inmersa.
O título da exposición:
…NO, AÚN NO…
Define un vínculo que posúe a máxima abertura: é un nexo onde o antes e o despois se descoñecen.
É o lector-espectador quen ao proxectarse nas ausencias, completa coas súas experiencias eses baleiros.
…NO, AÚN NO… contén unha dobre negación que opera como afirmación dunha acción contida.
A partícula Aún retén o tempo e os puntos suspensivos (...) do inicio e do final (...) dilatan e deteñen a oración.
…NO, AÚN NO…
Implica: prego, súplica, pregaria…
Rogo persistente... Pregaria infinita…
O meu traballo artístico centra a súa reflexión no espazo definido polas contradicións orixinadas na busca da “identidade”.
Na primeira sala preséntanse varias obras enmarcadas no proxecto “Distancias e Abismos” que foi presentado no ano 2007 nunha grande exposición: Pese al Paso del Tiempo, en Salamanca (en cinco salas) xusto cando cumprín 50 anos. As obras do proxecto “Distancias e Abismos” abordan a relación, sempre conflitiva, entre o Mí e o Tú, na busca e a construción da propia autonomía.
E Na parede frontal estará unha obra de extenso formato realizado en vinilo vermello sangue, titulada
SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí.
Nesta obra o material central é a palabra, e está conformada por 1.380 termos:
- ESTAMOS: (690 palabras en feminino e en plural, articuladas por orde alfabética).
10 bloques con 69 palabras cada un.
- SOMOS: (690 palabras en feminino e en plural, articuladas por orde alfabética).
10 bloques con 69 palabras cada un.
Algunhas cuestións referidas ao texto que configura a performance:
Os 690 termos relacionados coa palabra ESTAMOS e os 690 termos relacionados coa palabra SOMOS, foron seleccionados de entre as 12.012 palabras que contén o dicionario da RAE, comezando pola letra “A”.
A letra “A” é a que inclúe e define, na lingua española, o xénero feminino (nos finais das palabras).
Neste texto cada palabra comeza coa letra “A” en maiúscula, e todos (os 1.380 termos) finalizan en feminino plural.
SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí foi tamén a miña primeira performance e configurábase como unha oración, unha recitación sonora na que:
- A declamación instituíase en pregaria e en afirmación,
- A desmaterialización confirmábase en vontade,
- A procesión convertíase en manifestación.
Nela, o sucesivo encadeamento da pronunciación dos vocábulos conformaba a nosa ladaíña... Como nun mantra, a sonoridade da verbalización esvaecía a súa materialidade, disolvía os significados e revelábase en enerxía, nesta acción.
Cando a obra se fai instalación, na súa materialización, encárnase en vinilo vermello sangue e formalízase en dúas partes, que teñen que verse á vez (a unha fronte á outra).
O Proxecto SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí, é unha obra que é texto que é unha obra:
É palabra, no texto escrito.
É texto, no seu rexistro no libro.
É debuxo, na súa incursión sobre o papel.
É pintura, na súa irrupción sobre a parede.
É escultura, na súa intervención sobre a arquitectura.
É instalación, na súa integración sobre o muro.
É acción, na súa declamación e representación durante a performance.
SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí é definición... oración, recitación, ladaíña... palabra, silencio...
Perseguimos a aprehensión do significado do que non se pode definir; aínda que na obra o intentamos a través das numerosas voces que se pronuncian…
SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí é discurso... enunciación, pronunciación, manifestación... texto, desmaterialización...
Este proxecto logrou concretar unha das miñas proposicións esenciais para as obras, que é alcanzar o máximo de significación co mínimo de encarnación e de presenza.
No centro da primeira sala presentamos unha instalación escultórica de chan realizada especificamente para esta exposición. A obra leva por título: Desterros XVI, mide 17 metros e está conformada por máis de 200 elementos que interveñen dialogando coa arquitectura e o lugar. O proxecto “Desterros” centra a súa reflexión en conceptos vinculados co ser errante, o tránsito sen destino, o abandono, o afastamento, a soidade, a ausencia, a perda…
No inicio da segunda sala aparece a obra titulada: …No, Aún No…, realizada en vinilo ouro, e que dá título a esta mostra. Foi concibida como un labirinto concéntrico e circular, que obrigaba o espectador a realizar un percorrido visual continuo. A recitación do escrito acolle cada lector na rede das nosas interdependencias emocionais. Así, a repetición incansable e a circularidade inesgotable do texto suscitan que a súplica persevere... en oración perpetua…
“…No …Aún… No me dejes… No …Aún… No…”
Desamores e Abandonos
A segunda sala articúlase a través de 11 dípticos enmarcados no proxecto: “El Arte Sana / El Arte Cura” Serie: “Autorretratos”. Estas obras foron realizadas especificamente para esta exposición no MARCO.
Son once autorretratos enlazados con textos que prometen unha introspección nas zonas sombrías.
Nas siluetas discernimos rostros perplexos e imprecisos... innombrables, nos que a propia autora se recoñece.
O autorretrato ten moito de radiografía do espírito que nos axuda desvelar e a pensar sobre o si mesmo... sobre nós mesmos.
Nestas radiografías, resoan ecos e negacións que acollen un verde (esperanza) escuro: nos abocan a vernos como somos:
Negruras tatuadas na alma