rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Conversa Arantza Portabales/Celeste Garrido

Conversa Arantza Portabales/Celeste Garrido

6 marzo 2021

Dentro das actividades do Club de Lectura #BiblioMARCO, organizado pola Biblioteca-Centro de Documentación.

Escritora e artista falarán sobre a súa actividade creativa, e de como xurdiu a conexión entre a novela Beleza vermella (Galaxia, 2019) e as obras de Garrido presentes na súa exposición no MARCO, durante unha sesión matinal literario-artística dirixida a participantes no Club de Lectura.

Sábado 6 de marzo ás 12.00, no salón de actos
Para participantes Club de Lectura #BiblioMARCO
A sesión será gravada en vídeo e emitida posteriormente na canle Youtube do MARCO, para calquera persoa interesada.

O sábado 6 de marzo, nas vésperas do Día Internacional da Muller, o salón de actos do MARCO acollerá un encontro literario-artístico protagonizado pola escritora Arantza Portabales e a artista Celeste Garrido. Unha actividade que se encadra nas actividades do Club de Lectura #BiblioMARCO, e que será presentada e moderada pola súa responsable, Iria Fernández Mouriz.

O Club #BiblioMARCO é unha actividade gratuíta, concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, alén da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, o que converte o club #BiblioMARCO nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea.

Nesta ocasión, o punto de partida é a conexión entre Arantza Portabales e Celeste Garrido, cuxa exposición “Os teus ollos din o que a túa boca cala” continúa aberta no MARCO ata o 4 de abril. O vínculo entre escritora e artista xurdiu á hora de abordar a novela Beleza vermella (Galaxia, 2019), para a que Portabales tomou como inspiración algunhas das obras de Garrido, guiada pola súa forza visual, polos seus contidos e reflexións, moi relacionados coa identidade e con cuestións de xénero, e pola súa calidade poética. Unha novela negra na que a obra de arte acaba converténdose en parte esencial da trama e nunha das protagonistas do relato.

+ INFO Club Lectura

http://www.marcovigo.com/gl/content/clube-de-lectura-bibliomarco

+ INFO Exposición Celeste Garrido

http://www.marcovigo.com/content/celeste-garrido-os-teus-ollos-din-o-que-t-boca-cala

Visitas guiadas por persoal MARCO: de martes a sábados ás 18.00 (previa inscrición)
Reservas de praza en taquilla 986 113900 Ext. 100 / recepcion.marco@gmail.com

Visitas guiadas pola artista
:
Ata a clausura da mostra (4 abril) continúa aberta a posibilidade de organizar visitas guiadas pola propia artista, en función da dispoñibilidade de datas, horarios e prazas, ata un máximo de 4 persoas por grupo.
Reservas en taquilla 986 113900 Ext. 100 / recepcion.marco@gmail.com