rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Libros, Libres!

Libros, Libres!

23 abril 2012


O vindeiro luns 23 de abril, ás 11.00, coincidindo co Día Internacional do Libro, o MARCO únese, unha vez máis, á experiencia de Bookcrossing na que participan 71 museos e centros de arte de todo o mundo. Unha campaña de liberación de libros na que encherán as cidades con volumes de diferentes disciplinas, procedentes da bolsa de duplicados das súas bibliotecas.

Os museos e centros participantes prevén poñer en circulación máis de 5.000 “libros libres” coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo. No caso do MARCO, liberaranse un total de 100 catálogos en distintos puntos da cidade de Vigo, nunha iniciativa promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do museo.

A maioría dos participantes iniciarán a campaña o venres 20 de abril

Todos os libros liberados están acreditados coas súas correspondentes etiquetas, conteñen as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña, e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde atoparon cada exemplar e o lugar onde o liberaron. O obxectivo desta iniciativa é unir ás bibliotecas dos museos de arte nun esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas artísticas.

Dende a súa aparición a nivel internacional en 2001, o bookcrossing non fixo senón multiplicar o número de participantes neste tipo de iniciativas. O bookcrossing defínese como un “club de libros global”, rexido por tres sinxelas regras, coñecidas como “as tres erres”: read (le), register (rexistra), release (libera). Os libros “libéranse” normalmente en lugares públicos e de tránsito de persoas, dende a Universidade aos medios de transporte ou polideportivos, e se cada usuario segue as instrucións é doado coñecer, a través da páxina www.bookcrossing-spain.com, o traxecto realizado por un libro dende o seu punto de orixe ao de recollida. En ocasións anteriores, libros de arte liberados con motivo desta campaña foron localizados en cidades tan distantes como París, Nova York, Roma ou O Cairo.

Esta iniciativa xorde da celebración no centro-museo ARTIUM de Vitoria-Gasteiz dos Encontros de Bibliotecas e Centros de documentación de Arte Contemporánea, nos que con carácter bienal se comparte información, se analizan as novas liñas de traballo e se estuda a posibilidade de establecer vías de colaboración entre centros. Froito diso foi a posta en marcha dun foro especializado en documentación de arte contemporánea e unha primeira vía de traballo de difusión do labor destas entidades mediante esta iniciativa de bookcrossing.

Os libros liberados conteñen catro adhesivos. O primeiro, no lombo, é o símbolo internacional do bookcrossing, o debuxo dun libro con brazos e pernas en actitude de correr, personalizado co logotipo de cada centro ou museo. Un texto aclara que se trata dun libro bookcrossing. A segunda etiqueta vai colocada sobre a cuberta do libro e nela danse máis detalles: “pásalle este libro a alguén ou déixao libre na súa aventura” e “non me perdín, son parte dun club de libros global”, ao tempo que remite a máis detalles no interior do libro.

Unha vez dentro, o terceiro adhesivo instrúe a persoa que recolleu o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional a través da páxina web www.bookcrossing-spain.com, que permite coñecer onde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe. Alternativamente, o lector pode escribir o seu nome e o lugar onde atopou o libro antes de liberalo de novo nun diario de viaxe, o cuarto adhesivo, que tamén incorpora o libro.

O bookcrossing permite non só compartir e intercambiar gratuitamente libros senón tamén seguir a pista de calquera deles unha vez que “foi liberado”, así como saber quen o leu e en que lugar. Calquera persoa pode participar nesta experiencia, non só recollendo libros senón tamén poñendo en circulación outros da súa propiedade, rexistrándoos na páxina web de bookcrossing e liberándoos despois nun lugar público.