rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
REGUEIFAS DESTE TEMPO, con Alba María e Mani Braga / DIM, Día Internacional do Museo

REGUEIFAS DESTE TEMPO, con Alba María e Mani Braga / DIM, Día Internacional do Museo

18 maio 2019

Regueifas deste tempo

Con Alba María e Mani Braga
Ás 12.30
MARCO, Sala do vestíbulo principal
Para público en xeral

Moi en relación co lema do DIM deste ano (O futuro da tradición), o MARCO convértese en escenario para unha das manifestacións máis tradicionais que existen en Galicia, a regueifa, revitalizada hoxe polas xeracións máis novas. Un desafío oral en verso, protagonizado por Alba María e Mani Braga, que nesta especial ocasión terá como motivo de partida e como pano de fondo imaxes históricas do edificio do MARCO: unha reportaxe realizada polo fotógrafo Manuel G. Vicente en 1999, pouco antes de comezar o proxecto de remodelación do edificio.

A actividade está promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do Museo, onde segue en marcha o proxecto ‘Documentando o MARCO’, relacionado co pasado do edificio, e sobre o cal haberá información dispoñible na mesma sala.

Alba María. Promesa da nova xeración de cantoras galegas, é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (2017). Cun disco publicado (Aínda. aCentral Folque, 2014), estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, acabando por ser unha destacada poeta e regueifeira. Alba María, alén de realizar actuacións e ofrecer obradoiros, vaise asentando no eido da improvisación, introducindo novos temas como o discurso de xénero na arte da regueifa. Fonte: www.regueifa.org

Mani Braga. Estudou arte dramática na Escola Municipal de Vigo, e é unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa. Alén doutras actuacións e colaboracións, foi presentador do programa Entérate en Televigo, e participante na xira do espéctaculo ‘O señor das dunas’. En 2017 fixo parella coa cantadora portuguesa Naty Cantadeira na Gala do Patrimonio da Deputación. Foi tamén actor no filme ‘La felicidad de los perros’, gañador do premio do xurado e do público na 8ª edición do Festival Primavera do Cine.
É autor do libro de poemas Libretas (ed. Buboc).

Para consultar toda a programación do DIM, preme aquí 

Crédito fotografía principal: Revista A Nosa Terra, 1907. Vía Oral de Galicia