No ano 2008, a exposición Paixóns privadas, visións públicas supuxo un primeiro achegamento dende o MARCO á historia e o presente do coleccionismo privado en Galicia. Continuando esta liña, e centrándose nesta ocasión no coleccionismo institucional, a mostra 89 Km. Colección CGAC presenta, por primeira vez en Vigo, unha selección da que é, sen dúbida, a colección de arte contemporánea máis importante de Galicia: os fondos do Centro Galego de Arte Contemporánea.
O CGAC alberga, ademais da súa colección propia, os fondos da Colección Fundación ARCO, que se atopa en depósito no centro galego. Ambas as dúas coleccións son obxecto dunha relectura levada a cabo por Virginia Torrente, comisaria independente, que seleccionou un conxunto de pezas en gran parte descoñecidas para o público, nunha das posibles e múltiples lecturas que se poderían realizar desta colección. O título da mostra, “89 Km.”, fai referencia á distancia existente entre Santiago e Vigo, que durante tres meses se converte nun percorrido de ida e volta para as obras.
A Colección do CGAC conta na actualidade con máis de mil obras, e nela están representados artistas de distintos contextos, con grande diversidade no que se refire a linguaxes e soportes. Esta exposición permite un achegamento á colección e, con iso, á historia do CGAC e do coleccionismo institucional en Galicia, con propostas artísticas que reflicten os momentos máis significativos do panorama artístico.
A montaxe das obras nas salas do MARCO estrutúrase en eixes temáticos, como un relato en seis capítulos, que atopa a súa correspondencia nos espazos da planta baixa:
1. Interpretacións do cotián
Baudrillard sostiña que a función subversiva da imaxe é atopar a literalidade do obxecto. Varios artistas introdúcennos nunha narrativa de libre interpretación, por medio de soportes tan formais e dispares como a escultura, a fotografía e o vídeo, mostrándonos a través da súa reflexión persoal diferentes achegamentos á realidade, aos universos públicos, ou privados e cotiáns, de cada un e de todos.
Mona Hatoum, Wolfgang Tillmans, Iván Navarro, Lars Arrhenius.
2. A mensaxe e os seus outros significados
A hexemonía dos medios de comunicación de masas, utilizados por economistas, políticos e publicitarios, son analizados neste apartado da mostra, xa sexa por acumulación, ou xerando ironía sobre o seu discurso real, ou converténdoos en documentos surrealistas. Información, compilación, apropiación, reinterpretación, son algunhas das accións presentes neste apartado.
Thomas Hirschhorn, Thomas Locher, Ken Lum, Gabriel Kuri, Eugenio Dittborn, Ignasi Aballí, Jac Leirner, Rivane Neuenschwander, Jordi Mitjá, Rubén Grilo, Fran Meana, José Damasceno.
3. Cuestionar as convencións
Pequenas detonacións de humor son necesarias na nosa vida diaria para interromper a rutina, a monotonía, a tristura e a traxedia. Da risa á ironía sutil, da gargallada á sátira, achegámonos á interpretación das pezas incluídas neste apartado da exposición. Utilizando escenarios domésticos e/ou públicos, o traballo dos artistas aquí representados recrea situacións que cuestionan o convencional.
David Bestué & Marc Vives, Erwin Wurm, Mladen Stilinovi_, Hans Hemmert, Mauro Cerqueira, Anna Bella Geiger, Roman Signer, Juan Pérez Agirregoikoa, Jonathan Hernández, Jonathan Monk, Yann Sérandour, Suso Fandiño, June Bum Park.
4. A esencia do artista, o seu debuxo
A linguaxe persoal do artista faise máis íntima no debuxo, pola súa inmediatez como soporte e pola súa capacidade simbólica de concretar, nun trazo, a acción máis próxima posible que vai da mente á man. Autobiográfico en bastantes dos casos que aquí se presentan, o debuxo é un diario persoal ou externo, e un reflexo do que sucede dentro e arredor deste medio de expresión, do artista que o utiliza. Algunhas obras traspasan o debuxo en si para transformarse nun híbrido entre a escultura en papel e o colaxe ou, na súa evolución expandida, utilizándoo en técnicas de vídeo de animación.
Fernando Bryce, Tonico Lemos Auad, Efrain Almeida, Pauline Fondevila, Martí Anson, Raimond Chaves & Gilda Mantilla, Allen Ruppersberg, Gabriel de la Mora, Francis Alÿs, Ana Jotta, Adrian Piper, Azucena Vieites, Teresa Moro, Arturo Herrera.
5. Mapa de aldea global. Vivimos na cidade
As tensións do mundo contemporáneo teñen o seu reflexo no ámbito da cidade. Postcolonialismo, estado de benestar, territorio e fronteira, crecemento e ruína, centro e periferia, son algúns dos temas que se formulan nesta sección. Habitabilidade e cuestión urbana conforman unha moi fráxil relación, examinada tamén polos artistas, que contemplan a paisaxe do século XXI: a metrópole. As análises sobre a cidade ocupan un espectro que vai dende o irónico, o sublime ou descritivo e o persoal, ata a denuncia das desigualdades e da pobreza creadas polo desenvolvemento.
Botto & Bruno, Lara Almarcegui, Rui Toscano, Melanie Smith, Bülent _angar, Zwelethu Mthethwa, Daniel Lara, Alexander Apóstol, Ângela Ferreira.
6. En torno ao museo. Exercicios espaciais
Hai xa tempo que a escultura e a pintura romperon os seus moldes tradicionais para fundirse en híbridos de resultado e aspecto cada vez menos académico. Esta abolición de fronteiras ten como resultado unha maior importancia do espazo onde se mostran as pezas, ás veces concibidas en orixe para un lugar concreto. Lugar, volume e representación concíbense como exercicios espaciais que, presentados dentro do museo, investigan e poden chegar a cuestionar a base teórica da devandita institución, xerar reflexións teóricas sobre a propia creación artística e a súa mutabilidade, ou dar lugar a propostas máis abertas.
Elmgreen & Dragset, Diego Santomé, Liam Gillick, Amaya González Reyes, Txomin Badiola, Salvador Cidrás, Álvaro Negro, Ceal Floyer.