Selección de textos dos artistas participantes
"Tómase como punto de partida a idea que subxace no libro de Pierre Klossowski El baño de Diana, e no propio mito de Diana, onde o mesmo que se conta é o que se deixa ver, pero para levarnos sempre máis aló (...) Pasando ao outro lado atópase o desvelamento, xa non da imaxe en si, nin do que a imaxe pretende dicir como tal, senón da imaxe máis alá de si mesma, da imaxe que se pensa a si mesma (...); metáfora, símbolo, alegoría, chámese como se queira, da idea inalcanzable da idea-imaxe-pensamento ao que o artista intenta achegarse, que se nega a presentarse, a facerse visible-palpable (...)
Un dos cadros está formado por dúas pezas que se superpoñen, separadas entre si por uns 50/70 cm., e separadas ao mesmo tempo da parede por uns 15/20 cm. A idea é a de que as dúas partes (a fronte e o dorso) formen parte do cadro, e á vez xa non se saiba dicir cal é cal... Cada unha das pezas está pintada deixando traspasar a pintura, e cando se colocan na parede se ve o anverso e o reverso (ao achegarse por detrás). Alén da idea de paisaxe, é un intento de reflexión en torno á propia obra, en torno ao cadro, que se fai autorreferencial. Outro cadro está composto por un bastidor con tea polos dous lados, suxeito á parede por un dos seus cantos; así, ambas caras están pintadas, cun dos cantos cara ao lugar que normalmente ocuparía o espectador.
O que xa perdín é a razón pola que quería facer estas paisaxes que se dilúen nunha forma sen perfiles definidos. Se cadra pola propia dificultade de definir as liñas dunha paisaxe, das liñas que en realidade non hai; pola dificultade de definir o lugar onde comeza e remata unha mancha que define unha forma nunha paisaxe, e pola dificultade de aclarar o lugar onde as cousas comezan e rematan".
Fruela Alonso
‘¿En que parte do noso corpo situamos as nosas contencións, os nosos medos, as nosas culpas?'
"A miña proposta xorde a partir deste interrogante, unha pregunta que require contemplación propia, dende unha ollada cuns ollos que teñen que penetrar o puramente superficial, físico, externo, para se internar na verdade agochada que contén a cada quen. A partir desta pregunta presento tres imaxes dun traballo persoal, realizado dende as respostas ofrecidas na miña intimidade. Estas imaxes son impresións dixitais sobre tea e bastidor e fan referencia específica ao lugar onde se sitúan as contencións, os medos, as culpas.
Ademais deste traballo, presento unha proposta de interacción co público, que se realizará en cinco xoves consecutivos dende fins de outubro. Neste caso, a pregunta enunciada máis enriba diríxese aos espectadores e posibles participantes cun sentido específico: pedirlles unha reflexión sobre as súas propias contencións e a súa posible localización, o lugar onde se localizan no seu corpo. A continuación realizarase unha fotografía dixital desas partes do corpo, e tras un traballo de manipulación por computadora, estas imaxes iranse imprimindo e incluíndo no espazo expositivo. O traballo coas fotografías realizarase na mesma sala, nos días previamente anunciados para esta actividade".
Loreto Blanco
O (non) LUGAR DESEXO
"O lugar do (non) desexo, unha zona indescifrable para a que ninguén ten resposta coherente, un lugar que sempre se nos escapa, que sempre se atopa en fuga. Encontrarnos e desencontrarnos cada vez que tratamos de acharlle, ou sequera conferirlle arbitrariamente, un sentido. Sempre provisional, sempre insatisfactorio, sempre inencontrable. A peza que se presenta concíbese como proxecto aberto e inconcluso, en relación con ese espazo incoherente que constitúe o desexo. Conformar un lugar de ausencias, de reflexos e de retratos, de posibilidades na busca do outro, do ser amado, do ausente por excelencia; apoderándose del sen tocalo, achegándose a el dende unha ollada distanciada."
‘Desexo, que é algo que se experimenta necesariamente en función do outro, xa que logo forzosamente o desexo é o desexo do que non se ten (Platón, O banquete). O desexo vívese en estado de ansiedade'
Itziar Ezquieta
"O traballo que se presenta fai unha pescuda sobre as posibilidades do desexo, un dos temas que aparece no mito do cal parte a exposición, e pretende colocar o espectador fronte a algúns dos interrogantes que dende a vivencia máis inmediata pode presentar a idea de desexo. Sendo o desexo algo que circula nos actos da nosa vida, as obras pretenden remitirnos a ese momento no que nos interrogamos sobre eles e sobre a acción mesma de desexar.
Os espellos que aparecen nas dúas obras son espazos abertos para a interrogación das nosas propias querenzas, tanto na súa versión escultórica na obra El olvido de los deseos [O esquecemento dos desexos], coma na acción Confidencias del deseo [Confidencias do desexo], que presenta unha pescuda cara atrás cunha clara intención de establecer relacións entre o presente e o pasado dos desexos."
Juan Carlos Meana
"A primeira das dúas pezas que presento no Espazo Anexo -Sin título (a partir del mito de Diana y Acteón), 2005 [Sen título (a partir do mito de Diana e Acteón), 2005]- tenta xerar unha reflexión en torno ao concepto de imaxe (representación) en tanto que forma simbólica de coñecemento e identidade. O punto de partida é o mito. A ansia de coñecemento supón a derrota de Acteón. Descubre a deusa e, tentando aprehender a súa imaxe, descóbrese tamén a si mesmo. O seu castigo: a imposibilidade de expresalo. A toma de conciencia do seu ser temporal. A morte. A derrota. A mesma coa que o espectador se atopará cando tente verse reflectido nos fragmentos de espellos, ou nunha pantalla na que xamais se verá reflectido frontalmente, mentres a súa sombra se proxecta fronte a el sobre a parede da sala."
"Na segunda obra -Retratos: naturalezas muertas, 2005 [Retratos: naturezas mortas, 2005]- entendo os dous conceptos como equivalentes; como pegadas dunha identidade; como reflexos. Forma-corpo-tempo. Imaxes. En esencia encarnación poética (plástica) dunha mesma pregunta e tema constante en todo o meu traballo plástico e teórico. Este caso tenta ser un esforzo de concreción e contextualización. Nace en diálogo directo coa proposta anterior. En certa medida son complementarias. O seu título podería ter sido "o ser e o tempo".
Jesús Pata