ABIGAIL LAZKOZ. Distopía literal
Constitución de Cádiz, 1812
Art. 13. O obxecto do Goberno é a felicidade da Nación, posto que o fin de toda sociedade política non é outro que o benestar dos individuos que a compoñen.
No proxecto Distopía literal, Abigail Lazkoz presenta unha reflexión gráfica-conceptual en torno á evolución do concepto da felicidade dende 1812, ano da promulgación da Constitución de Cádiz, ata os nosos días. Para iso, no vestíbulo do MARCO recréase un espazo de pegada libre e de carácter espontáneo e de rúa que combina carteis de papel, sinais de madeira, adhesivos, pancartas e demais soportes creados pola artista nos que se recompilan citas literarias, diarios, e textos institucionais, un por cada ano do aniversario da ‘Pepa’.
A obra consiste en 200 textos de máis de 50 países e de diversa orixe (militares, artísticos, biográficos, científicos...), que ofrecen un percorrido a través da evolución da idea de felicidade, empezando polas reivindicacións da era postrevolucionaria francesa e continuando polo nihilismo romántico, os movementos antiescravistas e postcoloniais, os dereitos da muller, a revolución industrial, os movementos obreiros, a identidade sexual, a cientifización da sociedade, a psicanálise, ou as grandes guerras. Un mosaico cronolóxico que intenta dar conta da complexidade dun concepto como é decretar o dereito á felicidade: lexislar, dar estrutura a un sentimento que atinxe ao subxectivo pero tamén ao colectivo, ao individuo como ser social.
A Lazkoz o Artigo 13 da Constitución de Cádiz pareceulle interesante como “exemplo perfecto do espírito dos tempos baixo os que se redactou a Constitución. Un tratamento tan comprometido e digamos proactivo da felicidade, tema subxectivo e escorregadizo onde os haxa, pode parecer baixo a perspectiva actual cando menos naif, pero enténdese mellor se o contextualizamos historicamente no pensamento utópico e idealista da Europa ilustrada”.
“Nesta obra —continúa a artista— utilizo precisamente o termo distopía, chamada tamén anti-utopía. A distopía é unha utopía perversa onde a realidade transcorre en termos opostos aos dunha sociedade ideal. O termo foi acuñado como antónimo de ‘utopía’ e úsase principalmente para facer referencia a unha sociedade ficticia frecuentemente emprazada no futuro próximo, onde as consecuencias da manipulación e o adoutrinamento masivo —xeralmente a cargo dun Estado autoritario ou totalitario— levan ao control absoluto, ao condicionamento ou exterminio dos seus membros baixo unha fachada de benevolencia”.
No que atinxe ao tratamento dos textos, a artista inspirouse nos Exercicios de estilo de Raymond Queneau e, no que respecta ao tratamento visual, na recreación que de Oceania, o estado totalitario ficticio da novela 1984 de George Orwell, se fai no filme do mesmo nome.
“A través de 200 textos de moi variada procedencia xeográfica e temática, a miña obra ofrece unha visión editorializada da evolución do concepto da felicidade nestes 200 anos. Dende Frankenstein a Wiki-leaks, pasando polas sufraguettes ou unha cita dun poema de Leopoldo María Panero, intento achegar algunhas ideas sobre as bases que apuntalan este concepto que obsesiona ao individuo contemporáneo”.