Programa ‘ARTISTAS EN RESIDENCIA' Organiza: CDG Centro Dramático Galego, en colaboración co MARCO
ARTISTAS EN RESIDENCIA é un programa que ten como finalidade apoiar a artistas ou colectivos artísticos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escritura teatral, circo, danza, e outras artes do movemento, e a aqueles que, dende outras disciplinas artísticas, traballen coa danza, o teatro, o circo ou as artes do movemento como referencia. O programa pretende ofrecerlles recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver o seu proxecto fomentando o intercambio entre artistas e entre disciplinas artísticas.
Durante os meses de xullo e agosto deste ano, en función dun acordo de colaboración entre o CDG e o MARCO, o museo acollerá dous dos proxectos seleccionados na convocatoria 2008-2009, poñendo á súa disposición o espazo e dotacións do salón de actos como lugar de traballo para o desenvolvemento das súas actividades de investigación e creación. En función dos resultados de cada proxecto, os espazos de traballo abriranse ao público para a súa participación.
LA CANALLA
PlayGround_textil'n progress Do 13 de xullo ao 7 de agosto O proxecto de LA CANALLA (Francisco Soto e Patricia Soto) ten como base a investigación sobre os materiais téxtiles como elementos xeradores de espazo e a súa relación co movemento, afondando na relación suxeito/movemento/indumentaria/espazo. A roupa nivela ou diferencia, facilita ou dificulta o movemento dependendo dos materiais, dos acabados e das estruturas escollidas para a súa confección. O obxectivo é crear un espazo téxtil que poida ser usado de modos diferentes dependendo das necesidades dos visitantes: os nenos como espazo lúdico, os adultos como ámbito de relación persoal, os artistas, bailaríns e actores como lugar onde deixar a súa pegada. Cada venres, mentres dure o traballo, haberá xornadas de portas abertas cara ao público. Cando remate o proxecto, terá lugar unha presentación para mostrar o resultado final.
XABIER MARIÑO
Identidades Do 10 de agosto ao 4 de setembro ‘IDENTIDADES', a proposta de XABIER MARIÑO, é unha instalación interactiva na que se empregan códigos propios da performance, a videocreación, a escultura, o teatro contemporáneo e a música electroacústica, non como disciplinas individuais senón no seu conxunto. O proxecto, que ten como obxectivo unha reflexión sobre a identidade, estrutúrase en varias partes diferenciadas -traballo puramente sonoro, de videocreación, e performativo- pero ligadas entre si.
Un aspecto determinante do proxecto é o papel do público, que se atopa inmerso nun espacio imaxinario, virtual, e que proporciona, como se dunha retroalimentación se tratase, a súa propia identidade, a súa actitude pasiva ou activa na construción narrativa. En contacto coa instalación, prodúcense respostas sonoras e visuais que acaban formando parte do audio e do vídeo da instalación. O proxecto de Xabier Mariño contará coa colaboración de artistas como Ana Moya (artista visual), César Orrico (escultor), Irene Bohoyo (actriz) e Carlos Groba (Enxeñeiro de Telecomunicacións.)