“A BALEA NEGRA é un proxecto expositivo que xorde da crise provocada polo accidente do buque Prestige. Nun primeiro momento, o seu propósito é rememorar e documentar un acontecemento que resultou crucial para Galicia e para España, no décimo aniversario do afundimento do petroleiro, 240 millas ao oeste de Fisterra. A marea negra que arrasou e contaminou as costas galegas —a partir de novembro de 2002 e ata ben entrado 2003— foi o detonante dunha mobilización social que esixiu que ‘nunca máis’ volvese acontecer algo parecido. As protestas que se sucederon en Galicia durante meses foron paralelas ao ciclo de manifestacións que se viviron daquela en España en contra da intervención na segunda guerra de Iraq, provocada, en boa medida, polo control dos recursos petrolíferos en Oriente Medio.
A exposición parte desta realidade concreta —que, como nos demostran as hemerotecas, foi un dos momentos, social e politicamente, máis intensos das últimas décadas— para contextualizarla e interpretala nun marco máis amplo. Así, tomando á industria petrolífera e os múltiples factores que a rodean como unha das principais manifestacións visibles das sociedades contemporáneas, o proxecto ábrese a temas diversos como a explotación da natureza, o colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización ou a guerra.
A partir desta formulación, a exposición desenvolve estes contidos en senllos eixes espaciais e temporais que se entrelazan ao longo dun percorrido no que se combinan obras de arte e materiais documentais. Xunto a episodios relacionados con Galicia —dende o accidente do Urquiola en 1976 ata o presente, facendo fincapé na crise do Prestige— o proxecto reúne obras vinculadas a lugares tan dispares como Alasca, Estados Unidos, Iraq, México, Venezuela, o Cáucaso ou Nixeria.
Dende o punto de vista temporal, remite a múltiples momentos históricos que van dende o pasado remoto no que se orixina o petróleo (‘ese podredoiro arcano que orienta e acaudilla aínda a xeopolítica dos nosos días’, en palabras de Rubert de Ventós), ata un futuro de ciencia-ficción. Esta simultaneidade de tempos extrema confire ao proxecto unha singular riqueza de significados, xa que nel coexisten os discursos xeolóxicos, arqueolóxicos e entrópicos de Robert Smithson, coa visión alucinada da Apocalipse que o cineasta Werner Herzog filmou ao documentar os pozos kuwaitís en chamas ou a crítica social, máis enraizada no presente, de autores como Allan Sekula, Alberte Pagán ou Ursula Biemann, entre outros.
Esta combinación de espazo e tempo favorece que xurda da exposición toda unha constelación de significados que superan amplamente a simple actividade da explotación e distribución petrolífera: cuestións ambientais, ecolóxicas, xeopolíticas, económicas, coloniais ou activistas, aparecen asociadas a nocións máis poéticas como o risco, a decadencia, a épica da busca de recursos en horizontes cada vez máis improbables, ou a tarefa destinada ao fracaso, pero heroica —como no mito de Sísifo— dos que loitaron contra as traxedias que vertidos reincidentes de fuel provocaron en lugares como Galicia, Alasca, a costa francesa ou o Golfo de México.
Coa referencia constante, repetitiva e asfixiante dun elemento tan vulgar, viscoso e pesado na súa materialidade como atractivo plasticamente, e simbólico dende o punto de vista do significado, a suma dos traballos dos artistas constitúe un conxunto no que o visual se alía coa narración, coa teatralidade e o cinematográfico; unha experiencia sinestésica que transmite con dramatismo, emoción e contundencia toda unha trama de discursos e contidos que afectan a algunhas das cuestións máis urxentes do noso tempo.
Así, a mirada orixinaria a un acontecemento local remata por se converter nunha visión panorámica do mundo contemporáneo, do seu pasado recente e remoto e do seu incerto porvir. O naufraxio do Prestige e a catástrofe que provocou no litoral de Fisterra transfórmanse así nun mito universal. A exposición parte do material, dun feito físico, comprobado, para elaborar un discurso ou relato que se sitúa a medio camiño entre a obxectividade da historia e a subxectividade das visións críticas, épicas, románticas e ata sublimes dos artistas.
O título da mostra trata de sintetizar todas estas dimensións e as numerosas capas de significado achegadas polas obras. ‘A balea negra’ é unha expresión tomada dunha entrevista concedida polo ‘alemán de Camelle’ (tamén coñecido como ‘Man’). Nesa entrevista Man contaba que, tempo atrás, unha xigantesca balea negra se lle aparecera en soños, arrasando a Costa da Morte, como un Godzilla occidental. Un soño que resultou premonitorio cando o Prestige naufragou no medio dun temporal, navegou sen rumbo durante uns días, derramou a súa carga de chapapote a destro e sinistro e afundiu, finalmente, nun abismo de 4.000 metros de profundidade no océano Atlántico. A imaxe dunha besta mitolóxica, que recorda ás criaturas monstruosas que o historiador romano Estrabón situaba nos mares de Fisterra, ou á balea branca da novela Moby Dick en tempos máis modernos, aparece así como unha representación chea de simbolismo do petroleiro, do seu estado ruinoso e do seu fatal destino.
O mesmo que na novela de Herman Melville a busca incansable da balea representaba, por un lado, a ansia por cruzar todas as fronteiras coñecidas en nome do progreso —o aceite de balea era unha das materias primas máis demandada na época—, e a loucura e soberbia á que pode chegar o ser humano ao medirse coa natureza, por outro; casos como o do Prestige ou o máis recente da plataforma Deepwater Horizon traen ao presente a mesma amálgama de obsesión, cobiza, explotación e arrogancia que caracterizou o capitán Ahab, aos mariñeiros que o seguiron cegamente na súa vertixinosa odisea cara ao desastre e, dende un punto de vista máis alegórico, á propia sociedade á que pertencían.
Seguindo o espírito de Moby Dick e das obras dos artistas presentes na exposición, A BALEA NEGRA non pretende ser un discurso moralizante sobre o medio, senón unha metáfora da complexa relación do home coa natureza. Traer ao presente a historia do Prestige reanima este debate, enlaza co ciclo de protestas actual e pon de manifesto a fraxilidade do noso modelo de progreso nun momento crítico chamado a redefinir a idea da modernidade, así como unha escala de valores alternativa”.
Pedro de Llano
Comisario da exposición