Borrador para unha exposición sen título
Como primeiro enunciado sobre a obra de Cabello/Carceller, o vestíbulo de acceso á mostra preséntase como sala de lectura, incluíndo documentación e referencias bibliográficas, acompañadas dunha cronoloxía subxectiva e militante en relación cos movementos e a teoría do xénero a escala internacional.
Este arranque da exposición, ao estilo das grandes retrospectivas, ha de ser entendido como unha declaración de intencións. Por unha parte, indica a necesidade dun espectador activo como lector, disposto a “perder o tempo” no museo, sabendo ademais que toda lectura é unha mala lectura, xa que crea unha diferenza significativa con respecto ás intencións das súas autoras; unha desviación estimulada e acrecentada polo resto da exposición.
Por outra, a cronoloxía salienta feitos do pasado con respecto ao presente, xustapoñe os “fitos” dunha traxectoria ao cotián das conquistas e decepcións das políticas de xénero e as súas manifestacións culturais, nun sentido cronopolítico que rompe co progreso evolutivo, coa orde produtiva imparable do capitalismo tardío, e reforza a visión da cronoloxía como unha espiral na que o futuro afecta ao pasado para construír o presente.
A partir de aí, a exposición presenta as obras como un dispositivo de representación: un espazo teatralizado baseado na repetición, a mismidade e o xogo de dobres, centrais na súa estética militante, onde as obras e os tempos se xustapoñen para facer énfase na actualidade permanente do seu aparato crítico.
A idea de temporalidade está presente na proxección The End (despois e antes), e no Arquivo Drag Models, despregado sobre as paredes das salas frontais, que funcionan aquí como dous lados case reflexos, como espazos especulares, poñendo de relevo a idea de dobres sobre a que as artistas traballaron de forma insistente. Deste modo, as salas-corredor que as conectan entre si recollen obras máis antigas, fundamentais para entender a xenealoxía da súa construción como artistas, e as frontais para contextualizar todo o relacionado coa súa concepción das políticas drag.
No corredor perimetral, aberto nesta ocasión como tránsito entre as salas frontais e os espazos posteriores, o vídeo Libre produción de sentido rexistra a destrución por parte de Cabelllo/Carceller, na Bienal de Bucarest, das fotografías enmarcadas do Arquivo Drag Models, alertando así sobre posibles sorpresas, e acentuando o sentido de construción/destrución/reconstrución da obra e da propia mirada do espectador.
O ámbito da Galería, no que se exhibe a serie fotográfica de piscinas baleiras Sin título (Utopía), expándese tamén a través da sala do fondo, convertida agora en espazo diáfano que completa a mostra con varias obras especialmente relevantes: por un lado, a instalación Suite Rivolta. Unha proposta estética para a acción —co grafitti branco sobre branco, a referencia a González-Torres e a coreografía do vídeo— e, ao fondo, a proxección Off Escena: se eu fose..., o proxecto realizado coas internas en Matadero Madrid, que sitúa en primeiro plano o cárcere como lugar de memoria. Xunto a esta proxección, unha versión actualizada de Come y calla (presentada no Círculo de Bellas Artes en 1993) que mostra en pequenas fotografías polaroid o retrato do persoal de limpeza do MARCO, todas elas mulleres, subliñando a idea de infiltración. Obras, en suma, que funcionan como peche/comezo da exposición, pregando os tempos e unindo con brillantez as liñas entrecruzadas da historia.
A epidemia de significación queer do espazo do MARCO supera as salas de exposicións convencionais e infíltrase en espazos subsidiarios e na biblioteca. Como nun cartón corrugado —onde dúas finas láminas de cartón adquiren unha resistencia singular grazas a outra pregada en zigzag no seu interior —, é nos seus baleiros estruturais, intersticiais, na lectura entre liñas, onde a exposición desenvolve a súa narrativa, permitindo a aparición de discursividades que normalmente se someten á ocultación. Ese é o espazo para o gozo e a sorpresa e de aí o provisional do seu título indefinido: a exposición como un espazo onde calquera punto de referencia sexa un novo centro dende o que o conxunto teña que articularse de novo, unha e outra vez, onde o queer non veña dado senón que aconteza como o indicio dun utópico chegar a ser.
Manuel Segade