Sobre o meu traballo
Unha significativa produción da miña obra xira en torno ao material escultórico; á terra-turba coa que manteño unha intensa vinculación e cun potencial tal, que nos últimos anos ten derivado cara á construción de pezas ideadas para alcanzar unha experiencia física con esa materia. De aí que considere a obra acabada só se esta se completa co corpo, ata o extremo de interpretar un bo número de pezas como instrumentos, cunhas características particulares que permiten ser usadas.
Polo tanto, o interese de concluír unha obra como peza final e única desvíase, por unha banda, cara a labor, cara o proceso en si mesmo -así se manifesta no caso das últimas obras, mediante o traballo en serie, sistemático; unha repetición formal que contribúe a sinalar ese aspecto procesual, atendendo ao feito de construír, do traballo- e por outro, cara ao deseño de lugares "habitables", tomando como referente a medida humana e indicando como dispor as pezas para seren usadas. Alcanzo así a experiencia consciente dos materiais: o corpo e a terra.
Este valor instrumental das obras engádelles unha nova condición; con cada unha das accións queda subliñado o proceso: "Non hai evento sen exercicio; non hai situación sen repetición. O que se impón como o mellor para nós debe ser repetido, elaborado, transformado no que queremos subxectivamente (...) Desta estética do evento nace a idea da arte como exercicio: (...) o que conta no pensamento estoico non é a obra de arte senón o exercicio, isto é, o momento procesual que conduce á mesma, o movemento produtivo que a realiza". (Mario Perniola, El arte y su sombra, 2000). Completarse coas pezas mediante a acción de usalas provoca unha relación privada coas características que se achan na súa materia. Son estas características as que inciden sobre o home "usador" para crear esa tensión nomeada por Hölderlin, e para intensificar con ela a conciencia.
Sobre a construcción de columnas
Hai dous aspectos fundamentais que me interesan para continuar na construción de columnas de terra. O primeiro fai referencia ao sostén, á inestabilidade e ao corpo como base. O segundo á intrusión nos espazos, á fusión empática de chan e teito, e á convivencia como proceso para desenvolve un sentido de pertenza.
Poño atención na inestabilidade que a carencia de base produce nos piares. Se recorro a un grande número de columnas como elementos simbólicos de inestabilidade, as presento sen base, de xeito que a primeira idea de sustentabilidade transfórmase nunha manifestación do absurdo e do desalento. Tamén utilizo columnas interpretadas como elementos sostén. Por exemplo, fixadas no teito de xeito que queden suspendidas sobre o chan a unha distancia que permita, no que sería a súa base, o espazo exacto para o seu uso. Os piares de terra presentan ese asento da obra que só se verá cumprido no momento no que o home o ocupe corporeamente; dese xeito, este convértese na base das columnas, no responsable da súa propia estabilidade. Base e columna forman un todo imposible, e ironicamente, cada vez que o corpo abandone a súa condición de base se restablecerá a inestabilidade revelando unha fráxil firmeza. Só unha convivencia sistemática, entendida como proceso que relaciona o habitar co uso antes descrita, consegue finalmente provocar unha intensificación da conciencia e da pertenza.
CARLOS RODRÍGUEZ-MÉNDEZ
Vigo, marzo 2005