Trala exposición organizada na propia sede da Fundación Telefónica en Madrid, en febreiro de 2004, que supuxo a presentación pública da colección, MARCO de Vigo acolle esta mostra como primeira sede dun longo percorrido por museos e centros de arte de toda España.
O eixo vertebrador desta colección é ese punto de inflexión polo que a fotografía, no limiar do século XXI, pasa de ser un documento a se converter nun relato; comeza a adquirir conciencia da súa capacidade expresiva e do valor da súa actividade de representación, subvertendo os propios códigos e linguaxes que este medio emprega.
Construída a partir dalgúns dos nomes emblemáticos da contemporaneidade plástica, a exposición inclúe formulacións radicais e conceptuais, esteticistas e narrativas, documentais e sociais, nun conxunto que reflicte a variedade e mailo eclecticismo dun momento creativo dunha riqueza e abundancia pouco frecuentes.
Os artistas que forman parte da Colección de Fotografía Contemporánea de Telefónica utilizan a fotografía como medio de expresión e experimentación. As súas imaxes falan do que pode ser hoxe a experiencia artística no contexto da cultura contemporánea.
Dado que hoxe en día xa non existen dúbidas verbo do valor artístico da fotografía e de que nestes momentos é unha das expresións artísticas máis utilizadas polos creadores actuais, era necesario comezar esta Colección amosando unha certa filiación, que tivese un nesgo histórico e que, polo tanto, iniciase a súa andadura nos anos sesenta, cos traballos da Escola de Düsseldorf, os discípulos de Bernd & Hilla Becher en Europa (Thomas Ruff, Thomas Struth, Andreas Gursky) e de John Baldessari no continente americano (Richard Prince, Cindy Sherman), para avanzar pola fotografía cinemático-pictoralista (Jeff Wall, Sam Taylor-Wood), ata os desenvolvementos narrativos máis actuais.
A distinción aceptada entre fotógrafos e artistas que utilizan a fotografía tende a desaparecer. Os creadores actuais sérvense da fotografía con total liberdade e coñecemento de causa, sen se sentir na obriga de demostra-las virtudes ou posibilidades do medio, porque teñen tras eles 170 anos de historia, onde todo se manifestou dabondo.
A fotografía substituíu en moitos casos á pintura. A invención da cámara conseguiu que a captación da imaxe real fose moito máis rápida, fiel e precisa, desacreditando o virtuosismo técnico dos pintores e achegando o espectador a unha nova realidade.
Dende a fotografía analóxica á dixitalizada, as novas tecnoloxías aplicadas á arte están presentes nesta mostra, así como certos exemplos decisivos da relación da fotografía coa performance ou co documento social.
Xéneros diversos ancorados nas raíces da historia da arte, como son o retrato, a paisaxe ou a fotografía arquitectónica, conforman un conxunto que abrangue as temáticas características da arte actual, dende a recuperación da memoria histórica, á denuncia social, a crítica dos procesos artísticos ou a utilización do corpo como plataforma de comunicación plástica.