“Esta exposición inscríbese no marco dun estudio que empezamos en 2005 e que se centrou en investigar os usos do humor na arte actual. Dende entón realizamos tres exposicións nas que se abordou o humor na produción artística contemporánea dende diferentes perspectivas: o humor como resultado dunha actitude que identifica arte e vida, o humor como ferramenta para conectar co público acurtando a distancia que os separa, e o humor como vehículo ou transmisor de contidos críticos. ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’ é o derradeiro proxecto desta serie e nesta ocasión o humor vén da man do absurdo.
A exposición reúne ata doce propostas, todas elas disparatadas, doce proxectos totalmente tolos. Trátase de proxectos máis propios dun personaxe como Sísifo ca dun artista, e sono basicamente por dúas razóns: polo absurdo da acción a desenvolver e polo esforzo empregado para levala a cabo en relación ao resultado. Por suposto, ningunha das accións responde a un castigo; máis ben, todo o contrario. Trátase dunha decisión propia e meditada, un traballo que cada artista desempeña voluntariamente e con gran dedicación. Non importa o tempo que se necesite para levar a cabo un proxecto nin os medios que haxa que mobilizar, dá igual o resultado, o improdutivo do traballo, o absurdo ou ridículo da acción. O artista pon un empeño cego no seu labor, emprega un grande esforzo, ás veces intelectual, outras mesmo físico. Pero sexa cal sexa o tipo de esforzo, en todos os casos este queda fóra do razoable [...].
Aínda que sigan sendo unha minoría, dende que apareceu Duchamp houbo moitos artistas que decidiron deixar de tomar o acto creativo tan en serio, renunciaron a seguir traballando sobre as grandes ideas para dedicarse en corpo e alma ás pequenas ocorrencias. Calquera pode dicir que ocorrencias temos todos, pero o artista é o único tan obstinado como para ir ata o final e dedicarse a elas sen importarlle o máis mínimo o absurdas ou pouco produtivas que estas poidan chegar a ser. O artista destácase do resto no momento en que é quen de deixar a razón a un lado e seguir ata o final.
Tamén habería que dicir que hai cousas que só a un artista se lle permiten facer. Se as fixese outra persoa, dubidaríase da súa cordura; non obstante, un artista pode facelas e ademais é aplaudido por iso. Socialmente concedéronselles certas licencias baixo esa vella escusa romántica da loucura creadora, licencias que os artistas desta mostra e outros moitos aproveitan convenientemente para alcanzar os seus obxectivos [...].
Pasarse cinco días remando no Adriático para converterse no primeiro ilegal de orixe italiana que se infiltra en Albania pedindo asilo [Piero Golia]; cavar un burato xigantesco na area durante todo un día para despois tapalo e volvelo abrir ao día seguinte repetindo a mesma acción durante unha semana [Gelitin]; invadir o país veciño violando os límites fronteirizos cun exército de xoguetes teledirixidos [Xu Zhen]; lanzarse dende un avión a uns catro mil metros de altura armada cunha vasoira para tratar de varrer as nubes e conseguir que luza o sol en Berlín [Tere Recarens] son só algúns exemplos dos proxectos que se poden ver en ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’. Despois de ler a breve descrición dalgunhas das accións, é inevitable que moitos se formulen a xa clásica pregunta; e isto é arte? [...].
Sería difícil imaxinar estes proxectos se antes non existise o Dadá, o movemento Fluxus, o happening ou mesmo o accionismo [...]. É preciso remontarse a estes referentes para atopar actitudes e modos de facer parecidos os que atopamos nesta exposición. Aínda que as intencións non sexan as mesmas, a linguaxe, as estratexias, son bastante parecidas. Se saltamos a Duchamp e os surrealistas teriamos que avanzar ata principios dos cincuenta para atopar os primeiros referentes e algunhas das accións máis influentes nos artistas actuais [...].
Aínda que os modos de facer e algunhas actitudes de artistas actuais se parezan moito ás dos seus predecesores, o contexto xa non é o mesmo e as intencións tampouco. Pero entón; Cal é a vontade das obras de ‘COUSAS QUE SÓ UN ARTISTA PODE FACER’? A onde nos levan con esas actitudes de baleirado total de significado? Hoxe en día é difícil que estes artistas falen abertamente sobre cales son as súas intencións; non obstante, é doado ver cara a onde apuntan as súas propostas. Aínda que sigan estirando os límites do posible coas súas accións e proxectos imposibles non están a reabrir o debate sobre o que se pode facer en arte e o que non —a historia xa demostrou, como diciamos, a súa capacidade de asimilalo todo. Estas novas accións parecen ir máis dirixidas cara a dentro, cara á propia esfera artística, aínda que algunhas ao mesmo tempo tamén poidan ter lecturas sociopolíticas. Pero se facemos o esforzo de ler as obras desta mostra no seu conxunto, esa lectura aproxímase moito máis á acción de Duchamp de pintarlle bigotes á Gioconda. Son accións que directa ou indirectamente ridiculizan tópicos e actitudes da arte inmediatamente anterior, ata dos seus propios referentes, intentos de cuestionar a figura do artista no noso tempo, mesmo o xeito de entender a arte. Despréndese, das súas actitudes máis que das súas accións, certo escepticismo sobre os alcances da arte, unha vontade de afastarse das ambiciosas pretensións da arte moderna [...].
Unha das explicacións que atopamos sobre o uso do humor na arte tería que ver directamente coa actitude coa que algúns artistas afrontan o seu traballo, a disposición anímica que empurra ao autor a emprender o acto lúdico-creativo realizando unha identificación arte e vida; vida e xogo. Esa identificación ten como consecuencia que algo tan transcendental como a obra de arte acabe sendo algo tan insignificante como o resultado do xogo do artista. Este posicionamento resúltanos interesante por dous motivos: en primeiro lugar, polo seu carácter subversivo, por non rexerse polos canons de produtividade polos que valoramos o individuo; en segundo lugar, polo seu poder relacional, pola súa grande capacidade para conectar co espectador. Esta actitude relacionada co xogo é a que cremos que máis se identifica coa maioría dos artistas actuais que usan o humor. Nelas, o humor vén do xogo, da diversión de romper as regras facendo o que se supón que non se debe facer, facendo o que parece imposible de facer, e por suposto, con todo o pracer de quen fai unha pequena maldade, tomándoo como un xogo, sen ánimo de provocar [...].
O humor absurdo é un humor moi particular, non provocará a risa nin a gargallada. Cando o espectador se enfronta a unha das obras o máis doado é que sorría e leve as mans á cabeza levado por un sentimento de dúbida e incredulidade, incredulidade ao ver que haxa xente capaz de dedicar tempo e esforzo a labores tan improdutivas como as que relatan as accións da mostra, incredulidade de que o sistema-arte lles apoie e reforce as súas ocorrencias. Non cremos que ninguén as vaia interpretar como unha provocación seria, a carga cómica das accións impídeo, supoñen un atentado contra a razón dende o humor.
Pola nosa banda, o que nos interesou ao reunir esta serie de proxectos é todo aquilo que nos podían desvelar no seu conxunto sobre a condición do artista na actualidade, sobre as transformacións vividas pola imaxe que proxectan e a imaxe do artista que o público logra asimilar. Queriamos indagar nas posibles razóns que os levan a facer proxectos nos que o absurdo e o humor poden máis ca razón práctica. Agora estamos seguros de que nestas accións está o reflexo dunha nova actitude do artista, unha nova forma de enfrontarse á súa creación e de entender arte e vida”.
David Arlandis e Javier Marroquí
[Extractos do texto dos comisarios para o catálogo da exposición]