Desde a súa data de apertura, unha das liñas de programación do MARCO baséase na produción dunha exposición anual que teña como base un traballo de investigación sobre o pasado recente da creación plástica en Galicia, que fomente as revisións históricas e a recuperación de autores ou movementos artísticos galegos vencellados a linguaxes vangardistas. Este área de reflexión tivo como resultado a mostra inaugural Atlántica, na temporada 2002-2003, e A creación do necesario. Aproximación ao deseño do século XX en Galicia, no 2004. En 2005 o labor de investigación céntrase no estudio das importantes consecuencias da diáspora latinoamericana na produción de dez dos máis importantes artistas galegos do século XX.
A historia de Galicia está inevitablemente vencellada ao termo “diáspora”: a saída de galegos cara ao estranxeiro ten sido un contínuum desde finais do século XIX, acelerándose debido ao exilio motivado pola Guerra Civil e rematando coa importante emigración dos anos sesenta. Este goteo de persoas, xa fosen exiliados, refuxiados ou emigrantes, tivo consecuencias inmediatas para a cultura galega, pola saída de persoeiros relevantes das artes e das letras que poderían ter desenvolvido un labor fecundo no país, e efectos secundarios máis a longo prazo, na produción artística dos fillos de galegos nados fóra de Galicia.
O obxecto da exposición, a través dun labor de pescuda da cultura galega no exterior nas súas vertentes plástica, literaria e cinematográfica, é aportar novas claves de lectura da historia da arte galega do século XX, amosando datos que permitan reconstruír unha historiografía alternativa ao discurso oficial académico, na que estea presente a transcendencia da diáspora e do exilio, e as súas consecuencias, no desenvolvemento da cultura de Galicia. Alén de teorías de carácter socio-político, inténtase deixar constancia de como a conxuntura política e socioeconómica dunha determinada comunidade afecta de xeito definitorio ao proceso de xénese e conformación da identidade cultural. Hoxe en día non se pode pensar en Galicia sen reflexionar sobre a súa diáspora.
A exposición non pretende facer un inventario de todos os artistas galegos que formaron parte ou mantiveron contacto coa cultura galega no exilio, que foron moitos e moi bos (Francisco Vázquez Díaz “Compostela”, Federico Ribas, Xosé Caridad Mateos, Laxeiro, Abreu Bastos, Mario Granell, Mercedes Ruibal ou Leopoldo Novoa, entre outros), senón, por medio do estudo detallado do caso de dez artistas significativos, achegarse a un fenómeno colectivo que nunca foi estudado como tal. Por outra banda, interesa destacar que, se ben os creadores presentes na mostra son sobradamente coñecidos, o efecto da diáspora na súa creación plástica nunca foi analizado cunha visión de conxunto. Ademais, sácanse á luz obras pouco coñecidas ou inéditas dalgúns destes artistas –como Souto ou Colmeiro– que amosan o seu compromiso social en tempos anteriores á República e durante a Guerra Civil.
O reflexo de tres momentos históricos –a preguerra, o conflito e a pegada americana– foron os criterios básicos para a selección das obras da exposición. A través delas, e da documentación bibliográfica, pódense destacar tres grandes eixos temáticos: a vivencia da Guerra; a saudade do país deixado atrás, e, por último, a influencia da nova terra e a ollada destes artistas sobre a realidade americana.
En canto á presentación da montaxe, tres grandes capítulos conforman a mostra: por unha banda, a selección de 47 obras de pintura, escultura e fotografía; en segundo lugar, o apartado dedicado á documentación gráfica con 43 documentos (carteis, libros, folletos, e reproducións de libros en formato dixital) que ofrecen información sobre as distintas actividades destes creadores na diáspora, con especial incidencia na relación que se establece entre os artistas plásticos e os creadores literarios. En particular, céntrase no período do exilio, no que moitos dos libros publicados son froito de iniciativas que combinan o traballo de escritores e artistas, que deron como resultado algunha das creacións máis representativas da cultura galega do século XX. Dentro da ampla actividade cultural levada adiante polos exiliados salienta de maneira moi especial a produción literaria bonaerense, onde destacan Luis Seoane e Lorenzo Varela (a quen vai dedicado o Día das Letras Galegas 2005); e por último, o capítulo dedicado á produción de fotografía e cinematografía de autores galegos en América Latina, cos traballos fotográficos de José Suárez, e o ciclo de cine dedicado ao autor Carlos Velo no Salón de Actos.