“Por unha banda, poderíase afirmar que a sociedade e a cultura na que agromou e que caracterizou a arte de Israel ata case finais da década de 1980 estiveron marcadas, dun xeito ou doutro, polos principios do ideal e do mito Sionista, a consecuente creación dunha identidade colectiva, a preservación e imposición dunha fronte ideolóxica uniforme, común, e o desenvolvemento do vasto e ambicioso proxecto dos asentamentos. Por outra, semella xa evidente que a sociedade e a cultura na que hoxe se artellan e se debaten os seus artistas contemporáneos xa non sacrifican nin as súas expresións de diferenza, nin as súas individualidades, nin os seus paradoxos, nin os seus conflitos, en beneficio dunha fachada idealista universal. En todo caso, a arte contemporánea de Israel que se ven urdindo particularmente a partir dos noventa, e que ten conseguido proxectarse no exterior durante a última década, desencadea o mesmo tipo de pluralidade, fragmentación, inestabilidade e contradicións que caracterizan ao de calquera outra sociedade moderna que experimenta e sofre o cuestionamento e transformación da súa identidade establecida e dominante propiciados polas continuas correntes migratorias, a globalización económica e cultural, e a diseminación e ubicuidade da información e das novas tecnoloxías.
Por iso, os artistas que aquí se presentan nin constitúen un bloque circunscrito a unha ideoloxía nacional, nin a unha visión colectiva ou a unha corrente estética uniforme. Alén das ideas preconcibidas e asuncións, dos prexuízos, presupostos e predisposicións, clixés e outras nocións que teñamos das súas creacións, ningunha podería identificarse especificamente como israelí, nin revelaría unhas características ou patróns identitarios que configuren unha idiosincrasia ou estereotipo cultural. En conxunto, a orixe e o contexto no que se desenvolven e proxectan estes artistas seleccionados, as súas prácticas e as súas creacións, as súas teimas e proxeccións xa non están invertidas, absortas, na esperanza ou nos soños dunha sociedade utópica común. Se acaso, a complexidade e a multiplicidade que manifestan as súas obras estarían inspiradas, decididas se cadra, por variadas e distintas condicións, circunstancias e factores que se relacionan e se caracterizan coas diversas culturas, linguas, relixións e visións políticas que compoñen hoxe Israel.
Se algo caracteriza a este grupo de artistas no seu conxunto, se hai algo que os identifique, é unha tensión entre a realidade na que viven, entre a realidade que padecen, que experimentan, que constrúen, que configuran e recrean nas súas obras e o barullo interno das súas subxectividades. Incluso cando se refiren a situacións e temas sociais e políticos, o que representan, o que proxectan, sempre é unha proposición inquietante, ás veces contida, ás veces silenciosa, de cote indirecta e sempre oblicua, sen linealidade, sen temporalidade, transcendendo sempre o particular e o específico ata transformar a concreción e realidade do Holocausto, a guerra, o terrorismo, a ocupación ou a inseguridade da vida diaria que confrontan, en ficcións de violencia, de temor, de morte e de ansiedade subxectivas, que nos implican a todos por igual. A interioridade vólvese do revés, expoñendo, revelando as entrañas da súa ansiedade.
Tal vez é a proximidade do trauma que ocasiona a cotío a realidade na que vive o artista israelí; tal vez é temor a simplificar, a explotar, a exotizar, a estetizar, a confundir a realidade coa ficción. Sexa o que sexa, ningún deles parece disposto a que o constante e arbitrario remuíño da realidade, o seu desacougo e a súa insuficiencia, socaven o extraordinario poder da imaxinación, a que a quimera desta sucumba ante o xugo daquela, como un máis dos seus instrumentos. Para todos estes creadores, a arte é un lugar de ambivalencia extrema. E por máis que tratemos tantas veces de arroupar esa ambivalencia cunha brecha diferente, e cambiemos o empeño en describir e conter o sublime por un argumento das implicacións políticas do poder e a utilidade da arte, sempre continuaremos arrastrados cara á arte como se fora un espectro, o pantasma dun pasado que aínda nos conmove e a persistente posibilidade dun futuro que pensamos que desexamos. Contra a narrativa, estes artistas israelís eclipsan a temporalidade mesma incluso cando tratan de historizala. E como o obxecto imposible da conciencia, a arte que aquí presentamos, esta arte do revés, vaise flotando no aire como ausencia. Se non fose así, só sería a presenza do seu fondo fracaso”.
Octavio Zaya
Comisario da exposición
[Fragmentos do texto “DO REVÉS: Desacougos sen ilusións
Entre un final e un principio, entre ansiedade e especulación”, no catálogo da mostra]