A SORTE E O AZAR. Unha aproximación ao proxecto Femme fatale-amores platónicos
“Non lle preguntes a un filósofo pola sorte, non che contestará, se cadra si a algo co que a adoitamos identificar: o azar. Poranche o exemplo do testo que cae ao teu paso. Do azar si falaba Aristóteles referíndose a el como unha parte inescrutable da existencia humana que ten que ver con aspectos conxunturais ou accidentais que nos acontecen nas nosas vidas cotiás. Non obstante, o azar non é tan popular como o é a sorte. A boa ou a mala sorte está presente habitualmente no noso vocabulario cotián e só coa súa oportuna mención, a miúdo damos resposta ao noso percorrido vital, mesmo opinamos, sen a menor dúbida, sobre o acontecido aos outros. Quizais a sorte ten que ver cunha especie de valoración persoal da propia existencia, coa convicción de que as circunstancias que a provoca sobreviñeron como regaladas contribuíndo así á felicidade ou, por que non, á desgracia. Aquí, a pregunta é se a sorte está no que se ten ou no que se desexa.
Nesa busca que explicase o misterio que a acompaña, unha páxina de internet levoume a outra, ata chegar a "Femme Fatale", e de aí a "Justice & Police Museum", un enlace á historia de Sidney con imaxes de arquivos dos anos vinte do século pasado do que denominaban women prisoner, prisioneiras. Decenas de fichas policiais nas que rostros de mulleres de todas as idades, fotografadas cunha inquietante e desgarradora nitidez, acompañaban un conciso texto –a súa ficha policial, rexistro do delito– deixando en min unha fonda pegada. Este interese que espertaron en min, este amor platónico por cada unha delas, levoume a un compromiso persoal, o de contar a súa outra historia que, lonxe de concibila como ficticia, imaxinei como posible en tanto en canto a "boa sorte" aparecese nas súas vidas. Non podía ser que eses rostros, fotografados nese preciso instante, quedasen como única mostra do seu paso pola incrible vivencia anónima que cada ser humano ten achegado no seu tránsito pola nosa historia.
Femme fatale-amores platónicos é unha serie de nove obras de 180x150 cm realizadas sobre papel con técnica mixta (acuarela, carbón, grafito ou colaxe) que une, neste caso, o meu traballo como artista plástico ao de escritor "oculto". Nove relatos curtos que acompañan dunha forma indivisible a cada unha das obras ata formar un todo. Para a súa realización, houbo dous únicos condicionantes de xeito que o relato se cinguise conceptualmente á idea xerminal: o nome e a imaxe fotográfica do rostro de cada unha delas. Mary Harris, Eileen O 'Connor, Jean Wilson, Alice Clarke, Dorothy Mort, Clara Randall, Phyllis Carmier "HUME", Nellie Cassidy e Annie Gunderson, son os meus amores platónicos, as protagonistas deste traballo. Na súa elección primou o que cada un dos seus rostros me inspirou, rostros cansos, tristes en moitos dos casos, todos eles transmitindo a idea de que a mala sorte as ten vencido.”
Eduardo Gruber
UN INSTANTE CREACIONAL
“Jan Asselijn e Carl Orff non teñen nada en común. Jan foi un pintor barroco holandés do século XVII, mentres que Carl Orff foi un compositor alemán do século XX pertencente ao neoclasicismo musical.
Aos artistas lembrámolos, basicamente, polo legado que deixan coas súas obras. Son os alleos os que, usando a súa sensibilidade como chave, fan que a obra mude inmortal. Se cadra ambos os dous artistas si teñan unha cousa en común; son artistas dunha soa obra. En realidade, sabemos que ambos os dous teñen unha extensa obra detrás, pero mentres que a Jan Asselijn coñecémolo polo magnetismo do seu cadro Cisne ameazado, Carl Orff ten en Carmina Burana o seu alter ego, o seu igual, case o seu pseudónimo.
Recordo unha visita, hai anos, ao Rijksmuseum en Amsterdam, era unha visita cunha razón fundamental: ver polo miúdo Early Age un autorretrato de Rembrandt novo para falar del nun capítulo da novela O devorador íntimo, que estaba a escribir daquela, e como adoita acontecer cando visitas un museo, sen saber ben porque, atopeime absorto contemplando o cadro Cisne ameazado, converténdose nese instante nun dos meus cadros favoritos e dende ese día, a imaxe dese poderoso cadro está, entre recortes e apuntamentos, na parede dun canto do estudio.
Todo o que te rodea no taller, todo, ten unha influencia dun modo ou outro no teu traballo. Hai dous anos os meus ollos repararon, cunha mirada diferente, no cisne, e seguindo ao pé da letra unha premisa que marca o meu traballo —"se tes unha boa idea e a podes facer, faina!"— fíxeno. A idea inicial foi realizar unha escultura a tamaño natural, como está pintado no cadro, do Cisne ameazado. No mundo da arte, ou mellor, no mundo dos artistas, as casualidades, a miúdo, inflúen de xeito importante no resultado final da obra, e este é un bo exemplo diso. Pintar acompañado de música é frecuente nos talleres. Ese día aliñáronse, como dous astros, a imaxe do Cisne ameazado e a música de Carmina Burana. Nese instante o cisne fíxome recordar algo que lera sobre a obra de Orff. Carl recorre a unha colección de cantos goliardos dos séculos XII e XIII para inspirarse e elixe entre eles, ao chou, unha serie de crúas cancións para solistas e coros que acompañados de instrumentos e máxicas imaxes, fan que o oínte experimente a música como unha forza primitiva e abafadora.
Un dos cantos goliardos, quizais o máis representativo de Carmina Burana é o ‘Cignus ustus cantat’.
...Noutro tempo eu vivía no lago,
Noutro tempo eu era fermoso,
Cando eu era un cisne...
...Agora atópome nunha bandexa
E non podo volver voar lonxe.
Vexo dentes impacientes...
Quéixase o cisne cun ton sorprendentemente humorístico para un texto do século XII.
Dez comensais é unha escultura con vocación de instalación, na que un cisne é vítima da violencia como metáfora da, a miúdo, innobre relación do ser humano coa natureza.
Eduardo Gruber