‘EIDOS DA IMAXE. GRAFÍAS DOS FEITOS E DO PENSAMENTO’ é froito da colaboración entre o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e a Universidade de Vigo. O Proxecto BALIZA, desenvolvido na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e integrado en Campus do Mar. Knowledge in Depth, forma parte das accións financiadas polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte no marco do Subprograma de Fortalecemento de Campus de Excelencia Internacional. Trátase dun programa cuxo fin é aumentar a internacionalización e a creación de estruturas estables capaces de conxugar o mundo universitario co territorio, a administración cívica, a sociedade civil e o mundo empresarial. Neste contexto, o Ministerio de Educación xunto coa Secretaría de Universidades, impulsou a publicación do documento 'A arte como criterio de excelencia', destinada especificamente á introdución de iniciativas artísticas dentro dos proxectos de Campus de Excelencia Internacional. Nesta liña de actuación enmárcase o Proxecto BALIZA, cuxo obxectivo é deseñar un plan de actuación a medio prazo relativo á investigación no campo das Belas Artes: seminarios, xornadas, foros de debate, desenvolvemento de recursos e ferramentas específicas, son algunhas das actuacións levadas a cabo dende o ano 2012, e este proxecto expositivo significa un paso esencial na exploración e visibilidade do binomio arte-ciencia.
Mostrar que arte e ciencia non están tan separadas como podemos pensar é un dos obxectivos da exposición ‘EIDOS DA IMAXE. GRAFÍAS DOS FEITOS E DO PENSAMENTO’, comisariada por Alberto Ruiz de Samaniego. A historia da cultura occidental está chea de exemplos que mostran os vínculos entre un sistema de percepción e medida técnico, e a imaxe plástica. Tanto no plano científico como no artístico, existen determinados procesos de investigación que precisan da súa manifestación en forma de imaxe. A partir desta idea, esta mostra colectiva reúne traballos desenvolvidos por grupos de investigación científica da Universidade, artistas da Facultade de Belas Artes, e varios creadores invitados. Todos eles expoñen nun plano de igualdade os seus procesos de investigación en torno ás imaxes, nunha mostra que se define pola súa versatilidade.
O título da exposición cobra especial sentido se atendemos ao significado literal do termo. ‘EIDOS da imaxe’ remite, por unha banda, á idea de campos e territorios —incluso sentidos— de traballo e exploración. Por outra banda, alude tamén a un concepto filosófico e científico de grande tradición na historia do coñecemento: o vocablo grego εἶδος / Eidos [aspecto da realidade condensado nunha forma ou nun concepto], usado por Platón, Aristóteles, ou Husserl —o pai da fenomenoloxía— no século XX.
O proxecto concibiuse segundo sete vías de desenvolvemento, que se corresponden coa montaxe da exposición nas salas do MARCO: Morfografías, Xeografías, Cronografías, Anatomografías, Micrografías, Macrografías e Espectrografías.
Morfografías reúne os traballos relacionados coa análise e creación de formas. Trata de configuracións dinámicas do acto creativo, tanto na natureza como na arte. Baixo o epígrafe Xeografías móstranse obras que teñen que ver con medicións e cambios de escala, co estudo do litoral, do relevo, dos volumes; con expedicións xeográficas, coa perspectiva. A sección Cronografías relaciónase coas medicións e rexistros no tempo ou do tempo, tal como Anatomografías se refire ás medicións e rexistros do corpo. As Micrografías —procesos de captación de imaxes de obxectos non visibles mediante instrumentos ópticos ou electrónicos como lupas e microscopios— e Macrografías —obtención de imaxes ou rexistros gráficos de orde maior en relación co obxecto seleccionado— son o eixe noutros dous apartados. Por último, baixo o título Espectrografías móstranse imaxes obtidas no proceso de analizar o espectro de frecuencias característico dun movemento ondulatorio (sonoro, luminoso ou electromagnético). A descomposición espectral de frecuencias pode aplicarse a calquera concepto asociado con frecuencia ou movementos ondulatorios como son as cores, as notas musicais, as ondas electromagnéticas de radio ou televisión, e mesmo a rotación regular da terra.
En cada unha das seccións incluíronse, xunto ás obras de artistas e investigadores, materiais históricos e pezas documentais que funcionan como modelos e principios de uso da imaxe-signo, e mostras de procesos experimentais contemporáneos.