A converxencia de disciplinas artísticas co fin de construír un relato expositivo no que conflúan imaxe, arquitectura e literatura; ou tempo, lugar e memoria, é o leitmotiv que guiou o proxecto que José Miguel G. Cortés elaborou especialmente para o Centre d'Art La Panera de Lleida e o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. A exposición 'EN CALQUERA LUGAR, EN NINGÚN LUGAR', coproducida por ambos os dous centros, móstrase a partir do 30 de xaneiro nas salas do primeiro andar do MARCO.
Os vínculos que as artes visuais estableceron co cinema e a literatura ao longo das últimas décadas foron numerosos e moi diversos, e así nolo demostra esta exposición, onde artistas, cineastas e literatos presentan a súa visión da viaxe, dos espazos urbanos, da homoxeneización dos lugares, da soidade do ser humano ou do exilio persoal e afectivo. Trátase dun proxecto expositivo que constrúe unha armazón complexa pero precisa e rica en suxestións, derivas e desprazamentos entre disciplinas, que permiten gozar de moitas posibilidades para achegarse a algunhas reflexións sobre a sociedade actual, as cidades nas que esta vive, os protagonistas que nelas actúan e os efectos que un mundo globalizado causa en todo iso.
Tanto no caso de La Panera coma no MARCO, a montaxe das pezas en sala, con cinco espazos diferenciados e conectados entre si, segue fielmente o fío argumental do comisario. 'EN CALQUERA LUGAR, EN NINGÚN LUGAR' construíuse ao xeito dun ensaio literario, coma se dun libro de relatos se tratase, cun prólogo, tres capítulos e un epílogo, nos cales arte, literatura e cinema converxen nun diálogo visual e conceptual no que o espectador pode participar activamente.
A primeira sala, 'En calquera lugar' -a xeito de prólogo, como incitación á viaxe- inclúe os libros de artista dos anos sesenta/setenta de Edward Ruscha, xunto a fragmentos da película Paris-Texas de Wim Wenders, e a novela No camiño, de Jack Kerouac. A continuación, 'Escenarios urbanos' reúne fotografías de Sophie Calle e de Alberto García-Alix, as novelas A Triloxía de Nova York de Paul Auster e Heroes de Ray Loriga, e fragmentos da película Na cidade branca de Alain Tanner, nunha lectura poliédrica do que poida significar hoxe a vida na cidade. 'Paisaxes cidadás' incide na repetición dos espazos, na similitude das experiencias, a través das fotografías de Bernd & Hilla Becher e de Candida Höfer, de fragmentos da película Playtime de Jacques Tati, e das novelas Especies de espazos de Georges Perec e A Biblioteca de Babel de Jorge Luis Borges. 'Mapas incertos' fala da falta de comunicación, da imposibilidade de compartir escenarios e experiencias, con fotografías de Philip-Lorca diCorcia e de Francesco Jodice, fragmentos da película Happy Together de Wong Kar-Wai, e os contos Un home na multitude de Edgar Allan Poe, e Cidades da noite vermella de William S. Burroughs. Por último, baixo o título 'En ningún lugar', dúas obras de Chantal Akerman -D 'Est e Une voix dans le désert- e a novela O síndrome de Ulises, de Santiago Gamboa, pechan o percorrido a xeito de epílogo.