ENTRE FRONTEIRAS é unha mostra colectiva que explora a maneira en que as fronteiras definen, cuestionan e documentan o noso mundo contemporáneo. Durante os últimos vintecinco anos, temos asistido a numerosas transformacións sociopolíticas, culturais e económicas; temos vivido cambios na maneira de comunicármonos e na nosa capacidade de viaxar. A maioría das veces, as decisións relativas a onde e como vivimos e traballamos teñen algo que ver co feito de atravesarmos fronteiras.
Os artistas e obras reunidos baixo este título analizan diferentes maneiras nas que as vidas das persoas se ven afectadas polas marxes, polos límites. Fálannos das pegadas e consecuencias de episodios do presente, narradas dende ópticas particulares. O territorio, os desprazamentos, a memoria e a utopía, sitúanse no transfondo desta mostra, que nos convida a ir máis aló do contemplativo, e nos fala de historias e conflitos, de inmigración e emigración, de realidades e ficcións, dos espazos e os seus arredores, do sentido de pertenza, de identidades individuais e colectivas, e tamén de ‘terras de ninguén’, do non-lugar.
Coñecemos o contido e sabemos situalo no mapa xeopolítico contemporáneo. O pasado soviético de Kirguistán subxace na obra de Muratbek Djumaliev e Gulnara Kasmalieva; Albert Heta evidencia a súa orixe kosovar nunhas pezas que, inevitablemente, aluden ao recente conflito dos Balcáns. O percorrido polas salas transpórtannos de Leste a Oeste, de Oriente a Occidente, dende as montañas sen nome do val de Pandjshêr, en Afganistán, retratadas por Marine Hugonnier, ata o estreito do Bósforo que separa Europa e Asia en Istambul e que nos presenta Ergin Çavusoglu, nun paso fronteirizo que é ao mesmo tempo físico e imaxinario.
A comisaria, Carolina Grau, quixo ofrecer unha visión dunha xeración de artistas que se ocupan da súa historia; unha arte comprometida que nos fai reflexionar sobre situacións do presente narradas con interese documental, ás veces lúdico e, en xeral, coa intención de representar unha experiencia para facela visible. Neste caso, a fronteira actúa como nexo de unión entre artistas que dende os anos noventa veñen mantendo un enfoque crítico alén do concepto de globalización: por exemplo, a realidade da inmigración e a ‘terra de ninguén’ na instalación do suízo/grego/italiano Costa Vece, ou a peza con cancións patrióticas de distintos países, estados ou comunidades que presenta a serbia Maja Bajevic. A inmigración ilegal, e as mafias que a promoven, protagonizan a obra de Guzmán de Yarza Blache, que atopa o seu contrapunto na interpretación de Jun Yang sobre a súa propia experiencia como inmigrante chinés en Austria, e na perspectiva máis poética de Bojan Sarcevic.
En clave de denuncia, Santiago Sierra lémbranos a historia a partir dunha serie de fotografías que evocan acontecementos políticos fundamentais do século XX, a través das transformacións do Pabellón Español no recinto da Bienal de Venecia. Unha intención crítica como a que ofrecen Alejandra Riera e Fulvia Carnevale cando nos trasladan ao territorio entre Bolivia e Arxentina, onde a economía clandestina provoca desigualdade e pobreza. Reflexións que se achegan á crítica social, pero que tamén parten da ironía para analizar conflitos lingüísticos, como Zineb Sedira cando provoca o (des)encontro entre tres xeracións da súa familia que falan distintas linguas. Cuestións idiomáticas e de comunicación, tamén presentes na obra de Anri Sala, ou na particular versión de O libro da selva na peza de Pierre Bismuth.
A fronteira separa países en conflito e é escenario de desprazamentos motivados polas guerras, indicador de cambios de lingua, punto de inflexión xeográfico e simbólico que, nas súas distintas acepcións, se sitúa na orixe de acontecementos cotiáns. Europa ten diluído os límites entre os países membros da UE mentres se agudizan as políticas de control da inmigración procedente de África. Mentres os cidadáns de países non desenvolvidos atopan na emigración unha saída, as grandes empresas localizan alí a súa produción para reducir custos. O mesmo paradoxo co que xoga Sejla Kameric cando sitúa na entrada da exposición dous indicadores que nos dirixen cara a un lugar ou outro segundo pertenzamos á Unión Europea ou a os outros.
De feito, se pensamos na fronteira como un comezo máis ca como un final, como ‘aquilo a partir de onde algo comeza a ser o que é’, observaremos que moitas destas obras analizan o asunto fronteirizo dende o outro lado. De l'autre côté, como titula Chantal Akerman a serie que retrata a fronteira entre México e os Estados Unidos, representada no MARCO por un dos filmes que a conforman.