O proxecto "EU, MUSEO", cuxo resultado final é a exposición colectiva que agora acolle o Espacio Anexo do MARCO, comisariada por Carmen Cantón, é unha obra en proceso iniciada na primavera de 2004. Unha experiencia de comunicación e creación que consolida a idea do Espacio Anexo do MARCO como sala de proxectos para artistas emerxentes, destinada á produción de obra in situ e con particular atención a creadores do eido local e autonómico.
O seu punto de partida é o Centro de Arte EGO, dirixido por Carmen Cantón: un "museo portátil", visualizado en forma de moble branco, concibido como espazo para a creación e a exhibición de propostas artísticas contemporáneas, e como modelo transgresor do concepto de grandiosidade museística.
EGO esixe que os artistas realicen obras producidas especificamente para cada proxecto. Unha obra única, pero tamén un proceso colectivo, unha cuestión aberta a múltiples ramificacións. O obxectivo é propoñer-promover un espazo de encontro, de reflexión, e presentar novas iniciativas dentro do marco das artes.
Cada un dos novos artistas participantes, formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten concibido a súa proposta individualmente, pero tendo ao mesmo tempo como fío condutor a idea do museo como espazo para a creación, dentro e fóra das salas de exposición e dos muros do MARCO.
Paradoxalmente todas as obras propostas para o MARCO de Vigo son, á súa vez, accións, en presente, en infinitivo: crear bosques, coleccionar coleccionistas, vender museos, ampliar museos, representar accións... teñen como común denominador o cuestionamento da institución museística ou dos "axentes" do mundo da arte. Desde o proxecto de ampliación museística de Cris Iglesias, ata o "bosque da arte", creado por Carlos Latorre co seu plan de repoboación forestal, pasando pola estratexia de marketing ideada por Irene González e Diana Lores, o arquivo documental de coleccionistas elaborado por Amaya González Reyes, ou as accións-intervencións de Jorge Migoya nos espazos do museo, todos eles son proxectos "abertos" e participativos, tanto no eido físico como no plano temporal, pola súa énfase na acción e na participación do público.
Baixo todas estas propostas latexa a identificación do museo como un ser con entidade propia, e a relación individuo-museo, museo-artista, tal como suxire o título da exposición. Ao fin e ao cabo, TODOS SOMOS "MUSEO".
Antecedentes e desenvolvemento
Esta é a primeira vez que un proxecto do Centro de Arte EGO se presenta nun museo español, tras un amplo currículo internacional coa presentación de proxectos en distintas institucións e centros de arte de Europa e América, en cidades como Venecia (Bienal de Venecia, xuño 2001), Caracas (Museo de Arte Contemporáneo Sofía Imber, xuño 2001), Duisburg, Alemaña (Museum Küppersmühle Sammlung Grothe, maio 2002), e a rede de Embaixadas e Centros da Axencia Española de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores durante o ano 2003: Perú, Paraguai, Arxentina, Santo Domingo, e México, entre outras.
O proxecto para o MARCO de Vigo iniciou na primavera de 2004 coa difusión desta iniciativa entre o alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e a apertura dun prazo de presentación de propostas, que finalizou o día 4 de xuño. O mércores 9 de xuño de 2004 tivo lugar no Salón de Actos do MARCO a presentación do proxecto "EU, MUSEO" coa participación da comisaria, a directora do MARCO, a Decana da Facultade de Belas Artes, e os artistas seleccionados: seis persoas e cinco propostas.
A partir da presentación do proxecto iniciouse un intenso período de comunicación directa entre os artistas seleccionados e a comisaria, durante o que se definiron as obras a realizar, incluíndo dous obradoiros de produción a finais de setembro e mediados de outubro.
Se ben o resultado final era a exposición das obras, o proxecto tense concibido coma unha obra en proceso, en constante desenvolvemento. Precisamente a atención a este proceso, o seguimento das obras e dos seus creadores dende o instante mesmo no que xurde a proposta inicial, foi o motivo central da creación dun weblog, "pendurado" na web do MARCO, como instrumento de comunicación en tempo real entre os participantes, entre estes e a comisaria, e coa posibilidade de participación de todo o público interesado.
Artistas e proxectos
Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979),
"COLECCIONAR COLECCIONISTAS"
Coleccionar non é simplemente recompilar; é emprender o camiño do obxecto. Un obxecto é susceptible de ser coleccionado cando a variedade extrema das súas formas, cores ou presentacións non lle impiden ser recoñecido baixo un mesmo nome e unha mesma función. Coleccionar é construír unha historia, a nosa historia, a través da dos outros. A partir dun rastrexo de formas de coleccionismo privado -tales como cunchas, postais, obras de arte ou calquera obxecto- recollidas nun arquivo documental de fotografías e vídeos, Amaya desenvolve a súa propia colección de coleccionistas; un exercicio curatorial composto por estilos singulares. Obxectos pequenos, coma un puño, que se pechan en si mesmos, enlazados por un pretexto que os poña en común e os faga colección, isto é: expresión do colectivo.
Irene González / Diana Lores (Avilés, Asturias, 1978/ Serra de Outes, Noia, A Coruña, 1977),
"VÉNDESE MUSEO"
Diana Lores e Irene González, actuando como axentes de promoción de EGO, levan a cabo diversas accións centradas no seu aspecto máis público: o seu funcionamento en contornos puramente mass-media. EGO é mercadoría e, como tal, véndese. Pero o que se vende non é un obxecto senón unha experiencia. EGO é unha idea, unha imaxe, unha experiencia, unha forma de vida. Poña un EGO na súa vida e non se arrepentirá. Vostede pode ser o director do seu propio museo, pode crear artistas, pode comezar coleccións, pode vender obra. Viva a experiencia da arte dende dentro. Convértase en EGO.
Cris Iglesias (Couso, Pontevedra, 1975), "PROXECTO DE AMPLIACIÓN"
O Centro de Arte EGO é un espazo expositivo aberto cuns límites trazados constantemente. A proposta de Cris Iglesias insiste neste concepto de non límite do museo: facer crecer EGO, desmaterializar as súas fronteiras, transformalas en sinalizacións en desprazamento. O seu "Concurso de Ideas para Ampliación do Centro de Arte EGO" busca a participación do público interesado e a presentación de propostas para a súa posterior exhibición no Espacio Anexo.
Carlos Latorre (Calahorra, La Rioja, 1977), "CREAR BOSQUES"
A plantación de 200 árbores no Campus da Universidade de Vigo, é a conclusión dunha das partes do proxecto "Crear bosques". A cada unha das persoas que apadriñan as árbores -axentes da arte (directores de museo, galeristas, comisarios, críticos e artistas) que teñen enviado ao museo as súas "tarxetas de apadriñamento", elixindo unha especie autóctona das 11 dispoñibles- fáiselles entrega dun documento coa localización da súa árbore no mapa topográfico deste "bosque da arte". A proposta complétase cunha acción simbólica do propio artista, a primeira árbore da plantación, que se planta a si mesmo no terreo do Campus, nunha representación do bosque como lugar de probas, de iniciación e de desacougo, e da renovación e reencarnación do artista, que abandona a súa identidade anterior para reencontrarse co seu lado máis humano.
Jorge Migoya (Arriondas, Asturias, 1975), "CINCO DEDOS DENTRO (OU 5 DEDOS DE EGO)"
A intervención de Jorge Migoya para o centro de arte EGO consiste en cinco accións no espazo do MARCO. Estas accións, cargadas de alusións a obras de artistas históricos -tales como Beuys, Duchamp, ou Anish Kappoor- cunha iconografía facilmente recoñecible, funcionan como unha especie de "trasnadas", de transgresións cara á inmaculada brancura do cubo branco do museo. A arquitectura do museo é percorrida, apalpada, humedecida, sometida a tensións de superficie. O artista é seducido polo museo e mantén con el unha relación que quebranta os códigos normalizados. Un encontro que, sen dúbida ningunha, deixará pegadas nos dous participantes: o museo machucado polas rabuñaduras xestuais do artista, desprotexido da súa aura inmaculada, e o artista cuberto polo po branco dos muros do MARCO, integrado neles, fagocitado por eles.