NOTA: os subtítulos que estruturan este texto —de prólogo, 15 a notas ao pé, 73, escritos en forma de índice— son citas tomadas de Index, (a reading), 2007-08, de Alejandro Cesarco, obra incluída na exposición.
prólogo, 15
Ultimamente houbo unha proliferación de exposicións que revisitan achegas conceptuais á lectura e a escritura, así como ás publicacións [...] No momento actual, non obstante, repleto como está de linguaxe dixital, onde os i-pads e outros e-readers reclaman literalmente ser lidos, os modelos tradicionais de lectura e escritura están a afrontar un reto moito máis profundo.
Sen dúbida, hai unha urxencia no discurso, en parte provocada, por un lado, por unha crecente aceleración de novas in(ter)vencións tecnolóxicas e, por outro, por unha postura elexíaca cara aos modelos tradicionais de lectura e escritura. Parece pertinente, pois, volverse cara á propia obra e reflexionar sobre a orixe do significado a través do propio proceso de lectura. Entre outros, o concepto de lectura volve tratar temas como a (in)materialidade e o espazo, a lectura como actividade pública/privada, individual/colectiva, en silencio e en voz alta. A experiencia de atoparse coas obras dentro das sedes diferenciadas da mostra tamén forma parte do proceso de lectura. Un proceso construtivo e ata ‘performativo’ que dá lugar a asociacións e ideas propias.
art, 10, 37, 66; como práctica de lectura, 1-3, 17
Lido en forma de liña tomada dun índice (imaxinario), o título da exposición fai referencia en primeiro lugar e por riba de todo aos escritos do autor uruguaio Felisberto Hernández (1902-1964), punto de partida da mostra. Mentres a publicación de 1997 Obras completas reagrupa a obra de Hernández polas súas ‘afinidades poéticas’, FORMAS BREVES, OUTRAS, 25 débese entender como un intento por ir máis aló de calquera clasificación literaria, ao introducir espazos de indeterminación. Ademais, esta exposición trata de analizar a noción de lectura, en especial a lectura ‘fragmentaria’ ou evasiva, aquela que se resiste e interrompe o ritmo de lectura, mentres que ao mesmo tempo lle asigna a cada lector individual un papel activo e crucial. Este último non é receptor unicamente, senón tamén produtor.
lectura, 6, 14, 23, 58, 59, 72; como acto creativo, 27
En Las formas breves de Felisberto Hernández y de Juan Carlos Onetti, Norah Giraldi dei Cas trata sobre as ‘formas breves’ na obra de Hernández, facendo fincapé na asociación de ideas (...), así como nos cortes e puntos suspensivos que delimitan, como silencios, os espazos breves da súa escritura (...). Do Latín forma brevis, a ‘forma breve’ literaria é unha forma de escritura abreviada, que saca á luz a imaxinación creativa do lector. Wolfgang Iser, en El proceso de lectura. Una perspectiva fenomenológica, afirma que ‘o lector só obtén satisfacción cando pon en xogo a súa produtividade, e isto só ocorre cando o texto ofrece a posibilidade de exercitar as nosas capacidades’.
lectura (cont.); posta en escena de, 75
O percorrido da exposición pódese considerar como unha lectura en si mesma, suxeita a puntos suspensivos e interrupcións causadas pola disposición arquitectónica do espazo expositivo, o que permite intervalos nos que o lector atopa a súa propia relación e ritmo de lectura. Na cita introdutoria, Felisberto Hernández diríxese directamente ao lector, ao que lle pide que interrompa, tanto como lle sexa posible, o proceso último de lectura. Para o narrador, estes momentos nos cales a lectura se detén, representan unha parte vital da súa escritura. Entre o texto e o lector os espazos ábrense á imaxinación. Un espazo en branco é tamén unha pausa, unha pausa para a reflexión.
índices, 76
Un índice utilízase habitualmente para facilitar unha (re)lectura, para axudar e orientar ao lector, cunha lista alfabética de nomes ou outras categorías, en referencia ás páxinas nas cales se poden atopar. De forma fragmentada, illado da súa fonte, un índice é sobre todo asociativo. Pódese considerar como un método interpretativo para un relato novelesco (Alejandro Cesarco), ou lerse simplemente como poesía (Helen Mirra).
diálogo, 2
Créanse diálogos adicionais entre as obras, que demandan a complicidade do lector, cando se atopa, por exemplo, cunha nota ao pé —sacada de (con)texto— nun muro en branco (Cesarco). Unha serie de debuxos compostos a partir de anagramas ofrecen unha dobre lectura que oscila entre texto e imaxe (Anna Barham). Para engrenar completamente coa escritura tridimensional, os contratipos de letras —literalmente atadas entre si— piden ser descifrados (Tania Mouraud). Poemas conceptuais compostos por letras individuais (Ewa Partum), esparexidas, dispersadas, lanzadas ao aire, cara ao mar.
Aquí a escritura pode contemplarse como un proceso de lectura, e a lectura como un proceso de reescritura, malia á frecuente natureza ‘ilexible’ das obras: unha lista arquivística de palabras inventadas (Fabio Kacero), ou páxinas de libro compostas unicamente por signos de puntuación (Claire Morel).
Se nos centramos no proceso de lectura en función de certa composición espacial, o lector —dependendo da súa disposición a seguir a colocación das pezas— literalmente ‘activa a obra e se activa a si mesmo’ (Ján Mančuška). Palabras e fragmentos de texto proxéctanse no espazo a unha velocidade acelerada, sen rumbo, nun movemento non lineal polas paredes e o chan (Charles Sandison).
lectura (cont.); en silencio e en voz alta, 8-11
A lectura non só se limita a experiencias visuais, senón tamén auditivas, procesos de recitado e escoita (repetida). Cómpre sinalar que Felisberto Hernández ‘compuxo’ os seus textos para que fosen lidos en alto. Nos seus escritos autorreflexivos atópanse descricións de sensacións auditivas e de recitais ante o público. Pero que acontece se o texto literario recitado non pode entenderse completamente (Amélie Dubois; David Lamelas)? Este aspecto performativo da ‘lectura’ pódese atopar noutras ‘formas breves’, aquí profusamente compostas de varias liñas —como as breves e continuadas achegas de Todas Las Historias (Dora García). Outras formas breves aínda seguen esperando ser transmitidas (Nina Beier & Marie Lund), propoñendo non só lecturas adicionais, senón tamén posibles transformacións ou malas interpretacións deliberadas.
notas ao pé, 73
1
2
3
4
5
6
7
8
Anja Isabel Schneider
[Comisaria da exposición]