Continuando a súa programación para este ano 2005, o Espazo Anexo do MARCO, concibido dende a súa orixe como sala de proxectos dedicada á produción de proxectos de artistas emerxentes galegos, acolle unha exposición individual dun artista novo que dende o ano 2000 ven participando en mostras colectivas e individuais dentro e fóra de Galicia.
Fran Herbello é sobre todo coñecido no panorama artístico polas súas fotografías en branco e negro, imaxes irreais construídas polo propio autor coma colaxes conceptuais, cuns elementos entre os que se establecen múltiples asociacións. Froito destas conxuncións, cada obra ofrece múltiples e numerosas lecturas, se ben o autor vai máis alá do simple xogo intelectual. Nestas imaxes a transmisión de sensacións non é só consciente, senón que revelan tamén relacións inconscientes, condicionadas polo estado anímico do observador.
Na mostra do Anexo, Herbello presenta dúas propostas –unha instalación e unha proxección de vídeo– realizadas especificamente para este ámbito, nas que introduce elementos e recursos pouco habituais na súa obra, e que o artista presenta coma un reto á hora de se enfrontar a un espazo coma o do Anexo.
A primeira, Souvenir 1, sitúase na sala principal, transformada en campo de herba que ocupa a totalidade do espazo, con dous altofalantes camuflados que emiten sons de grilos, variables no seu ton e intensidade, na procura dunha sensación de arbitrariedade que acentúa o carácter natural do son. Esta instalación poderíase entender como presentación dunha fotografía de viaxe, un escenario que ben paga unha foto-lembranza para que cada quen a individualice coa súa presenza. O campo de grilos é un lugar que nos evoca o pasado, que nos fai exercitar a memoria dun xeito similar a cando contemplamos imaxes da nosa infancia. O artista reproduce un escenario propio do rural que recordamos ao situarmos entre a explanada verde, o arrecendo a herba e o son dos grilos. Trae ao presente vivencias pasadas e traslada o campo á cidade, acollendo no museo un espazo para os domingos, para o lecer e o turismo, e facendo referencia aos decorados que moitas veces atopamos nos espazos naturais, xardíns de recreo onde a idea de atracción substitúe á de distracción. Non é casualidade que, por vez primeira, o muro frontal do Anexo se substitúa por unha parede de cristal, situando o escenario ao pé da rúa e convertendo o espazo expositivo nun escaparate aberto aos transeúntes.
Souvenir 2, o vídeo que se proxecta sobre a parede do fondo do corredor, amósanos un can durmindo. Cada vez que un visitante entra na sala e se achega á pantalla, se activa un detector de presenza e o can esperta, rompe a ladrar e volve durmir tras un curto período de tempo. Este can-actor ten a misión do cérbero, do can gardián que actúa como propietario da sala durante todo o período da exposición. Nesta peza, non exenta de humor e ironía, Herbello fala sobre a delimitación de espazos de seguridade nos museos e espazos urbanos, en contraste co mundo rural. No campo, os cans están para protexer o terreo; nas cidades dispoñemos alarmas para evitar roubos nas vivendas e lugares públicos. A terra desaparece como propiedade, substituída polo coche ou a vivenda. Tomando outra vez como punto de partida unha imaxe evocadora da súa infancia, o artista chama a nosa atención sobre o contraste da figura do can e sobre o valor da terra no medio rural e urbano: no campo, este animal funciona como voz de alarma para protexer o terreo; nas cidades dispoñemos alarmas electrónicas para evitar roubos nas vivendas e lugares públicos. A terra, e o seu valor esencial no mundo rural, desaparece como propiedade, substituída polo coche ou a vivenda.
Un mesmo título para dúas secuencias dunha obra. Souvenir é memoria pero tamén lembranza, e vista panorámica ou pintoresca dun lugar merecedor da nosa ollada.