O uso da maxia como práctica materialista cunha finalidade crítica parece unha contradición terminolóxica, como o mundo ao revés, porque que pode ser máis etéreo e desatinado que o coñecemento esotérico? Pero, como sabemos, a maxia cambia a orde establecida, de modo que, non podería usarse tamén, xunto coa arte, para cambiar os seus propios termos, para abrir as súas propias portas secretas e algunhas das portas secretas do mundo?
A maxia é a sombra que segue aos procesos de ilustración. Isto quere dicir que, como forma de coñecemento, non se ve comprometida pola teleoloxía ou o mito do progreso. Non pretende facernos chegar a un punto no espazo e o tempo que foi designado por un estilo de vida ideal e utópica, e tampouco está subordinada a cálculos económicos. Podería dicirse que este tipo de coñecemento é paranoico, no sentido orixinal da palabra, formada por ‘para’ (próximo a) e ‘nous’ (razón). Neste contexto, o seu significado non debería ser equivalente a unha perda do xuízo causada pola desaparición dun mundo interior, senón literalmente a unha orde en que as cousas están ‘próximas á razón’ [...]
[...] Cada vez é máis difícil establecer unha distancia interpretativa co mundo, en termos de espazo e tempo. En consecuencia, o feito de abordar o mundo a través dunha ‘razón próxima á razón’ podería axudarnos a fixar a mirada sobre este estado das cousas; unha mirada que pode ser nesgada e, sen dúbida, corpórea e interesada, pero que nos pode axudar a considerar, ou a apreciar, a totalidade deste aperto. Desta forma lixeiramente arrevesada (pero que é a cultura contemporánea, senón arrevesada), a maxia converteuse no mellor antídoto para un universo positivista. É unha medicina amarga, ao seu xeito; pero quizais sexa o espertar que nos corresponde agora que a nosa actitude emocional se reduciu a un núcleo neutral.
[...] Adoitamos asociar a maxia antropoloxicamente coas formas de coñecemento das culturas denominadas ‘primitivas’. Non obstante, a nosa non se detén en procedementos máxicos: rende homenaxe ao proceso de ‘coñecer’ as cousas mediante intuicións (...), ou ben establece relacións e intercambios peculiares entre as propiedades das persoas e as cousas. As imaxes móstranse como seres reais e as cousas vólvense vitais cando actúan e ‘se presentan’ como persoas. É este un tipo de animismo capitalista no que as cousas non son simplemente un traballo morto e representado, senón procesos de formas vivas. Quen interactúa coas pseudopresenzas robóticas que poboan a economía de Internet saberá de que estou a falar.
O filósofo Henri Bergson utilizou unha expresión cómica moi axeitada para designar este estado moderno e acelerado: ‘o mundo ao revés’. O mundo perde nin máis nin menos que as súas raíces cando as cousas que nos rodean comezan a actuar por conta propia, o que nos pon nun aperto para discernir o que é o outro lado e o que é este lado. Nesta modernidade tan fluída, necesitamos formas de crítica que poidan utilizarse en calquera contexto, e rápido. Coa maxia podemos enfrontarnos a todos os aspectos da vida contemporánea que son mortalmente serios (ao pé da letra), ou mesmo tráxicos, ao mesmo tempo que adquirimos unha forma de enganar ou enredar as forzas predominantes.
[...] Na actualidade, a dialéctica entre a natureza e a razón cultural fracasou estrepitosamente, xa que a natureza foi derrotada e a economía usurpou o seu lugar, e é a esta á que se debe enfrontar agora a razón. Por iso, a maxia non é precisamente a cousa máis desatinada que existe. En realidade, dado que o seu reino é o das enerxías incorpóreas e a intelixencia incontrolada, podería servir de punto de partida para tratar de novo os desexos e as necesidades das persoas, e non das cousas. Grazas ás formas esotéricas de coñecemento, podemos inxectar unha opacidade aos intercambios de información global que, de tan rápidos e palpitantes que son, parecen diáfanos. Non obstante, a pregunta que se formula é a seguinte: senten con tanta urxencia nas operacións máxicas estes desexos de cambio real e transformación, hibridación e mestizaxe, que son necesariamente repulsivos aos procesos de ilustración?
Este paradoxo exemplifica o xeito en que a maxia se volve táctica cando se utiliza como forma de coñecemento (facendo uso do termo que desenvolveron Aaron Gach e o Center for Tactical Magic). Este acto de liberación da maxia dos lastres transcendentais que son o ‘despois’ e o ‘máis alá’, para proceder á súa utilización aquí e agora na navegación polas grises zonas que separan o racional do irracional, convértese nunha exhortación urxente aos medios que a cultura utiliza para reproducirse.
[...] Polo xeral, identificamos o esotérico con algo misterioso e case inaccesible que só existe para uns poucos iniciados, cun coñecemento que só se pode revelar mediante códigos secretos. Estes códigos pódense aprender, pero fai falta algo máis... Tamén é necesario crer para pronunciar os códigos de xeito convincente ou, mesmo, ser elixido como un deses poucos iniciados. Non obstante, se examinamos máis a fondo o concepto do esotérico, descubriremos que fai referencia a algo que se atopa fóra do coñecemento no sentido máis estrito da palabra: non é de ninguén e é de todos, xa que trata sobre o que nunca se pode cegar a coñecer, isto é, a morte, as emocións, o que se atopa alén dos límites do corpo e o que, culturalmente falando, se atopa fóra de lugar. Neste caso, o esotérico non presenta un número reducido de puntos de acceso herméticos, senón que ofrece unha accesibilidade case infinita. Este é o xeito en que a maxia nos pode axudar a enfrontármonos ás preguntas máis incitantes sobre como abordar e representar o social e o político na era postsocial e postpolítica”.
Chus Martínez
Comisaria da exposición
[Fragmentos do texto ‘Relación de ideas inspiradas no outro lado: a maxia como obxecto de estudo’, do catálogo da exposición]