Como inicio da programación 2020, o MARCO inaugura unha mostra de produción propia, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez, que ten como obxectivo ofrecer unha nova ollada sobre a obra dun dos pintores chave na historia da arte galega: Manuel Colmeiro .
Baixo o título Espazos e encadramentos , e conformada por unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra configúrase a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Colmeiro. Unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, que intenta achegar novas lecturas e enfoques. Faise especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo.
A exposición está deseñada como unha lectura, que traza varios eixos espazo-temporais e repasa a súa traxectoria dende os inicios da súa formación arxentina até o seu regreso definitivo a Galicia, a través das cinco seccións nas que se estrutura a mostra. Neste amplo percorrido, incídese na súa relación cos espazos artísticos onde desenvolveu a súa obra —Buenos Aires, París, Galicia— e sublíñase a súa contribución decisiva á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, presentando as súas obras xunto as doutros artistas galegos —Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco— e exemplos doutros contextos da modernidade internacional, nomeadamente arxentina.
O realismo “moderno” de Colmeiro e do conxunto d’Os Novos foi a dirección dominante que adoptou a ideoloxía da vangarda en Galicia, cunha vontade de facer que a praxe artística se orientase pola dupla consigna crítica de identidade e de modernidade: reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.
Como os diferentes realismos xurdidos na Europa de entreguerras, o de Colmeiro e outros pintores galegos parte do recoñecemento de se sentiren herdeiros dunha tradición. Trátase dun patrimonio no que queren afondar ao procuraren nel os aspectos esenciais, o que implica a súa modernización mais de xeito ningún a súa destrución. Nisto coinciden con outros fenómenos artísticos desta altura como o dos pintores italianos do Novecento , a Neue Sachlichkeit (a “Nova Obxectividade” alemá) ou os “Novos Realismos” de América Latina (en contacto cos que vai transcorrer parte da traxectoria de Colmeiro na Arxentina).
MANUEL COLMEIRO. Espazos e encadramentos fai, pois, fincapé nos contextos, nos diálogos con outros actores, na súa inserción dentro das correntes estéticas coas que convive o pintor e nos diferentes espazos xeográficos e culturais onde desenvolveu a súa longa traxectoria vital e artística.
Con motivo desta mostra, editarase un coidado catálogo cun estudo do comisario, coa reprodución das obras da exposición e ampla documentación, resultado de todo o proceso de investigación.
Exposición bibliográfica / Documentación Debido á nova situación derivada da crise da Covid-19, e en cumprimento da normativa sanitaria vixente a día de hoxe e medidas de prevención, esta actividade está suspendida temporalmente, ata novo aviso. A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presenta unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións relacionadas co artista e o movemento renovador da arte galega. O dossier documental , que reúne enlaces a artigos, e información complementaria, estará accesible para consulta no propio espazo ou desde a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais .
Visitas e obradoiros para escolares Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.Debido á nova situación derivada da crise da Covid-19, e en cumprimento da normativa sanitaria vixente a día de hoxe e medidas de prevención, esta actividade está suspendida temporalmente, ata novo aviso.
Colabora: Obra Social “la Caixa” A partir do 30 de xaneiro de 2020 Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar) Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 ext. 100 / 986 113904
Actividades paralelas e complementarias 24 enero – 24 mayo 2020
Durante todo o período da exposición, está previsto un conxunto de actividades paralelas e complementarias da mostra, entre as que destaca a proxección de vídeos de entrevistas históricas de Manuel Colmeiro, procedentes dos arquivos de TVG e TVE, na sala do vestíbulo principal, un concerto do grupo Cuchicheros (dentro da súa xira europea, convidados polo el Coro Voces Graves de Vigo) cun repertorio relacionado coa etapa de Colmeiro na Arxentina, así como charlas e mesas redondas en torno á súa obra e traxectoria vital, das que proximamente se facilitará máis información.
Información e visitas guiadas Debido á nova situación derivada da crise da Covid-19, e en cumprimento da normativa sanitaria vixente a día de hoxe e medidas de prevención: Visitas guiadas: máximo 25 persoas (incluido persoal de salas) Toda a información sobre as exposicións e actividades está dispoñible nos códigos QR accesibles en cada sala ou espazo de tránsito. O persoal do museo estará dispoñible para calquera dúbida, consulta ou información complementaria. O MARCO continúa aberto tamén na rede, con información puntual e actualizada sobre a nosa programación e actividades nesta web e con interacción a través das nosas redes sociais.
Créditos fotográficos
Obra en portada (detalle): Paisaxe , 1935 Óleo sobre lenzo 65,5 x 82 cm Colección Familia Colmeiro Obra en miniatura (detalle): Bilbao , 1933 Acuarela sobre papel 34 x 47 cm Colección Familia Colmeiro