"...o derradeiro monumento era unha caixa de area. Ou a maqueta dun deserto..."
Robert Smithson, A Tour of the Monuments of Passaic. NJ, 1967
"RS: ...estaba pensando en mercar unha bicicleta e...
BB: Oh, si...mmm...sabes que?...mmm... paréceme moi interesante ese concepto de ‘andar en bicicleta'. Poderías facer uns debuxos moi interesantes dos lugares q...
RS: ...non, non...eu...
BB: (silencio)
RS: eu...só quero andar en bici por aí".
Robert Smithson entrevistado por B. Bailey, The School of the Art Institute. Chicago, 1970
Tempo bo, tempo morto
"[...] máis ca unha exposición, ESPAZOS DE RECREO é un convite para a realización colectiva dun retrato, unha proposta incluída no Proxecto-Edición que consiste na elaboración dun arquivo fotográfico de todos os patios de recreo de Galicia cun proceso de recompilación que se poderá observar in situ no Espazo Anexo do MARCO -sito detrás do museo. A sala contará cun espazo de traballo ou ben, en función do ánimo de cada quen, cun área de descanso, un arquivo incipiente, unha fotocopiadora, material de oficina, acceso sen fíos a Internet gratuíto, auga fresca e unha cancha de baloncesto. Todo iso á enteira disposición dos visitantes. Tamén teño observado nos planos, que o Espazo Anexo se axustaría á perfección ás medidas dun frontón de cesta punta para zurdos a escala 1:2. Pero tal instalación constituiría por si mesma outro proxecto.
Durante os meses vindeiros agardamos recibir as achegas dos visitantes e -moi especialmente- as de todos os centros educativos de Galicia, que están igualmente convidados a suxerir actividades paralelas. Por agora, o arquivo conta coas fotografías, en diversos formatos, de 35 colexios, ademais de deseños de actividades de aula, a proposta dun colexio de Vigo para a realización dun mural, e o vídeo dun concerto do artista antes coñecido como Prince, que tivo lugar nun colexio da Coruña cando o devandito artista era aínda coñecido como Prince. Tamén temos razóns para sospeitar que certo instituto de bacharelato, en pe de guerra por mor do mal estado das súas instalacións, anda argallando algo.
Non, o certo é que polo de agora non hai moito que ver. Máis ben, moito por facer [...]"
Martín Pena
agosto 2006