Unha das liñas de programación do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, baséase en exposicións de tese e/ou temáticas, xeralmente colectivas e pluridisciplinares, de ámbito nacional e internacional. Destinada á planta principal do museo, esta serie comenzou coa mostra inaugural Cardinales e continúa agora coa posta en marcha de Melodrama . Esta última exhibiuse xa en Artium de Vitoria (con ocasión da súa inauguración) e no Centro José Guerrero de Granada.
O melodrama, entendido como a exteriorización e exaxeración dos sentimentos, tense convertido nun motivo central para moitos artistas actuais. A aproximación lóxica e fría da arte conceptual dos anos sesenta e setenta, e o interese máis histórico e sociolóxico que dominou a arte contemporánea ata finais dos oitenta, foron en boa parte reemplazados nos noventa pola valoración dos sentimentos.
Melodrama é unha exposición que recolle esta actitude. Nela participan 34 artistas que traballan en distintos campos da creación e sobre distintos soportes: pintura, escultura, fotografía, vídeo e instalacións. Non todos son melodramáticos por elección, intención ou xuízo. Pero todos recoñecen as posibilidades do xénero e, sexa por simpatía ou por un proceso crítico ou irónico, empregan conscientemente técnicas melodramáticas para consegui-los seus fins.
Un pouco de historia
O melodrama tivo a súa orixe en Francia e Inglaterra, e adquiriu as súas características específicas tra-la Revolución Francesa e mailos inicios da Revolución Industrial. Antes desta época, sólo os teatros oficiais podían facer uso da palabra nos seus espectáculos. Os teatros restantes, máis próximos á burguesía e ó proletariado emerxentes, comezaron a servirse de recursos como a esaxeración dos xestos e maila abundancia de melodías e efectos especiais para compensar esta carencia, o que cristalizou nunha nova linguaxe dramática. A pesar dos novos tiempos, estes recursos expresivos tiveran tanto éxito que a súa estética do exceso xa non se abandonou.
A mirada melodramática
O melodrama, como xénero, fixou un repertorio de tipos (o heroe, a heroína, o vilán), de xestos codificados (dor e alegría esaxerados) e de mensaxes estereotipadas (o final feliz, o virtuoso, o maligno); unha estética, en suma, que foi adoptada pola industria cinematográfica, pola publicidade, a televisión e os medios de comunicación. Desenvólvense así diversas semióticas intrínsecas a cada un destes medios que, pola súa banda, constitúen un rico repertorio lingüístico para os artistas plásticos actuais. Hoxendía, diluídas as fronteiras entre bo e mal gusto, numerosos creadores exploran nas súas obras a estética do melodrama e investigan os seus procedementos.
Mergullados nun mar de estímulos audiovisuais, abanados polo impacto de innumerables mensaxes lanzadas globalmente polos medios de comunicación masas e as industrias do lecer, estes artistas son moi conscientes de que o que antes se dicía nunha clave comedida, agora debe ser expresado “ó grande”. A esaxeración do sentimento é un motivo central para moitos deles, como os intentos de suliñar o “eu”, de atopar un siñificado máis fondo nun mundo alienado e desprovisto da idea do sagrado.
Algunhas das claves ou epígrafes que nos axudan a comprender mellor a aportación de cada unha das obras ó discurso expositivo son as seguintes:
- A natureza melodramática (con obras como as de Robert Longo ou Stuart Klipper)
- O melodrama no cine (Tracey Moffat, Farra Bajull)
- O melodrama na televisión (Julian Rosefeldt, Christian Jankowski)
- O melodrama na música (Vasco Araujo, Natalie Melikian)
- As entrañas do melodrama (John Isaacs, Sue de Beer e Laura Parnes, Bryan Crockett)
- A estética do exceso (Liza Lou, Wim Delvoye, Francesco Vezzoli)