Por vez primeira no MARCO de Vigo, o espacio do Laboratorio das Artes do primeiro andar, habitualmente adicado ás actividades didácticas e programa educativo para escolares, é ocupado por unha exposición temporal. Cun obxectivo principalmente didáctico, a versión facsímil da mostra “O Lapis Máxico”, producida por The British Council, é o punto de partida para un programa de visitas guiadas e obradoiros infantís que estarán en marcha no MARCO durante os meses de xullo e agosto.
Esta exposición amosa un total de 63 litografías e gravados dixitais de obras dos ilustradores máis salientables e innovadores do Reino Unido, conforme á seleción feita polo coñecido autor e ilustrador de libros infantís Quentin Blake.
A ilustración non precisa de tradución, pero o feito de vela a unha escala diferente, a cotío sen texto, con cores máis vivas e pendurada dunha parede, supón mirala baixo outra lus. En Gran Bretaña existe unha longa tradición no deseño innovador de libros e na ilustración, e a obra de anteriores xeracións de ilustradores é coñecida e apreciada en todo o mundo. O Lapis Máxico amosa como os ilustradores actuais reflicten as preocupacións contemporáneas con idéntica forza e orixinalidade; e demostra tamén, de xeito incuestionable, que vivimos unha segunda idade dourada da ilustración británica.
Moitos dos nomes dos artistas incluídos na mostra resultan familiares, como é o caso de Raymond Briggs, Tony Ross, John Burningham ou Michael Foreman. Outros son representativos doutras tendencias máis innovadoras na ilustración de libros, como Lauren Child, que integra o uso da televisión e das colaxes fotográficas, ou Sara Fanelli, que mestura de xeito experimental diferentes técnicas, ou a fusión da observación social e os textos de Posy Simmonds.
Algúns autores tratan temas que a miúdo non se consideran propios da literatura infantil. Por exemplo, a obra War Boy, de Michael Foreman, que recolle as súas experienzas de neno en Suffolk durante a Segunda Guerra Mundial. Outras obras son ilustrativas das excelentes habilidades técnicas contemporáneas neste campo da ilustración infantil: é o caso das ilustracións de Quentin Blake, os debuxos de Stephen Biesty, ou a obra de Angela Barrett, unha pre-rafaelita de hoxendía.
Un elemento fundamental desta mostra é o seu carácter aberto e participativo. O programa educativo que a acompaña e a complementa –deseñado pola British Library, Kingston University e University of Surrey Roehampton, e coordinado polos educadores do MARCO– está dirixido ao público infantil e aos seus acompañantes adultos, a fin de que podan experimentar con todos os elementos disponibles na exposición: libros, ilustracións, proxecións, actividades didácticas, etc., tendo sempre en conta a idea básica: un lapis é sempre máxico.
O Lapis Máxico é unha oportunidade única para explorar a arte e a literatura, para reflexionar sobre o traballo dos ilustradores e sobre a súa interpretación das historias infantís, e para descubrir como é un gran medio de expresión para nenos e adultos de todas as condicións e culturas.