Unha estrutura de ficción, unha composición fílmica a partir do traballo dunha colectividade inconexa e inexistente, é o núcleo do proxecto de OLIVER AÑÓN para o Espazo Anexo. Tal estrutura é a dunha peza videográfica elaborada a partir da colaboración de sete 'supostos' autores. O proxecto aglutina, como engadido arredor da película, catro cortes de vídeo así como debuxos e textos, que funcionan como documentación acerca dos espazos ou lugares de traballo de cada un dos autores que colaboran na película.
No lugar central do interior do Espazo Anexo construíuse unha pequena sala de proxección, onde se exhibe en continuidade a película completa, composta a partir dos fragmentos dos seus autores -isto é, o propio artista nun exercicio de simulación e re construción. En torno a esta sala, e tamén dentro do espazo expositivo, catro monitores reproducen cortes de vídeo como documentación de catro dos autores do filme colectivo: Tréroigne de Lacombe, Rodrigo Rodríguez, Jorge Amaru & Soledad Garibaldi, e Virginia Castellanos & Joséphine de Méricourt. Xunto a estes, dúas mesas mostran debuxos con segmentos de imaxes que se corresponden cos estudios e lugares de traballo dos outros tres autores: Raúl Esteche, Manuel Aveño e Anita Otto-Peters.
Máis alá da distinción xenérica entre realismo e ficción, do documental como rexistro verídico ‘do real' fronte á fantasía do imaxinario, a imaxe videográfica aparece aquí configurada dende o mestizo dunha tecnoloxía, dende un aparato para unha construción (non xa captura) da imaxe. Xunto á imaxe que se ve, a reflexión; xunto a un ollo sorprendido polo espectáculo, un exercicio de recomposición da imaxe. Oliver Añón leva a cabo unha experiencia de recoñecemento a partir da imitación -de aí a referencia ao loro no título do proxecto- entendendo a mímese non só como un problema visual senón tamén ideolóxico.