O tema central da exposición PARAÍSOS INDÓMITOS, coproducida polo MARCO de Vigo e o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, é a relación do ser humano coa natureza. Nela, vinte artistas de diversas procedencias exploran a súa relación coa terra na que habitan, operando con diferentes puntos de vista, dende a visión romántica ao testemuño documental, dende unha concepción utópica ao activismo en defensa do medio natural. Tomando a natureza como obxecto de observación e contemplación, como testemuño, ou como vehículo de denuncia, as obras desta exposición son resultado da evolución no xénero da paisaxe, de séculos nos que o ser humano veu analizando os vínculos esquizofrénicos que mantén co seu ámbito, e nos que a iconografía da paisaxe pasou pola beleza no Renacemento, o pintoresquismo no Barroco, ou a idea do sublime no Romanticismo.
Como xénero, a paisaxe está sobreexplotada. Como tema, o quentamento global é utilizado como moeda de propaganda política e económica de plena actualidade. Cústanos interpretar a natureza como lugar de contemplación, pois a iso se une, inevitablemente, unha actitude concienciada. PARAÍSOS INDÓMITOS reúne varias reinterpretacións de artistas contemporáneos sobre as convencións clásicas da natureza, demostrando a posibilidade de múltiples lecturas dun tema que hoxe se diversificou enormemente, partindo da busca da natureza virxe, ata chegar á reivindicación ecolóxica do século XXI.
E en todo iso xoga un papel fundamental a visión de lugares inexplorados, que foron obxecto de investigación e fascinación. Esta exposición retoma a dicotomía home-natureza, para analizar a pegada do ser humano no seu ámbito e o constante desafío que existiu sempre entre ambos os dous. O artista asume o papel dos últimos exploradores “románticos”, daqueles que, co seu empeño, nos abrían os ollos ante un mundo descoñecido.
Na actualidade, a idea de paraíso foise transformando, adoptando un significado máis próximo a un lugar cercado, unha reserva, unha trincheira. O paraíso indómito, ademais, leva consigo un halo de secretismo, entendéndose como un privilexio accesible a poucos, aqueles conquistadores reconvertidos en exploradores, defensores dun oficio que evolucionou paralelamente á sociedade. As exploracións do século XX responden a unha conciencia política e vinculada ao desenvolvemento da técnica, máis afastada do sentimento dos artistas, cuxas accións non alteran os mapas xeográficos, pero documentan a “realidade” condensándoa nas súas obras. O artista elabora un rexistro de lugares afastados, illados, un exame ao que se asocia certa intención crítica; unhas veces utópica, outras nostálxica.
A montaxe e disposición das obras en salas segue un fío condutor que se estrutura en torno a catro apartados, en función das distintas aproximacións dos artistas ao eixe temático da exposición: a forza da natureza ou os espazos que se resisten á acción do ser humano, como lugares irredutibles a calquera intento de domesticación —na que se incluirían as obras de Guido van der Werve, Mireya Masó, Thiago Rocha Pitta, Thomas Joshua Cooper e Eric Rosoman—; a viaxe utópica cara a lugares inexplorados, que acaba por converterse nunha busca interior —Marine Hugonnier, Nir Evron, Eva Koch, Sergio Belinchón, Alberto Baraya—; o home e a Terra: colaboración científica, ou a busca de relacións entre artistas, científicos e natureza, para unha mellora no uso e transformación dos espazos naturais —Guillem Bayo, Marjetica Potrč, Peter Coffin, Gonzalo Puch, Heather & Ivan Morison—; e por último, os paraísos danados, ou a evidencia da ruptura do equilibrio na relación entre o ser humano e a natureza —Caio Reisewitz, André Cepeda, Roberto Bellini, Rodney Graham, e Cyprien Gaillard.
Unha cita de Henry D. Thoreau, incluída no texto da comisaria para o catálogo, pode servir como punto de partida, e á vez como resumo e conclusión dalgunhas das ideas e sensacións contidas nesta exposición:
“Deixei os bosques polo mesmo motivo que me levou a eles. Crin ter aínda varias vidas por vivir, e non podía pasar máis tempo nesta. Chámame a atención de que xeito tan doado e tan insensible nos encadramos nunha ruta que é un camiño trillado para nós mesmos. Non vivira alí aínda unha semana cando os meus pasos marcaron unha senda que ía da porta da miña cabana ao bordo do lago, e aínda que hai cinco ou seis anos que xa non a transito, aínda é perceptible. É certo –imaxínome– que outros a usaron, polo que se mantén. A superficie da terra é branda e as pegadas dos homes permanecen nela, o mesmo que os camiños polos que viaxa a mente. Que gastadas e poeirentas son as estradas do mundo, que profundas as raíces da tradición e a conformidade! Eu non comprei un billete con camarote, a miña viaxe foi nun mastro sobre a cuberta do mundo, dende onde poder ver mellor a lúa chea entre as montañas”.
Henry D.Thoreau, Walden ou a vida nos bosques, 1845