Esta fin de semana continúa no Patio 1 da planta baixa do MARCO ‘Material Memoria’, o programa de artes escénicas e cine comisariado por Pablo Fidalgo Lareo dentro da exposición VERANEANTES. Nesta ocasión, con dúas propostas escénicas de Patricia Caballero (Cádiz, 1987).
Patricia Caballero
Aquí gloria y después paz
Venres 13 de decembro, ás 19.30
Patricia Caballero
Lo raro es que estemos vivos
Sábado 14 de decembro, ás 19.30
“Vinte anos obtendo destrezas físicas. E quen di obtendo, di acumulando, coleccionando. Sempre se colecciona un a si mesmo e non obstante, quen se saíse pola punta dos seus propios dedos; quen se esparexese, se desapropiase, se pluralizase ou se esvaecese. Aquí gloria y después paz é un documental escénico, un autorretrato vivente construído, en grande parte, a partir de retratos alleos. Durante a peza vai sendo contada ao espectador a historia do que está a ver, o percorrido que deu orixe aos materiais que a compoñen, entrando así nun xogo flutuante entre o pasado e o presente, o morto e o nacente, o visible e o invisible... e obviamente, a palabra e a acción, a idea que se ten do que é ficción e o que é real. Así, o espectador é invitado a un próximo achegamento ao taller de traballo, á casa da persoa que traballa como artista, a unha adhesión íntima coa materia artística e humana que se deixa ver. É un limbo no que a memoria se recrea e se despide, unha orgullosa declaración da imperfección humana, un intento de desprendemento de todo aquilo material e inmaterial que unha persoa deixa de necesitar unha vez que asume a súa descontinuidade no mundo, incluídas, claro está, moitas das convencións escénicas ás que estamos habituados.”
Os traballos de Patricia Caballero (Cádiz, 1987) oscilan entre o documental escénico, o obxecto danzante, a intervención urbana e o autorretrato fotográfico. Ten desenvolvido a súa investigación coreográfica en diferentes países, apoiada por institucións como Iberescena, La Porta, Barcelona e REAL, Lisboa. Antes das obras presentadas no MARCO estreou Chronoscopio (2010), Simulacro de simulacros (2008), Cómo congelar fantasmas (2008), Hazañas e incidentes (2007) ou 50 hz (2006).
Enlaces:
[1] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Patricia600x200_1.jpg
[2] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Patricia%20aqui%20gloria200x150.jpg
[3] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/MATERIAL%20MEMORIA_9.pdf