"Son incontables as definicións que, da cidade, se fixeron ao longo da historia. Alén da unión de cidadáns que segundo Aristóteles determinaba a aparición dunha urbe, ou do lugar para conversar e discutir que describía Ortega y Gasset ao interpretar a cidade como ágora, Vigo preséntase como un lugar no que conflúen distintas estruturas, onde quizais a tradición se someteu ao proceso de industrialización, dinámica que a converteu na cidade máis poboada de Galicia e nunha das de maior expansión nas últimas décadas.
A singularidade de Vigo e a súa arquitectura ‘descaracterizada' animaron a Carlos Bunga a investigar sobre a forte transformación que sufriu a cidade ao longo do século XX. O traballo realizado polo artista organizouse en distintas fases, durante as cales se reuniu con cidadáns para solicitar opinións e datos que o axudasen a entender a evolución urbanística, e como esta se formula á marxe da cidadanía e en función de necesidades económicas, industriais ou políticas. O resultado do proceso de investigación -debuxos, colaxes, fotografías e vídeos- funciona como documentación, como ‘preludio' dunha conclusión que non existe, e achega reflexións sobre os conceptos de produción e consumo, tan ligados á cidade. Que se leve a cabo esta investigación en Vigo non é casual, xa que se trata dun exemplo claro dese crecemento que sufriron as cidades na era contemporánea.
Consciente de que as cidades participan dos cambios da historia, e de que nelas se van producindo relacións entrecruzadas, Bunga define a cidade contemporánea como heterotopía, termo formulado por Michel Foucault en 1967 para substituír a análise historicista que primaba ata o momento. As heterotopías son, fronte ás utopías, lugares reais dentro doutros lugares; son contra-lugares onde se entrecruzan redefinicións urbanísticas, conflitos sociais ou económicos. En mans do artista, a cidade convértese en moldeable. A deconstrúe. No seu intento por racionalizar a cidade, superpón perspectivas, mestura puntos de vista, relatos locais e periféricos.
* * * * * * * * *
A exposición móstrasenos fragmentada, como metáfora da cidade contemporánea, dividida en series. Un destes episodios é resultado das visitas a bibliotecas e hemerotecas, orixe dos 20 debuxos sobre papel que reproducen páxinas do Faro de Vigo, que nos mostran a evolución da cidade a partir dun dos seus símbolos. A cidade, como arquivo da memoria, aparece vinculada á idea de tempo, e o xornal preséntase como unha heterotopía en si mesmo, superpoñendo perspectivas, puntos de vista e temporalidades. Debuxar eses xornais é, segundo o artista, un intento de reescribir a historia. Debuxadas e borradas, as pezas mostran fragmentos dese tempo ou memoria fráxil, desa presenza-ausencia da arquitectura.
É o tempo, quizais, o parámetro que vertebra os traballos de Carlos Bunga dende as súas primeiras performances, que cuestionaban o concepto de espazo e durabilidade dos obxectos. As accións desenvolvidas en Manifesta 5 (San Sebastián, 2004), no Museu Serralves de Oporto (Premio EDP, 2003) ou na Galería Elba Benítez de Madrid (2005) posúen un mesmo trasfondo: esa reflexión sobre o transitorio e o efémero que no proxecto Heterotopías se converte en leit-motiv. Pero o que de veras interesa a Carlos Bunga é ese baleiro, esa ausencia que permanece, xerando un novo espazo. O propio artista refírese ás construcións Merzbau de Schwitters ou aos Cuttings de Matta-Clark como o principal referente dunhas accións que atopan nese ‘espazo baleiro' a súa singularidade. Na feira Art Basel (2008) presentou na sección ArtUnlimited unha peza para demostrar que se pode traballar dende o centro neurálxico do mercado e cuestionalo. Supuxo un desafío abandonar a espectacularidade e grandilocuencia nun espazo nacido para atraer visualmente o coleccionista de grandes nomes. A obra, baixo o título Ruins, ademais de evocar o espazo dentro do espazo, consistía na recreación da planta dunha estrutura que xa non está, unha estrutura ‘diseccionada'. Desta forma, é o visitante quen completa o significado e quen crea o espazo a partir do baleiro.
* * * * * * * * *
No proxecto do MARCO, a serie Tiempo ausente mostra este grande oco dunha forma máis evidente. O artista parte pola metade fotografías de distintas zonas da cidade e móstranos a realidade xunto á súa proxección imaxinada, que adquire corporeidade no seu encontro co espectador. O ensaísta e arquitecto Fernando Chueca Goitia describe a cidade como frustración: ‘Sempre foi e será, pola índole da súa esencia, artisticamente fragmentaria, tumultuosa e inacabada. Non atopamos nela esa forma definida e redonda que ansía o sentimento estético' (F. Chueca Goitia, Breve historia del urbanismo, p. 37). Esa idea de deixar o resultado da investigación en mans do ambiente, dos habitantes e coñecedores de Vigo, é como inventar unha nova relación entre suxeitos. O artista móstrase como actor implicado no contexto, espacial, social e histórico, interpretando a cidade como laboratorio e o resultado como documentación.
A cidade constrúese e, dado o carácter dinámico que se lle presupón e a necesidade de adaptación constante, toda construción leva aparellada unha destrución. How Does Your City Grow? é unha secuencia narrativa de 24 fotografías intervidas polo artista, que incide na relación da cidade co mar. O rápido crecemento de Vigo fainos presaxiar un futuro de urbanización que invade un territorio máis aló dos seus límites naturais. En Una pequeña historia del Hotel Continental [Unha pequena historia do Hotel Continental], Bunga resume un dos episodios recentes da historia de Vigo. Construído na década de 1870, o Hotel Continental era toda unha referencia. ‘Without any favour, the best in Galicia and one of the principal hotels in Spain', rezaba un anuncio publicado na prensa de 1912. En primeira liña urbana, fronte ao mar, recibía os viaxeiros ata que foi demolido na década de 1960. A desaparición de edificios emblemáticos da cidade, habitual en moitos lugares pero moi acentuada no caso de Vigo, está recollida en Vigo, la ciudad que se perdió, do historiador Jaime Garrido. Esta publicación, así como diversos documentos e libros facilitados polo Instituto de Estudios Vigueses, serviron de guía ao artista na súa investigación.