O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o MARCO de Vigo presenta o documental RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada; un documento histórico filmado en 1951 e 1952, procedente dos arquivos da familia Beiras Cal, recuperado do olvido por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora Atlantis Multimedia.
O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega, xunto a outras gravacións históricas realizadas polo intelectual galeguista Antón Beiras, a modo dun ‘contra NODO’ destinado á cultura galega no exilio.
A presentación terá lugar o venres 17 ás 11.15, e estará acompañada dunha visión comentada polo historiador Xurxo Martínez González. A partir desa data e ata o 15 de setembro, o documental proxectarase de xeito continuado nunha das salas da planta baixa.
Duración: 37 min
Equipo de ATLANTIS MULTIMEDIA participante na recuperación da película:
Miguel Piñeiro. Director e produtor do proxecto
Manuel Iglesia. Técnico de dixitalización
Fernando Alfonsín, de Alfonsín Lab. Postprodución
Carme Varela. Contidos e documentación
No ano 1951, Antón Beiras seguía embarcado na súa empresa de crear un arquivo documental do que acontecía en Galicia ao modo do que o NODO era para a España daquela época, consciente de que unha parte importante da nosa historia non quedaría rexistrada por non ser de interese para a oficialidade do momento. Nese contexto, son varias as gravacións que se realizan.
No ano 2016, Miguel Piñeiro atopa no arquivo da Familia Beiras Cal unha película nun estado moi deteriorado e da que se descoñecía o seu contido. Tras varias consultas con laboratorios especializados de Madrid, Lisboa e California, descártase a posibilidade da súa recuperación por atoparse o material “cuarteado” e “avinagrado” —o que impedía calquera proceso automático de escaneado— ou ben polo elevado custo do proceso, dado o estado da película e as escasas garantías de éxito. Nestas circunstancias, só quedaba renunciar, ou intentar unha recuperación cos medios que a produtora Atlantis Multimedia tiña ao seu alcance.
O proceso de traballo levado a cabo para recuperar o contido do filme requeriu dun intensísimo labor, en catro fases:
16.589 fotogramas individuais e 118 tomas secuenciais permitiron, despois de 1.289 horas de traballo, sacar á luz a película, que xa se daba por perdida, e que non defraudou as expectativas sobre o seu contido.
Enlaces:
[1] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Rescatada_600x200.jpg
[2] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Rescatada_200x150.jpg
[3] https://www.farodevigo.es/sociedad/2019/05/18/nodo-descuberto-vigo/2107189.html
[4] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/NP_expo%20documental_RESCATADA_gal_.pdf