"Hai que estar ao quite. O fotógrafo sérvese da realidade que lle ofrece a ocasión da arte. Pero xamais a domina, xamais a vence. A realidade, o home da rúa, é libre e imprevisible. Dalgún xeito o fotógrafo ten que anticipar os movementos, prevelos. Hai que estar pendente e solto, disposto a cambiar de plans".
Ricard Terré
"Vin aquela nai famenta e desesperada e achegueime como atraída por un imán. Non recordo como lle expliquei a miña presenza ou a da miña cámara, pero si recordo que ela non me preguntou nada. Fixen cinco tomas, traballando cada vez máis preto dende a mesma dirección. Non lle preguntei o seu nome nin pola súa historia. Ela díxome a súa idade, trinta e dous anos. Dixo que estiveran a comer verduras xeadas dos campos próximos, e paxaros que cazaban os nenos. Vendera mesmo as cubertas das rodas do seu coche para comprar comida. Alí estaba, sentada naquela choupana cos seus fillos anicados ao seu arredor, e parecía pensar que as miñas fotos poderían axudala, e así ela axudaríame a min. Había certa equidade naquilo".
Dorothea Lange
"Fotografei a Arthur Coble e os seus fillos Milton e Darrel mentres realizaban as súas tarefas. Pero os fortes ventos dificultaban a visión e a respiración. Cando o po comezou a encher o aire, dirixinme ao meu automóbil e os Coble á súa casa. Ía despedirme cando os Coble comezaron a loitar contra o vento e tomei esta fotografía. Era a última foto do rolo".
Arthur Rothstein
"Sempre se debateu se a fotografía é arte ou non. Eu non pensaba que estaba a crear obras de arte cando estaba a fotografar. A mi non me interesaba producir unha obra de arte para poñela nun museo para que a pouca xente que asiste aos museos a vise. Eu quería producir imaxes da realidade como eu a vía, para que se reproducise en libros, periódicos, revistas e exposicións. Para que o maior número de persoas as visen. Esa foi a nosa actitude, a dos que traballamos nese famoso grupo do Farm Security Administration. Pero resultou que nós, a maioría dos fotógrafos alá, tiñamos sensibilidade artística. Aínda que non tratamos de facer obras de arte, algunhas das obras convertéronse en obras de arte, inevitablemente. Agora valóranse, colecciónanse e exhíbense en museos de arte. Pero esa non foi a intención, a intención foi conseguir a maior difusión posible".
Jack Delano
"[...] As tomas fotográficas son debidas ao azar das situacións, as obsesións seguen a ser as mesmas. Derivas nocturnas, corpos que se abandonan, crueza da carne e da materia fotográfica. Traducir a escisión pola mestura dos corpos e dos sentimentos, nun desprazamento incesante da fronteira entre o fotógrafo e o seu suxeito que desaparecen, rebentados sempre, entre dous encontros efémeros. Unha fotografía lúcida tense que interrogar sobre as condicións turbadoras da súa experiencia entre o ollo e a mirada, a máquina e o inconsciente, a impureza fundamental da súa relación co mundo real e o ficticio.
[...] Non é a nosa mirada sobre o mundo o que importa, senón as nosas relacións máis íntimas con el. Composición, luz, narración, xa non son as preguntas fundamentais. Quedan a perspectiva que xustifica o acto fotográfico, as interferencias da experiencia e a posta en escena, a materia, a función do personaxe, as incoherencias da secuenciación -as imaxes, como as palabras, séntense soas cando están illadas-, a conciencia que eu teño do papel de actor, de autor e de director dos meus propios escenarios. Podo pois, pola reconstrución maníaca de experiencias desordenadas, utilizar o mundo para os meus propios fins e, como experiencia bastante solitaria, remodelalo, transformalo segundo a miña vontade, facer de tal forma que, sen as imaxes, o mundo xa non existe".
Antoine D'Agata