‘Entrar na obra’
‘Entrar na obra’ é un ciclo de exposicións que se está a desenvolver nas salas do primeiro andar do MARCO. O título do ciclo está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971), emulsión fotográfica sobre lenzo, na que o artista se fotografa a si mesmo atravesando unha aba nunha acción que interpretamos como reveladora sobre a relación entre o artista e a súa obra e entre o espazo e o tempo. O artista altera o seu papel e xera unha situación de integración, ante a que tamén reacciona o espectador, que, se ben non entra fisicamente na obra, participa sendo testemuña desta ruptura dos límites tradicionais que separan suxeito e obxecto. O significado último reside, pois, na reacción do espectador.
O papel fundamental do espectador no proceso de creación da obra de arte formou parte, nas últimas décadas, de discusións e ensaios. Ao longo do século XX xorden os conceptos de obra aberta, espectador emancipado ou morte do autor, e o rol do público pasa a ser esencial para completar a peza, mediante a súa mera presenza física ou a necesidade de implicarse activamente. O artista xa non é o eixe central do proceso e as coordenadas de percepción márcanas, como escribe Douglas Crimp, non só o encontro entre o espectador e a obra, senón entre ambos os dous e o espazo que ocupan. En que grao necesita o público estar ante a obra? O simple feito de mirar non ten xa valor?
O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan a condición do público como elemento inherente á obra. A relación directa entre ambos os dous, o intercambio físico ou a reciprocidade inmediata xeran unha nova dimensión na que tempo e espazo alteran as condicións da recepción e da percepción.
O ciclo ‘Entrar na obra’, que incluíu proxectos de Loreto Martínez Troncoso e Wilfredo Prieto, continúa agora con Rubén Grilo, ao que seguirán as propostas de Karmelo Bermejo (Málaga, 1979), Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979), e Judi Werthein (Bos Aires, Arxentina, 1967).
Rubén Grilo
O traballo de Rubén Grilo (Lugo, 1981), que bebe das fontes do conceptual, explora a arte como un instrumento válido para xestionar aquilo que non coñecemos, incorporando o ruído como parte da comunicación co espectador e analizando o xeito en que tecnoloxías da imaxe, códigos culturais, información, display, intuición, representación e cognición, participan positiva e negativamente na construción da realidade.
O título da mostra, ‘PowerPoint Karaoke’, fai referencia a un evento organizado polo colectivo berlinés Zentrale Intelligenz Agentur en 2006, que consistía en presentacións de PowerPoint feitas con material máis ou menos aleatorio, na súa maior parte sacado de Internet, que os participantes non coñecían e que tiñan que explicar á audiencia en tempo real. Baixo unha aparencia divertida, formulábase unha crítica ao PowerPoint como medio estándar de transmisión de ideas, aprendizaxe e factor determinante na toma de decisións.
Orquestradas a partir desta premisa, as pezas de Grilo móvense entre o absurdo e o inevitable recoñecemento de imaxes vinculadas a un contexto cultural particular, intensificando a relación do espectador co medio visual, incorporando capas inesperadas de información, referencias a outros artistas, asociacións de ideas e elementos crípticos que chocan, se entrelazan e se dispersan no momento da súa recepción.
A presentación PowerPoint en bucle, o soporte elixido para a maioría das pezas en exposición, dálle a oportunidade de revisar a idea moderna de autonomía das imaxes a través dun medio cuxos códigos son coñecidos polo público. Outro aspecto interesante do PowerPoint —con relación ao vídeo— é que a pesar da súa dimensión temporal, o contido é modificable por definición, pois a súa integridade non está baseada na fisicidade senón no concepto xeral que agrupa unha serie de textos e imaxes, que son intercambiables. Ten que ver coa oralidade, coa comunicación, coa velocidade á que se transmiten e interpretan as ideas, coas asociacións, e co cognitivo. O xiro respecto a un uso normal do PowerPoint é que neste caso non hai un orador que narre as imaxes, que lles dea sentido e faga as asociacións. A idea de PowerPoint Karaoke explica ben que neste caso é o espectador o performer ou o encargado de tomar esas imaxes e recompoñelas ou interpretalas para que lle sexan útiles.
O uso da tecnoloxía de proxección láser, presente en dúas animacións controladas por ordenador, é outra das liñas de investigación de Grilo. Respecto a estas obras, o artista faise eco da seguinte reflexión: ‘Todo o invariable nunha transformación ofrece información sobre o obxecto, e todo o variable ofrece outra información, como a relación de quen percibe co obxecto. Cando atendemos ás constantes, percibimos obxectos; cando atendemos ás variacións, obtemos sensacións.’
A exposición inclúe a instalación titulada A cuarenta y un metros y cuarenta centímetros de lo mismo, 2011, na que dous obxectos similares pero de tamaño diferente se perciben como iguais ao estar suficientemente separados entre si; e unha colección de obxectos atopados —El beneficio del ignorante, 2009-2011— cuxa particularidade é que, a pesar de estar deseñados con algún propósito evidente, o artista descoñece a súa utilidade.
Finalmente, a obra titulada Un museo alternativo, 2010, que se fai visible máis alá das salas de exposición, consiste en cambiar o logotipo do MARCO e substituír o orixinal nos distintos soportes de comunicación —páxina web do Museo, rotulación, papelería, sinalética— durante o tempo que dure a mostra, como unha especie de ficción dun mundo paralelo condensado no deseño dun logo.