“Dende principios do século XX, varias correntes artísticas están a redefinir dende diversas frontes os conceptos de Arte e Artista, forzando, entre outras cuestións, os territorios limítrofes entre as artes visuais e outras disciplinas que se consideraron e se consideran “menores”, como a publicidade, a moda, a música popular, etc.
Namentres, á par que no campo da arte esas pugnas se foron sucedendo con maior ou menor fortuna, no campo da música popular tiveron lugar serias transformacións. Transformacións que se foron materializando a medida que, cunha decidida ausencia de prexuízos, se ían mesturando diferentes estilos e influenzas musicais que fixeron posible a aparición de novos fenómenos culturais e sociais, entre os que destaca o peculiar universo do pop-rock, onde se combinaron, ademais, elementos da moda, a publicidade e as artes escénicas. Máis aínda: moitos destes procesos leváronse a cabo practicamente á marxe da opinión de críticos, institucións e outros organismos de control, e non obstante no transcurso deses procesos asistimos tamén ao nacemento de figuras carismáticas que adquiriron relevancia social: as estrelas do pop e do rock. Estrelas que se converteron en tales recorrendo a tácticas da arte para distinguir os seus produtos e personaxes públicos, elixindo explicarse en termos elaborados e despregando un discurso hiperreflexivo no que asignaron un papel fundamental ás cuestións estéticas.
Todas estas cuestións que acontecen no campo da música están relacionadas coa atención que o fenómeno do pop-rock e outros estilos musicais contemporáneos están acaparando nos últimos anos entre toda unha nova xeración de artistas visuais, do que resulta que a intersección entre estes dous campos –a música e a arte– constitúa unha das liñas de investigación máis interesantes do panorama artístico actual.
[...] En cada un destes campos –a música e as artes visuais– tiveron e teñen lugar procesos significativos que tamén son relevantes para a exposición.
Por unha banda, a partir da década dos sesenta un sector de artistas do pop e do rock comezaron a producir imaxes estáticas e en movemento que servían para publicitar as súas cancións e os seus personaxes estelares. Estas imaxes facían referencia ás súas estratexias preformativas para presentar a súa música e para construír os seus personaxes públicos dende parámetros que a miúdo asimilaban as premisas de movementos artísticos de vangarda. Máis aínda, unha boa parte deste colectivo colaborou con profesionais da dirección de cine ou con artistas visuais para crearen o que resultou un novo produto e formato que se pasou a denominar videoclip. Este conxunto de estratexias preformativas e estéticas desembocou na formación dun discurso complexo que proxectaba todo un estilo de vida, que rapidamente se convertía nun fenómeno cultural e social, que tivo unha importancia crucial na cimentación e difusión do que hoxe entendemos coma movementos xuvenís, e que deu lugar ás tribos urbanas.
Unha parte esencial do éxito destas estratexias baseouse no potencial que os mundos do pop e do rock presentaron historicamente como instrumento de resistencia e rebelión xuvenil, e a súa excelencia para funcionar coma vehículo de contidos sociais e políticos. De feito, o pop e o rock xeraron algúns traballos fascinantes que afirmaban valores socialmente alternativos, e aínda que estes produtos non alcanzasen o éxito masivo con demasiada frecuencia, publicacións recentes e autores como Jeremy Gilbert e Ewan Pearson coinciden en destacar a singularidade destes estilos musicais e as súas políticas de representación. Para eles “o fenómeno da música pop e rock dende os anos sesenta centrada nos/as cantantes funciona conforme á lóxica fonologocéntrica, coa voz, ou logos, como lugar da verdade que invoca unha idea do grupo social formado polo grupo musical e a súa audiencia. En canto impulsores e impulsoras da protesta, os/as cantantes ían ser os/as representantes político-culturais do seu público respondendo á crenza de que a música podía e debía ser portavoz do seu público”.
Por outra banda, no mundo da arte toda unha xeración de artistas que conviviu ou medrou con produtos provenientes do mundo da música incorporaron esas linguaxes ás súas obras artísticas sen esqueceren a súa vertente preformativa. Artistas que se serven de prácticas comúns no campo da música como o culto á personalidade, a insistente busca dun elemento xeracional, con problemáticas concretas, a utilización dunha produción en serie e un especial interese pola idea de creación colectiva e de que a creación non se esgota no disco, senón que se estende no concerto preformativo. Neste sentido, como no terreo da música, teñen unha total falta de prexuízos á hora de combinar estilos e disciplinas, á vez que manifestan un renovado rexeitamento polo elitismo na arte e unha preocupación por se achegar aos intereses das clases medias, obreiras, etc., o que constitúe unha das últimas formas de popularizar a arte.
Así mesmo, actualmente no campo da arte asistimos a unha revisión sistemática da década de 1970, revisión sen dúbida influída polo alto contido político e social da arte desa época, e que reaviva a preocupación polas prácticas artísticas como a performance ou o body-art. Todas estas cuestións fan que nos últimos tempos sexan moi numerosos os proxectos artísticos que desembocan nun “produto” discográfico. Estes produtos son o resultado da aplicación da lóxica multi e interdisciplinar, convertida en síntoma xeracional, que se presenta como solución ante novas necesidades e inquedanzas comunicativas dese e desa “novo” ou “nova” artista visual, que ademais proxecta unha sorte de inconformismo cara os mecanismos que moven o campo da arte. Ademais, as obras de arte que se están a xerar segundo estas premisas, a miúdo atentan contra o concepto hexemónico do mercado da arte, á vez que cuestionan a ríxida división entre disciplinas.”
Xabier Arakistain
Comisario da exposición