Cando faltan poucas semanas para a celebración do quinto aniversario o 13 de novembro, dende o MARCO presentamos a exposición TEMPO AO TEMPO, unha mostra de produción propia coa que queremos conmemorar esta efeméride, que de modo excepcional ocupa todos os espazos do edificio, e que formula unha reflexión sobre un tema, o paso do tempo, cun fío argumental que semella especialmente oportuno como balance do que foron estes cinco anos de vida.
Isabel Carlos e eu mesmo, como comisarios, coincidimos na necesidade de analizar o modo en que o tempo, fío condutor da mostra, define o noso mundo. Ademais, o título relaciónase intimamente coa historia e transformación do propio edificio, que foi cárcere e xulgados antes de converterse en centro de arte. A través dunha selección de artistas e obras —varias delas producidas especificamente para esta exposición— analízase, dende unha perspectiva crítica, a obsesión actual polo paso do tempo, a memoria, e o sentido ou o peso da historia. Tantas visións ou interpretacións do tempo como artistas representados na exposición —34 en total— na obra dos cales o tempo está presente non como algo anecdótico, senón dun modo constante.
Partindo do tempo como leitmotiv, a exposición percorre varias acepcións do termo, diversas achegas a esa reflexión tan común no pensamento occidental, que disciplinas como a física, a literatura, as matemáticas ou as artes abordaron dende distintas perspectivas. A experiencia do paso do tempo e da súa medición suscitou o interese de artistas e pensadores de todas as épocas, e foi representado mediante visións, imaxes, símbolos e metáforas. Afirmaba Aristóteles que se non houbese ningún ser humano non existiría o tempo; do mesmo xeito, é preciso que exista unha medición do mesmo. Esta mostra reúne unha grande variedade de rexistros e aproximacións que se corresponden co que para cada un dos artistas representa e significa o paso do tempo —sexa como instrumento de medición, como obxecto de investigación ou de reflexión teórica, como reflexo de acontecementos sociais, como símbolo e como recurso estético— que se enriquecen coas múltiples conexións entre as obras, apoiadas polo deseño da montaxe e a súa distribución en salas.
Dende a medición obsesiva do tempo de On Kawara ou a súa plasmación nos calendarios de Ignasi Aballí, o reloxo dixital de Gianni Motti, a sutil visión do tempo conxelado no reloxo de area de Jorge Barbi, ou o gong marcador do tempo de Daniele Puppi, ata a ironía dos obxectos petrificados de Jimmie Durham, pasando polas investigacións científicas de Jorge Peris e Rubén Ramos Balsa, ou a reinterpretación da historia da arte e os seus símbolos en Giulio Paolini, Nedko Solakov ou Sam Taylor-Wood. A fraxilidade da memoria que se evapora na obra de Oscar Muñoz —ao igual que se esvaece o retrato do heroe ecuestre de Matthew Buckingham— a conservación dos recordos en Pedro Mora, o pasado que se revela na peza de Ana Jotta, a nostalxia do futuro de Jonathan Monk e o encontro emocionado entre o pasado e o presente a través da palabra en Lani Maestro. O tempo improdutivo, o tempo morto que retrata Mircea Cantor, e a narrativa fracturada de Igor e Svetlana Kopystiansky; a xeración do movemento en imaxes estáticas en Rosângela Rennó, o caracol que se despraza sobre a area como imaxe psicolóxica do paso do tempo en Euan Macdonald, e a sección temporal e espacial do universo de Tatsuo Miyajima. A relación entre imaxe, son e instalación espacial en Tacita Dean, e a poética das fases da lúa na peza de Nam June Paik. A reflexión teórica sobre o contexto espazo-temporal da obra en Victor Burgin e Douglas Gordon, os indicios como narración na obra de Allen Ruppersberg, ou o retrato a través dos obxectos en Mark Dion. Os viaxeiros do tempo no mundo perdido de Susan Norrie, o rescate de obras mestras e documentos do pasado de Fernando Bryce, as referencias literarias e o humor en João Maria Gusmão e Pedro Paiva e a síntese do tempo detido e a decadencia en William Eggleston. E tamén, o sentido ou a presenza do tempo a través da acción: dende os mecanismos de intercambio de Gustavo Romano, ata a histórica performance Time, de David Lamelas, que presentará en Vigo con ocasión da inauguración da mostra.
Unha medición que permita establecer un pasado, un presente e un futuro; unha secuencia temporal que sirva como punto de partida para abordar a historia do MARCO dende o presente, facendo balance de cara a anos vindeiros.
Iñaki Martínez Antelo
Director do MARCO e comisario da exposición