Coa colaboración de:
Deputación de Pontevedra
Acabado de estrear o ano 2022, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, inicia a súa programación cunha mostra individual protagonizada por Teresa Moro (Madrid, 1970) que, baixo o título O Efecto Reliquia, pon en escena un proxecto que nos fala da paixón da artista por coleccionar, rastrexar e arquivar obxectos singulares, como acto de resistencia e de reivindicación a través da pintura.
Para Teresa Moro, o “Efecto Reliquia” é aquela emoción que esperta nela cando cre atoparse ante un obxecto –unha paleta, un tallo, unha cama, unha peza de roupa…– que puidese ter pertencido ou ter sido utilizado por un artista, actual ou pasado, a quen ela admira. Obxectos de uso común, aos que a relación diaria cos seus donos converteu en únicos.
Nos santuarios da época clásica custodiábanse artigos venerables asociados co heroe, como roupas e mobles, que tiñan unha misión protectora. A mesma que inspira a Teresa Moro cando, hai xa varios anos, comezou unha persoal campaña de rescate de reliquias como estratexia defensiva fronte ás ameazas que sentía que asediaban o creador contemporáneo.
Este proxecto pretende mostrar parte do botín de exemplares atopados por Moro tras peregrinacións reais ou virtuais, e que como artista-coleccionista vai clasificando nun particular arquivo gráfico. Arquivo que traslada á parede do estudio, que paseniño adquire o aspecto dun altar votivo.
Cada unha das reliquias que Moro nos ensina é un recordo evocado no presente que, grazas ao acto de preservalo, se proxecta cara ao futuro. A pegada daqueles artistas aos cales pertenceron consérvase latente nos seus aparellos, revivirá grazas ao feito de reunilos, e esa reminiscencia quedará na obra realizada baixo a súa invocación.
A montaxe nas salas do MARCO organízase segundo un percorrido que nos vai deixando pistas e debuxando unha sutil liña narrativa en paralelo a esta serie de achados e descubrimentos: dende os Axexadoiros das portas que nos permiten asomarnos ao interior, as Postais con vistas exteriores das casas-estudio dos artistas, e os Estudios en si – coas mesas de traballo tratadas a xeito de bodegóns– ata a serie Reliquias propiamente dita, conformada por obxectos máis escollidos e persoais, como ferramentas ou roupa de traballo. Continuando nesta liña, a segunda sala desprega a serie Camas, que reúne pezas antigas xunto a obras realizadas neste último ano.
Teresa Moro concibiu este proxecto como un traslado do ritual diario do estudio á sala de exposición, como un convite ao público para compartir os segredos do culto á pintura, intercalando fotografías de arquivo con debuxos e cadros que van colonizando o espazo expositivo. Mostrándolles o escenario, a liturxia; replicando co pincel as ferramentas e espazos de traballo, ofrecéndolles penetrar no seu universo máis cotián para flanquearlles o paso á intimidade do proceso creativo.
Dossier documental
Paralelamente á exposición, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria sobre a artista, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.
Programación para escolares
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 18 de xaneiro de 2022
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís de fin de semana
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 15 de xaneiro de 2022
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo-e: recepcion.marco@gmail.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908
Rutas interactivas a través da App Vigo
O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.