Unha máquina desexa instrucións como un xardín desexa disciplina examina procesos de colonización interna dentro de Europa que coinciden historicamente coa transición cara ao capitalismo e a formación do pensamento e a política modernos. Estes procesos de acumulación de riqueza, privatización crecente dos recursos, imposición de formas de relixión hexemónicas, en detrimento de prácticas asociadas aos ciclos de produción, control da sexualidade, reprodución da forza de traballo, e abolición crecente de formas de comunalidade, semellan ser un precedente (aínda que tamén continuaron de xeito simultáneo) de estratexias sistematicamente utilizadas polos poderes coloniais europeos en ultramar, que á súa vez regresaron ás metrópoles “decorados” con novos imaxinarios.
O establecemento paulatino de estados-nación en Europa correspondeuse con procesos de homoxeneización imposta sobre diferentes pobos. Por exemplo, en España o afianzamento do estado- nación foi bastante temperán e consolidado con alianzas matrimoniais e a empresa militar coñecida como a “Reconquista” (unha reconquista dunha España que non existía, pero que se prefiguraba como católica e branca), mentres que Italia ou Alemaña non se “unificarían” (de novo, un termo que implica unha forma “natural” do estado-nación predeterminada historicamente) ata finais do século XIX.
Por outro lado, este proxecto intenta activar un entendemento dinámico da historia na que os procesos descritos non se limiten a unha explicación pechada ou moralista do pasado. Non se trata de presentar unha imaxe romántica da Europa pre-moderna, senón de desarmar o discurso civilizador que naturaliza a ecuación capital=civilización. Os procesos complexos que se tentan describir aquí non acontecen illadamente, senón que están entretecidos e continúan operando en diferentes rexistros e niveis, mudando e transformándose, adaptándose, intensificándose ou tranquilizándose.
Redución da diversidade
As cruzadas, a inquisición, o peche dos comúns, a cacería de bruxas, mesmo a Reforma, son procesos que se entenden aquí baixo a noción de redución da diversidade, é dicir, como esforzos máis ou menos exitosos de restrinxir formas de facer e de pensar que contradixesen o entendemento dominante e proto-moderno da sociedade, a política e a economía.
Estes procesos crearon un mundo cada vez máis dividido entre os homes “civilizados” —asociados ao cristianismo, o control sobre o traballo na forma de salarios, o desenvolvemento da razón radicalmente separada do corpo— e aqueles por civilizar —herexes, “bruxas”, vagos, rebeldes, “supersticiosos”.
Negación da simultaneidade [coevalness]
Esta noción é tomada de Walter D. Mignolo quen di que “a negación da negación da simultaneidade é unha das principais tarefas da teorización postcolonial”1. A negación da simultaneidade é unha consecuencia directa dunha visión da sociedade encamiñada cara ao progreso (entendido este como o desenvolvemento dunha economía capitalista dentro dunhas institucións reguladoras da vida humana que é agora un instrumento de produción e consumo de bens). Esta lóxica absurda leva a relocalizar ao non-europeo (ou ao europeo “rebelde”) no pasado, como atrasado respecto a un desenvolvemento inevitable e lóxico no que a Europa moderna é o punto máis elevado.
O mito do observador desinteresado
Unha consecuencia destes procesos foi a pretensión moderna de obxectividade e de observación desinteresada dunha realidade externa e separada de quen observa: “A obxectividade é a alucinación de poder facer observacións sen observador. A apelación á obxectividade é o rexeitamento á responsabilidade; de aí a súa popularidade2.
En Unha máquina... estas liñas de pensamento trénzanse e comezan un tecido complexo, pero inacabado e cambiante. Metodoloxicamente, os diferentes traballos artísticos e de investigación aquí reunidos buscan desestabilizar a dualidade que se desencadea do pensamento platónico (mundo material e mundo abstracto), da que se apropia o cristianismo (corpo e alma), secularizada despois no pensamento moderno (corpo e razón), e redistribuída amplamente en clasificacións sociais. O proxecto busca ir disolvendo esta dualidade, complexizando e imposibilitando o seu uso como ferramenta taxonómica.
Catalina Lozano
1 Walter D. Mignolo, The Darker Side of the Rennaisance: Literacy, Territoriality and Colonization, The University of Michigan Press, 1995, p. xii. 2 Heinz von Foerster, citado en Humberto Maturana Romesín, Bernhard Pörksen, Del Ser al Hacer. Los Orígenes de la Biología del Conocer, Santiago de Chile: Comunicaciones Noreste, 2004, p. 46.