XU BING
Chongqing (CN), 1955. Vive e traballa en Beijing (CN)
Telephone, 1996-2006
9 páxinas impresas resaltadas con rotulador acompañadas de traducións de apoio
Dimensións variables
Cortesía do artista
Ao igual ca no xogo popular do teléfono avariado, a peza de Xu Bing recolle un extracto dun libro sobre tradución escrito orixinalmente en chinés, que vai traducindo a nove idiomas diferentes para finalizar de novo no chinés. Con cada tradución, o texto muda o seu significado. Cada unha representa en si mesma unha reescritura, o que devén nun texto completamente novo. Onde radican os límites da tradución? Pódese relacionar a tradución coa invención?
SYLVIE BOISSEAU & FRANK WESTERMEYER
Thiais (FR), 1970. Essen (DE), 1971. Viven e traballan en Xenebra (CH) e Berlín (DE)
Chinese is a plus, 2008
Videoinstalación, 2 vídeos, cor, son,
2 fotografías 30.3 x 37.4 cm c/u
Cortesía dos artistas
Sylvie Boisseau & Frank Westermeyer analizan as diferentes razóns que animan á poboación europea a estudar chinés. Mentres as conversas entre alemáns adultos revelan unha motivación económica, para os estudantes de orixe chinesa o dominio da lingua representa unha cuestión de identidade cultural. Por que aprendemos idiomas? Que significa para nós aprender unha lingua estranxeira?
ERIK BÜNGER
Växjö (SE), 1976. Vive e traballa en Berlin (DE)
The Allens, 2004
Vídeo, cor, banda sonora con voz simulada por ordenador
28 min 18 seg
Cortesía do artista
Erik Bünger aborda dun xeito cómico a relación entre lingua, xestualidade, voz e identidade cultural, convertindo a “dobraxe” nunha forma de posesión mediante a cal o protagonista asume unha nova personalidade. Neste vídeo, unifica todas as voces nas que se dobra a Woody Allen en diferentes idiomas e crea deste xeito un personaxe que cambia constantemente de actitude, facéndose incomprensible. Cal é a relación entre lingua e personalidade?
LUIS CAMNITZER
Lübeck (DE), 1937. Vive en Great Neck, Nova York (US)
Insults, 2009
Texto mural nos seis idiomas oficiais da ONU (inglés, español, árabe, ruso, francés e chinés) e en galego
Instalación. Técnica e dimensións variables
Cortesía do artista & Alexander Gray Associates, Nova York
Se ben nun principio a afirmación na obra de Camnitzer semella ofensiva, a coexistencia de varios idiomas consegue un efecto contrario e absurdo. Este autor, que na década dos sesenta foi un dos primeiros en facer uso do texto como medio artístico, recorre ao humor para facer patente que a cada territorio lle corresponde unha lingua dominante, e que o nivel de coñecemento de cada quen representa un factor determinante cara á integración ou exclusión social. De que xeito pode unha lingua —que nun principio serve para comunicar— ser empregada para incluír ou excluír á xente da sociedade?
ESRA ERSEN
Ankara (TR), 1970. Vive e traballa en Estambul (TK) e Berlín (DE)
f You Could Speak Swedish, 2001
Vídeo, cor, son
23 min
Cortesía do artista e Colección Moderna Museet, Estocolmo
Esra Ersen adoita traballar con comunidades de emigrantes. Para esta peza colaborou cun grupo de refuxiados en Suecia, recollendo as súas dificultades co estudo do sueco. Para eles, a aprendizaxe desta lingua significa unha nova esperanza, mais tamén a perda da súa lingua materna e da súa identidade. Unha persoa pode aprender unha lingua estranxeira, mais pode aprender a se sentir “en casa” nesa mesma lingua?
MLADEN STILINOVIĆ
Belgrado (XK), 1947. Vive e traballa en Zagreb (HR)
An Artist who Cannot Speak English is No Artist, 1992
Bandeira, pintura acrílica sobre seda artificial
Cortesía do artista
Mladen Stilinović ilustra a presión á que se somete aos artistas, que se ven na obriga de aprender inglés se queren ter recoñecemento no panorama artístico internacional. O artista pendura con ironía a súa tea en oposición ao sistema capitalista e á súa visión globalizadora do mundo da arte. É o inglés indispensable? Hai alternativas?
JAKUP FERRI
Pristina (XK), 1981. Vive e traballa en Amsterdam (NL) e Pristina (XK)
An Artist who Cannot Speak English is No Artist, 2003
Video, cor, son
3 min 56 seg
Cortesía Galeria Arsenał, Białystok e Podlaskie Towarzystwo Zachęty Sztuk Pięknych Colección II, Polonia
Hai doce anos, cando Jakup Ferri —na actualidade artista de éxito que vive en Berlín— estudaba arte en Kosovo, respondía á peza de Mladen Stilinović neste vídeo de curta duración. Daquela case non sabía falar inglés, polo que máis ca cobrar sentido, faise patente a loita —e a vergonza— que representa para un artista non saber falar a lingua do mundo da arte.
RAINER GANAHL
Bludenz (AT), 1961. Vive e traballa en Nova York (US)
Basic Chinese, 1993-hoy
95 follas de estudo (selección)
22,9 x 30,5 cm c/u
Vídeo, cor, son (material seleccionado)
55 min
Corstesía do artista
I Hate Karl Marx, 2010
Vídeo, cor, son, 5 min 4 seg
Cortesía do artista
A maior parte do traballo creativo de Rainer Ganahl nace a partir de experiencias —das numerosas dificultades e dos erros— que xorden coa aprendizaxe de idiomas. Durante toda a súa vida, o artista obsesionouse con aprender chinés, árabe, xaponés, italiano, ruso, coreano, grego, e varios dialectos europeos, rexistrando sistematicamente os seus propios esforzos. A peza Basic Chinese [Chinés básico] está composta por unha selección de notas froito de toda unha década dedicada ao estudo do chinés. Pódese considerar a aprendizaxe de idiomas como forma de arte?
O vídeo I Hate Karl Marx [Odio a Karl Marx] imaxina un mundo no cal a cultura e a lingua chinesas arrecantan e dominan por completo a cultura occidental. Tal futuro é posible? Como se relacionan idioma e poder?
DORA GARCÍA
Valladolid (ES), 1965. Vive e traballa en Barcelona (ES)
Letters to Other Planets, 2005
Traducción do comunicado de prensa da exposición en 12 idiomas
A4
Cortesía da artista, Colección FRAC Bourgogne e Galerie Michel Rein, París
Dora García engade doce linguas minoritarias á nota de prensa, editada habitualmente en galego, español e inglés. Con isto suxire que o uso destas linguas pode ser un punto a favor e non un obstáculo porque pode chegar a públicos aos que doutro xeito non se dirixirían as institucións culturais. A quen lle “fala” un museo coas súas exposicións? Que lingua(s) debería empregar?
JOSEPH GRIGELY
East Longmeadow, Massachusetts (US), 1956. Vive e traballa en Chicago (US)
People are Overhearing Us, 2012
2 impresións de pigmento sobre dibond, cristal acrílico; 111,8 x 188 cm c/u
Cortesía do artista e Air de Paris, París
Joseph Grigely analiza o potencial creativo que xurde do encontro entre formas de comunicación oral e escrita. O artista perdeu a súa capacidade de ouvir na infancia e as súas Conversation Pieces [Anacos de conversación] están baseadas nas notas que intercambia habitualmente nas súas conversas. Se ben a orixe destas notas é incerta, o artista convídanos a descubrir, imaxinar e reinventar todo tipo de significados. Que acontece cando fallan os modos de comunicación habituais?
NICOLINE VAN HARSKAMP
Hazerswoude (NL), 1975. Vive e traballa en Amsterdam (NL)
English Forecast, 2013
Performance en directo realizada unha única vez; video
38’ min
Encargo concibido orixinariamente para BMW Tate Live Performance Room, Tate Modern, Londres, 2013
Cortesía da artista
Nicoline van Harskamp grava a persoas de diferentes nacionalidades que contan as súas experiencias como falantes de inglés, a súa segunda lingua. En conxunto, estes testemuños compoñen unha realidade representada na figura de catro actores de dobraxe especializados en acentos diferentes, a través dos cales se analiza a transformación paulatina da lingua inglesa, que é utilizada internacionalmente a xeito de lingua vehicular por usuarios non nativos. En que idioma nos comunicaremos no futuro?
SUSAN HILLER
Tallahassee, Florida (US), 1940. Vive e traballa en Londres (GB)
The Last Silent Movie, 2007
Video, subtítulos, son
21 min
24 gravados enmarcados
37 x 42,5 cm c/u
Cortesía Colección FRAC Bourgogne
As estatísticas estiman que cada ano desaparecen no mundo arredor de vinte e cinco linguas, e con elas pérdese toda a riqueza de coñecementos vinculados á súa cultura, natureza e historia. Este foi o motivo que levou á artista Susan Hiller a rexistrar as voces dos últimos falantes de linguas en perigo de desaparición. Que valor teñen esas linguas e a súa nutrida tradición oral? Deberían ser preservadas? Que condicións levaron á súa desaparición?
CHRISTOPH KELLER
Friburgo (DE), 1967. Vive e traballa en Berlín (DE)
Interpreters, 2008
Videoinstalación (cabina de interpretación, cor, son)
Cortesía do artista & Esther Schipper, Berlín
A raíz dun convite do artista a reflexionar sobre as súas experiencias, cinco intérpretes profesionais comentan como a súa educación multicultural conformou o seu modo de exercer a súa profesión. Ser intérprete significa identificarse coa persoa para a que se traduce e somerxerse por completo no outro idioma. Representa tamén o xeito de pertencer a diferentes lugares, de interconectar diferentes maneiras de experimentar o mundo. É posible “aprender” a ser intérprete? Ou trátase máis ben dun “sentido de identidade” entre linguas e culturas?
ZINEB SEDIRA
París (FR), 1963. Vive e traballa en Londres (GB), París (FR) e Algiers (DZ)
Mother Tongue, 2002
[Mother and I (Francia) / Daughter and I (Reino Unido) / Grandmother and Grandaughter (Argelia)]
Videoinstalación en 3 pantallas, cor, son, 4 min 33 seg c/u
Colección Musée de l’histoire de l’immigration, Palais de la Porte Dorée, París
Cortesía da artista e kamel mennour, París
Zineb Sedira fai de tradutora entre varias xeracións da súa familia. A súa nai emigrou de Alxeria a Francia e ela, coa súa filla, de Francia ao Reino Unido. Avoa e neta non falan o mesmo idioma. Ao deliñar esta historia familiar, analiza as ideas de preservación da identidade e de perda, intimamente conectadas á transmisión oral da memoria familiar. En que medida está ligada a lingua á identidade? Esa identidade, pode estar composta por múltiples linguas?
INGRID WILDI MERINO
Santiago de Chile (CL), 1963. Vive e traballa en Biel e Xenebra (CH)
Otra mirada a lo insignificante, 1982-2014
25 fotografías, texto
Dimensións variables
Cortesía Colección 49 Nord 6 Est – FRAC Lorraine
Durante a súa carreira, Ingrid Wildi Merino, inmigrante chilena en Suíza, comprobou en carne propia a relación entre o dominio do idioma e as oportunidades de acceso ao mercado laboral. Relaciona o seu desenvolvemento profesional co diferente urbanismo das zonas nas que traballa, pasando dos arrabaldes ao centro da cidade. Que papel xoga o dominio dos idiomas no ascenso na escala social? Cal é a relación entre idioma, traballo e arquitectura da cidade?