A mostra XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN, comisariada por Juan Antonio Álvarez Reyes, é unha visión da animación na súa vertente artística que formula dúas formas de achegamento a este xénero: una histórica, na que a modo de exemplo se inclúen traballos de autores clásicos significativos en relación co título da exposición e a temática que esta aborda, e outra xeográfica máis extensa, na que se ofrecen producións contemporáneas. Son traballos realizados por creadores de todo o mundo, que empregaron unha abundante gama de técnicas propias do cinema de animación, é dicir, da cinematografía “imaxe a imaxe”, utilizando procedementos como o debuxo animado, a plastilina ou a animación dixital por ordenador.
Por inocentes que poidan parecer, especialmente no cinema de animación infantil, as representacións levan implícitas ideas respecto aos valores e á moral das culturas onde xorden, e das relacións entre estas e outras alleas. Unha das intencións que ten esta exposición, organizada como un sistema de xustaposicións de obras concretas, é precisamente ofrecer ao espectador datos para comprender e incorporar ao propio, outros mundos manifestamente distintos.
A animación, ligada á industria do entretemento, estivo dende os seus inicios vinculada á difusión de modelos ideolóxicos e sistemas de comprensión do mundo. Esta exposición presenta historias animadas suficientemente evocadoras que constatan migracións de formas culturais que foron canónicas noutros tempos, e que hoxe se converteron en moeda de cambio expresivo; perversións, pois, de formas do pasado para deseñar representacións contemporáneas. Estas obras dan conta de como, a pesar das imposicións culturais extensivas na actualidade, certos fluxos de sensibilidade desacordes con ideoloxías e mitoloxías dominantes, conseguen fluír e xerminar en lugares do coñecemento, fóra de controis centralizadores, utilizando —e quizais recuperando— unha técnica tan antiga e libre como a da animación.
Como marco de referencia temporal, XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN ofrece unha selección de autores clásicos, entre os que figuran Segundo de Chomón, Lotte Reiniger, Kenzo Masaoka ou Norman McLaren. As súas obras son o testemuño do coñecemento histórico do cinema de animación, unha manifestación artística que valeu tanto para a reflexión crítica individual, coma para a difusión de propagandas ideolóxicas de todo tipo. Quizais a súa vinculación dende a orixe ás que se consideran dúas das principais riquezas da infancia —os seus segredos e os seus silencios— explique algo do seu éxito crecente.
Ademais destes e outros clásicos, a mostra inclúe obras de creadores contemporáneos tan dispares como Narda Alvarado, Kolkoz ou Gili Dolev, cun traballo que permite realizar nun mesmo espazo unha concentrada viaxe entremundos, xunto a propostas como a de Zhou Xiaohu, que nos achegan unha visión cínica das iconas mediáticas “made in USA”, ou outras, como as siluetas de Kara Walker, que recordan os tráxicos conflitos raciais do “vello sur” norteamericano. Animacións indispensables para entender a historia dun territorio como as de William Kentridge; sutilmente críticas co desmesurado crecemento urbano como as de Nils Norman ou Tintin Wulia; simplemente poéticas como as de Takashi Ishida ou Naoyuki Tsuji; políticamente comprometidas como as de Extramücadele ou Nathalie Djurberg, sen esquecer aquelas que reinterpretan a narrativa tradicional das súas comunidades de orixe. Así, a obra de Tomoko Konoike achéganos ao anime xaponés, ou creacións como a de Robin Rhode tráennos á memoria os contacontos africanos.
As temáticas abordadas son múltiples: sociedades postcoloniais, fluxos migratorios, críticas a políticas abusivas, a crise ecolóxica, as consecuencias da guerra, a febre do consumismo, pero tamén o desapego familiar, a inquietude existencial nas megalópoles contemporáneas, o sentir do absurdo e o baleiro persoal, a perda de intimidade e de memoria histórica, a aparición de novas figuras transnacionais heroicas, anxelicais ou demoníacas no terceiro milenio.
O cinema rexistra imaxes reais en movemento continuo; non obstante na animación non existe movemento real que rexistrar, senón que as imaxes se producen unha por unha, de forma que ao proxectarse consecutivamente se produza a ilusión de movemento. Esta peculiaridade permite ao creador elaborar narracións insólitas, crear mundos de ficción nos que todo é posible, onde as leis da física ou da metafísica poden ser transgredidas. A aparición progresiva de novos inventos técnicos, a fotografía, o cinematógrafo, o vídeo ou a sofisticación da imaxe dixital fai cada vez máis complexas as representacións animadas. Todo iso, unido á evolución das técnicas, á transformación da economía e á desarticulación de ordes culturais absolutas, fai que esta exposición sirva como mostra do grande teatro do mundo dos nosos días.