Este venres 13 de novembro, o MARCO cumpre a súa maioría de idade facendo balance da etapa máis recente e apuntando perspectivas de futuro.
O traballo dos últimos meses céntrase en cuestións clave —produción e itinerancia de exposicións, obras de reparación e mantemento, reordenación de espazos internos para novos contidos e funcións, deseño dun plan de eficiencia enerxética, reforzo de actividades online, edición de publicacións, posta en valor de fondos bibliográficos e das actividades da Biblioteca-Centro de documentación, busca de patrocinios e colaboración con outras institucións— que suporán un salto cualitativo cara á actividade interna e á proxección externa do Museo.
Este venres 13 de novembro, o MARCO cumpre 18 anos dende a súa apertura ao público a finais de 2002, e celébrao reforzando unha actividade interna que foi especialmente intensa nos últimos meses, e que xa está a dar os seus froitos, no medio dunha situación que sen dúbida obriga a unha fonda reflexión e que formula novos retos de cara ao futuro.
Abertas sempre a novas propostas e focos de investigación, as liñas de traballo do Museo céntranse actualmente en mostras de produción propia ou en colaboración con outros museos e institucións. Exposicións individuais que, xunto ao repaso dunha traxectoria artística, inclúen obras de nova produción. Na actualidade, os espazos da primeira planta acollen as mostras de Manuel Vilariño e Celeste Garrido, ás que seguirán novos proxectos xa avanzados de cara a 2021. Especialmente relevantes son, como medios de documentación e proxección exterior, a edición de catálogos, publicacións e libros de artista en paralelo ás exposicións, e a posibilidade de itinerancia das exposicións a outros museos e centros de arte —nalgún caso xa confirmada, como a mostra de Celeste Garrido ao MEIAC de Badaxoz, prevista para 2021.
A acometida das obras en patios e lucernarios, licitada mediante concurso público e iniciada recentemente, foi posible grazas a unha achega extraordinaria por parte do Concello de Vigo —propietario do edificio—, que se suma ao financiamento anual desta entidade. Unha obra urxente e esencial, mediante un sistema de illamento e protección que permita habilitar de novo todos os espazos da planta baixa para o seu uso e apertura ao público.
Nos plans de futuro a curto prazo, as obras de acondicionamento permitirán culminar un proceso de remodelación e reordenación de certos espazos, como a área destinada a Biblioteca-Centro de documentación, que disporá, ademais dunha maior marxe para tarefas de almacenamento e catalogación, dunha sala específica para actividades, mostras bibliográficas, e reunións do Clube de Lectura #BiblioMARCO. Tamén, o traslado da sala de talleres didácticos a outro lugar da planta baixa permitiu dispoñer dun espazo polivalente nunha das Galerías do primeiro andar, que na actualidade acolle unha parte da exposición individual de Manuel Vilariño.
Ao longo dos últimos meses, o MARCO mantivo a súa programación didáctica e actividades de divulgación dirixidas a grupos e colectivos con necesidades específicas, así como os cursos de historia da arte e historia do cinema, sexa en modalidade presencial, de xeito virtual, ou mediante unha combinación de ambas as dúas. Respecto a a programación para escolares, esencial no día a día do Museo, e que se viu limitada polas restricións sanitarias, estase a traballar nunha nova proposta que, baixo o título "MARCO ambulante", permitirá chegar aos centros de ensino dunha forma máis directa e adaptada á nova situación.
Xunto á experiencia directa das obras en salas, e dando continuidade á tendencia apuntada durante o período de confinamento —apertura de novas canles de difusión, sesións online do Club de Lectura e actividades didácticas, programación audiovisual relacionada coas exposicións— o MARCO ábrese a novos proxectos participativos e modelos de difusión. Entre eles destaca un sistema de rutas interactivas mediante unha nova aplicación do Concello de Vigo, para distintas localizacións na cidade, que proximamente se porá en marcha, e que no caso do MARCO permitirá a visitantes e usuarios acceder dende os seus dispositivos móbiles a información específica sobre as exposicións e múltiples contidos de interese.
Este ano, o 18º aniversario do MARCO coincide coa véspera da Noite Europea dos Museos o sábado 14 de novembro, convocada pola comunidade internacional en paralelo ao Día Internacional dos Museos celebrado o 18 de maio. Con este motivo, e como xesto simbólico de adhesión a esta iniciativa, o Museo reeditará na súa canle de Youtube algunhas das propostas presentadas nesa data
Portada: Vista de salas Manuel Vilariño. UM Fotografía
Enlaces:
[1] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Aniversario_600x200_1.jpg
[2] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Aniversario_200x150_1.jpg