TEXTO CURATORIAL (1)
Empecei a traballar voluntariamente como comisaria independente para a Fundación ArtAids no contexto do Congreso Internacional sobre a Sida celebrado en Bangkok (Tailandia). Invitouse a distintos artistas internacionais —entre os cales había nomes sobradamente coñecidos como Rirkrit Tiravanija, Lawrence Weiner, Jef Geys, David Goldblatt e Shirana Shahbazi— para que producisen un póster ou impresión orixinal que permitise recadar fondos para a Fundación HIVNAT, un instituto de investigación sen ánimo de lucro sito en Tailandia, que conta co apoio de Australia, Países Baixos e Tailandia. Todos reaccionaron moi positivamente a esta iniciativa. Despois da súa presentación na Queen's Gallery, un grande centro de exposicións de Bangkok, o proxecto viaxou por numerosos museos e institucións culturais de Europa. O éxito da exposición e o entusiasmo dos artistas e os equipos médicos involucrados convencéronme a min e a Han Nefkens de proseguir con esta aventura.
Invitouse ao artista belga Leo Copers para que crease unha obra pensada expresamente para a sede central de UNAIDS en Xenebra. Presentou unha instalación poética con rosas pintadas con sangue contaminado, pero cubertas con preciosas caixas douradas. Foi unha honra contar coa presenza de Kofi Annan durante a inauguración da exposición. Posteriormente, Leo Copers foi un dos catro artistas estranxeiros (xunto con Gerald Van Der Kaap, Otto Berchem e Erich Weiss) que participaron en obradoiros sobre a sida en Bangkok e Chiang Mai. Comisariado por Kate Chattiya e co título More to Love, este proxecto expositivo conseguiu un amplo eco na prensa e os medios de comunicación locais e puxo de manifesto o estigma que o VIH/sida aínda arrastra en Tailandia. O proxecto seguinte organizouse en Barcelona e reuniu a distintos artistas novos que tiñan unha relación especial coa cidade. Esta exposición, titulada On the Outside Looking In/Mirando dende fóra foi comisariada polo crítico catalán Miquel Bardagil. Todos os artistas produciron obras novas e, en ocasións, específicas para o espazo no que se mostraban. A Fundación ArtAids tamén estivo presente en dúas edicións do Festival Internacional de Benicàssim [...] e organizou un concurso de vídeo, cuxo gañador foi anunciado durante o Festival Loop de Barcelona. [...] Co obxectivo de ampliar os nosos horizontes, organizouse unha exposición no marco de Dak'Art, a bienal de arte africana contemporánea de Dakar (Senegal). O comisario belga Stef Van Bellingen seleccionou tanto a artistas europeos como africanos para que participasen nun diálogo sobre o problema do VIH. Finalmente, o comisario norteamericano Lumi Tan, a quen se concedeu a Bolsa H+F, programou unha extensa serie de actividades na cidade de Lille (Francia): exposicións, performances, proxeccións cinematográficas e conferencias.
Este último proxecto, acollido pola Fundació Joan Miró e que viaxará posteriormente ao MARCO de Vigo, é a continuación lóxica destas actividades. Novamente temos convidado a artistas contemporáneos para que creen obras novas que reflexionen acerca do tema da sida. A exposición consiste en múltiples capas que reúnen diferentes nacionalidades e xeracións diversas. Como comisaria, é unha honra poder continuar a miña colaboración coa Fundación ArtAids, porque creo aínda que as accións individuais poden dar paso a un cambio importante.
Hilde Teerlinck
[Extracto do texto para o catálogo da exposición]
TEXTO CURATORIAL (2)
Cos avances da medicina nos últimos anos, o diagnóstico do VIH ou a sida xa non se vive nos países desenvolvidos como a "sentenza de morte" que representaba nas décadas de 1980 e 1990. Hoxe en día, grazas á medicación axeitada, as persoas diagnosticadas poden desenvolver a súa vida sen que o virus apenas afecte a súa cotianidade. Isto é así dende un punto de vista médico, pero é esa a súa realidade social? Desafortunadamente, no resto do mundo as persoas con escasos recursos económicos seguen vivindo baixo aquela vella "sentenza".
Aínda que a evolución das crenzas e dos costumes nos últimos vinte anos foi significativa, non é posible afirmar que os grandes avances da medicina se ven reflectidos actualmente na realidade social das persoas seropositivas. A discriminación e a estigmatización que sofren seguen moi presentes nas sociedades contemporáneas. De aí a importancia de dar visibilidade á problemática do estigma, así como de propoñer un espazo de reflexión que ofreza perspectivas diferentes e positivas sobre unha enfermidade que pode tocar a calquera, de xeito directo ou indirecto, a través de familiares, amigos ou coñecidos.
Na primeira década que seguiu ao descubrimento do virus, un grande número de artistas mobilizáronse para denunciar os problemas sociais xerados pola desinformación, así como a realidade humana da enfermidade. Os primeiros casos de sida foron descubertos na costa oeste dos Estados Unidos en 1981, e foi neste país onde a escena artística resultou a máis prolífica en relación coa temática da sida durante os anos oitenta e noventa. [...] AIDS and Democracy: A Case Study (1988-1989), organizada polo colectivo Group Material na Dia Art Foundation de Nova York, representa un paradigma no tipo de estética colaborativa e discursiva que desenvolveu a través dos anos este colectivo de artistas fundado en 1980. [...]
Para a configuración da súa instalación Resource Room, Matt Darbyshire buscou reformular os modelos educativos aos que estamos confrontados en diferentes momentos da nosa vida. É así como se inspirou no dispositivo expositivo de Education and Democracy, a primeira parte da exposición da serie AIDS and Democracy: A Case Study, na que unha aula escolar facía de plataforma aberta para a discusión. Neste espazo, Darbyshire propón descubrir baixo unha nova perspectiva unha selección de pósteres realizados en Inglaterra durante os anos oitenta para campañas do Ministerio de Saúde Pública para previr a propagación do VIH/sida. Vémonos confrontados cunha serie de eslóganes agresivos e discriminatorios ante as diferenzas sociais. Como subliña aquí Darbyshire, este tipo de linguaxe publicitaria, que foi utilizada dende os anos oitenta, fixo do medo a súa arma para a prevención da sida. Este medo arraigouse na sociedade ata chegar a introducirse de forma natural como acompañante inherente da idea que se fai a xente deste virus e da enfermidade.
O enfoque que toma Tkaf, a instalación de Latifa Echakhch, esperta igualmente un cuestionamento sobre o xeito en que o VIH foi mediatizado e manexado polas institucións gobernamentais dende a súa aparición en 1981 e como isto puido afectar á relación entre as persoas seropositivas e as que non o son. O punto de partida de Tkaf é un escándalo de envergadura nacional que invadiu a prensa francesa nos anos oitenta, polo cal se descubriu que, na primavera de 1985, sangue contaminado do virus foi subministrado de xeito consciente a pacientes hemofílicos, toda vez que o test de detección xa estaba dispoñible dende había varios meses. É así como o virus se deu a coñecer ao público francés nun contexto de pánico e indignación.
Dende o descubrimento do virus, a poboación homosexual vese identificada como o grupo en maior risco de ser contaminado e é asociada ao sangue infectado. [...] Esta asociación da homosexualidade e da bisexualidade á sida segue moi arraigada na mentalidade dos países desenvolvidos e relaciónase de xeito natural con actitudes homofóbicas, que representan un factor importante na estigmatización das persoas seropositivas. Nos antigos países do bloque soviético, a discriminación sufrida pola comunidade homosexual estivo marcada por leis antihomosexuais creadas na Unión Soviética e que algunhas veces renaceron en certa forma, como é o caso de Lituania. [...] Neste contexto de estigmatización e discriminación da comunidade homosexual lituana, no seu vídeo Restricted Sensation, Deimantas Narkevičius busca e investiga os mecanismos da intolerancia, que se incrementou nos últimos anos e invade a sociedade lituana contemporánea. [...]
Na instalación Thai Village, o artista tailandés Sutee Kunavichayanont presenta un modelo a escala reducida dun pobo tradicional do seu país. Malia ser un dos estados pioneiros da rexión na loita contra a sida dende 1991, os tabús sociais que acompañan a enfermidade na sociedade tradicional tailandesa están aínda moi marcados, algo que busca denunciar Sutee Kunavichayanont a través desta obra na que pupitres de escola serven como soporte dunha maqueta dun pobo tradicional tailandés. [...]
Unha situación moi común nos países en vías de desenvolvemento é a infección "silenciosa" da parella cando se tiveron relacións sexuais extramatrimoniais. [...] No seu vídeo Pasos, Lorena Zilleruelo retoma unha historia semellante a través dunha narración marcada por unha peza de tango. A intensidade do baile revela a inmensidade dos sentimentos aos que se enfronta unha muller que foi infectada pola súa parella e que non só se enfronta ao medo do que leva consigo o diagnóstico, senón tamén á morte do que ama. [...]
A instalación Deadheading, de Otto Berchem, pon tamén en perspectiva o tempo transformado. Neste caso, flores separadas do seu talo xacen murchas no chan. A evolución temporal detense e a natureza da flor transfórmase e perece. Coa acumulación de flores murchas no chan ao longo da exposición, Deadheading confróntanos coa esencia do memento mori.
Investigando tamén a tensión permanente entre a vida e a morte, Christodoulos Panayiotou propón en Nowhere un estudo do ceo e a súa representación, a través da posta en escena dun momento interminable e a súa desaparición. Para Nowhere, Panayiotou presenta durante unha performance a dous pintores escénicos que se afanan cunha parsimonia case onírica sobre un pano representando un ceo que parece interminable. Unha vez a performance rematou, o ceo se dobra e só queda o recordo deste. Aquí a perspectiva da enfermidade está latente no desexo existencial de eternidade que está presente a través da representación da inmensidade do ceo.
Xogando coa inmensidade dun monumento coñecido por todos, Danh Vo propúxose reproducir a escala real a Estatua da Liberdade de Nova York. A estatua representa hoxe en día, alén do símbolo mesmo de liberdade, unha alegoría da saturación de información na que vivimos. A confrontación co símbolo a escala 1:1 nun espazo expositivo lémbranos tamén o valor orixinal deste monumento, que se esvaeceu na cacofonía global da súa reprodución masiva, do mesmo xeito que o estigma e os valores negativos asociados á sida foron sobreexpostos, deslustrando os avances positivos da medicina que aumentaron a esperanza e calidade de vida das persoas seropositivas.
Irene Aristizábal
[Extracto do texto para o catálogo da exposición]