"Ata agora, o meu traballo consistiu en varias liñas de investigación pictórica moi definidas que se poden agrupar dentro das seguintes categorías: Everyday Paintings (Pinturas do cotián), que interactúan con outras obras para crear pinturas-obxecto; Site-specific Paintings (Pinturas para un espacio concreto), que abandonan o plano vertical tradicional e a presentación moderna da pintura greenbergiana; Commodity Paintings (Liña básica: Ready-to-Wear, Loose Fit e Minimum), que salientan os conceptos de serie e repetición; Recycled Paintings (Pinturas recicladas), que reutilizan o bastidor ou o lenzo ata o infinito pintando sobre pintado a partir doutras pinturas; e Still-life Paintings (natura morta), que incorporan un obxecto.
As Still-life Paintings e Recycled Paintings constitúen a base dunha nova linguaxe, baseada no apropiacionismo na pintura: as obras son autoreferenciais e son conscientes da historia da pintura. Obras e obxectos aparecen distorsionados, inseridos un no outro, ou impulsados por outros traballos.
A última obra, Clutter (amoreamento), volve a introduci-lo uso do aluminio e dos obxectos de metal; os marcos metálicos convértense en contedores doutras pinturas; os lenzos transfórmanse en algo así como contedores de restos para reciclar.
Neste proxecto para o MARCO, volvo a considerar dous conceptos de obras anteriores: Larger than Life (Máis grande ca vida), que se presentou por vez primeira en 1998, e Stuck (Incrustado), de 2001. Durante os últimos anos, o meu traballo reflexiona sobre a "acumulación" de pinturas e o exceso de produción que, convertido en obra individual, adquire singularidade. Larger than Life (2004) e Stuck (2004) comparten similitudes conceptuais, se ben teñen máis que ver coa singularidade e a expresión que cos traballos en serie.
Ámbolos dous traballos fan referencia ao espacio. Son "site-specific", producidos especificamente para este espacio en concreto. O primeiro encáixase no seu interior e, a un tempo, ao facelo excede os límites do Espacio Anexo; o segundo incrústase no oco que dá acceso á máis pequena das dúas salas, sen poder entrar ou saír do espacio.
O Anexo ou sala de proxectos é un espacio situado na praza peonil posterior do museo, que un podería considerar como un "engadido". A idea de utilizalo como "contedor" de obras está vencellado a temas presentes nos meus traballos, como Parasite (Parasito, 1998) ou Clutter (Amoreamento, 2003); nestes casos, unha pintura contén outras. Deste xeito, arquitectura e pintura fúndense nunha única peza. O resultado final será un espacio-pintura transformado nun espacio-obxecto de natureza parasitaria onde ambos anulan os seus roles tradicionais.
A cor e a escala utilízanse tamén para representar a tradición pictórica e a arquitectura. A cor é un elemento importante nestas obras, xa que fai referencia á pintura histórica española, e á identidade do propio Espacio Anexo".
Ángela de la Cruz, 2004